Dólar de prata de Thomas Alva Edison

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata Thomas Alva Edison
A/: Thomas Alva Edison cunha lámpada experimental na man. Marcas de ceca (P) e de gravador (DW).

Lendas: LIBERTY / Thomas Alva Edison / IN GOD WE TRUST

R/: Primeira lámpada eléctrica de Edison, de 1879, con raios de luz estilizados. Marca de gravador (JM).

Lenda: 125th ANNIVERSARY OF THE LIGHT BULB / 1879 2004 / UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / E PLURIBUS UNUM

O dólar de prata Thomas Alva Edison é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2004 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 105-331, do 31 de outubro de 1998,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda na honra de Thomas Alva Edison, en conmemoración do 125 aniversario da invención da lámpada incandescente, en 1879.[2][3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Donna Weaver, represéntase un retrato de medio corpo de Thomas Alva Edison que sostén coa súa man dereita unha lámpada eléctrica experimental. O seu nome completo, THOMAS ALVA EDISON, reprodúcese nas lendas do anverso da moeda, xunto cos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra do gravador da US Mint John Mercanti, está caracterizado por un deseño da primeira lámpada eléctrica de Edison, de 1879, rodeada por uns raios de luz estilizados que irradian desde a lámpada. Completan o reverso unha inscrición alusiva ao aniversario conmemorado, 125th ANNIVERSARY OF THE LIGHT BULB / 1879 2004, así como o lema E PLURIBUS UNUM e as lendas alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxima de 500.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 11 de febreiro ata o 30 de decembro de 2004.[2][4][5] O seu lanzamento comercial foi presentado o 11 de febreiro no Museo do Instituto Edison en Dearborn, Míchigan, pola directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Henrietta Holsman Fore.[6]

A súa produción foi de 92.150 moedas na súa condición estándar e 211.055 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 303.205 exemplares.[4][7]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 33 dólares en condición estándar e 37 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado pola súa venda foi repartido entre as seguintes entidades, para o mantemento dos seus programas e das súas instalacións: Museo de Arte e Historia (Port Huron, Míchigan); Asociación do Lugar de Nacemento de Edison (Milan, Ohio); Servizo de Parques Nacionais dos Estados Unidos (West Orange, Nova Jersey); Museo Edison Plaza (Beaumont, Texas); Casa Museo de Inverno de Edison (Fort Myers, Florida); Instituto Edison (Dearborn, Míchigan); Torre Memorial Edison (Edison, Nova Jersey); e Salón da Historia da Electricidade (Schenectady, Nova York).[2][3][4]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O dólar de prata do 250 aniversario de Tomas Jefferson foi recoñecido co Premio Moeda do Ano de 2006 á moeda de maior relevancia histórica emitida en 2004.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]