Dólar de prata do Servizo Comunitario Nacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do
Servizo Comunitario Nacional
A/: A Xustiza en pé con escudo na man esquerda, e libro e lámpada na dereita. Data e marcas de ceca (S) e de gravador (TDR).

Lendas: LIBERTY / NATIONAL COMMUNITY SERVICE / IN GOD WE TRUST

R/: Inscrición dentro de coroa de loureiro. Marca de gravador (WC).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / SERVICE FOR AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata do Servizo Comunitario Nacional é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1996 e cuñada pola Casa da Moeda de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-379, do 29 de setembro de 1994,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas para honrar os millóns de estadounidenses que ofreceron desinteresadamente os seus esforzos en proxectos de servizo comunitario.[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Thomas D. Rogers, represéntase unha figura en pé da Xustiza cun escudo na súa man esquerda e unha lámpada e un libro na dereita, como símbolos da aprendizaxe e da descuberta. Os raios do Sol rodean a chama da lámpada, que simboliza a luz do coñecemento. Sobre estes morivos está a inscrición LIBERTY ("Liberdade"). Completan as lendas o lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") característico das moedas estadounidenses, e unha inscrición alusiva ao asunto conmemorado: NATIONAL COMMUNITY SERVICE. Este deseño está inspirado noutro anterior orixinal de Augustus Saint-Gaudens,[2] que serviu para unha medalla de 1905 para a Women's Auxiliary of the Massachusetts Civil Service Reform Association.[3][4]

Pola súa banda, o reverso, obra de William C. Cousins, está protagoniozado pola lenda SERVICE FOR AMERICA e o lema E PLURIBUS UNUM rodeados por unha coroa de loureiro, co nome do país (UNITED STATES OF AMERICA) na parte superior e o valor facial (ONE DOLLAR) no exergo.[2][3]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de medio millón de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco tanto na súa versión estándar como na de acabamento especial con fondo espelllo (proof).[2][3] A emisión foi presentada e posta ao dispor do público o día 12 de xullo de 1996.[2]

A súa produción final limitouse a 23.500 moedas na súa condición estándar e 101.543 en versión proof, o que fai un total de 125.043 exemplares.[5][3]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados ao Fundnational Community Service Trust, para o financiamento de programas anovadores de servizo comunitario nas universidades estadounidenses.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]