Saltar ao contido

Danza dos voadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Danza dos Voadores»)
A cerimonia ritual dos Voadores
Los Voladores Aztecas durante unha representación
Patrimonio da Humanidade - UNESCO

O rito dos voadores ou danza dos voadores (en castelán Danza de los Voladores ou Palo Volador) é unha cerimonia ritual mexicana de orixe mesoamericana. O ritual consiste nunha danza e na escalada dun poste duns 30 metros, do cal catro dos cinco participantes se deixan caer ao baleiro mentres xiran e descenden progresivamente cara ao chan. O quinto permanece enriba do mastro, danzando e tocando a frauta e o tambor. Segundo un mito, o ritual foi creado para pedir aos deuses que acabasen cunha severa seca.

Foi inscrito na lista representativa do patrimonio cultural inmaterial da humanidade da UNESCO en 2009, pero só a tradición mexicana, como os voadores de Papantla, xa que foi unha candidatura inscrita en solitario só polos Estados Unidos de México.[1]

Segundo o mito totonaque, hai polo menos 450 anos, unha grave seca causou fame. Os deuses retiveron a chuvia porque a xente os tiña descoidados. A cerimonia foi creada para aplacar aos deuses e traer de volta as precipitacións. Nunhas versións da historia, o ritual foi creado por anciáns dunha aldea, que logo escolleron a cinco mozos castos. Noutras versións, foron os cinco mozos os que crearon o ritual por si mesmos. Cortaron a árbore máis grande da veciña foresta, co permiso do deus da montaña, despois de despoxala das súas ramas e arrastrala ata a vila para ser erguida. Os mozos subiron ao mastro e catro deles saltaron mentres o quinto tocaba música na parte superior. O ritual convenceu ao deus da chuvia Xipe Totec e outros deuses, de facer que volvese a chover, permitindo que a terra volvese fértil.[2],[3] Porén, a lenda non explica por que os catro voadores imitan as aves e decoran a roupas con plumas.

A orixe exacta deste ritual é descoñecida, pero crese que foi iniciado polos pobos huaxteca, nahua e otomi ou toltecas en Puebla e zonas montañosas de Veracruz.[4],[5] O ritual estendeuse por Mesoamericano até ser practicado do norte de México a Nicaragua.[6]

A cerimonia

[editar | editar a fonte]

Todo o descenso dura uns minutos como máximo, durante os cales, segundo a tradición, dan a volta 13 veces, polo que o número total de voltas das catro persoas é de 52, o que non é casual, xa que segundo o antigo calendario mesoamericano, un novo ciclo solar comeza cada 52 anos.

No pasado, a cerimonia era moito máis longa, incluíndo a talla e transporte do tronco, envolvíase con cordas ou lianas para poder trepar despois, e finalmente a parte xiratoria (o chamado tecomate) e o soporte. Antes de colocar o poste no burato cavado no chan, sacrificábase unha galiña e sete pitos pola seguridade dos bailaríns. Despois de que os danzantes marcharan solemnemente até a base da columna, pero coa cabeza inclinada para expresar a súa humildade aos deuses, daban voltas en círculos alternando direccións, e finalmente subían, sendo o líder do grupo o último.

Danza na actualidade

[editar | editar a fonte]

Hoxe, a cerimonia realízase principalmente como unha atracción turística e, en lugar de cortar unha árbore nova cada vez, realízase en postes fixos, e agora normalmente de aceiro. Un dos lugares máis famosos son os voadores de Papantla, do municipio de Papantla, no estado de Veracruz, onde teñen un poste de 37 metros de altura. Hai outra columna de voadores de 27 metros xunto a El Tajín e outro poste de 25 metros fronte ao Museo Nacional de Antropoloxía de México na Cidade de México.

A actuación non está exenta de perigo, en outubro de 2010 e decembro de 2013 producíronse accidentes onde un voador caeu do poste e morreu.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "UNESCO - Ritual ceremony of the Voladores". ich.unesco.org (en inglés). Consultado o 2024-07-25. 
  2. "Un-vuelo-sagrado-entre-el-cielo-y-tierra-la-danza-de-los-voladores". inah.gob.mx (en castelán). 
  3. "Los voladores de Papantla". www.elclima.com.mx (en castelán). Consultado o 2024-07-25. 
  4. Vargas, Sofía (2020-11-06). "Descubre el origen y el simbolismo de la danza ritual de los voladores de Papantla". My Modern Met (en castelán). Consultado o 2024-07-25. 
  5. "Orígenes de la danza del Volador". Arqueología Mexicana (en castelán). 2020-10-05. Consultado o 2024-07-25. 
  6. "¿Cuál es el significado del rito de los voladores?". Muy Interesante (en castelán). 2020-01-06. Consultado o 2024-07-25. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]