Saltar ao contido

Círculo de Praga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Círculo Lingüístico de Praga ou Escola de Praga (en checo Pražský lingvistický kroužek, en ruso Пражский лингвистический кружок - Pražskij lingvističeskij kružek, en francés Cercle linguistique de Prague) foi un grupo de críticos literarios e lingüistas establecidos na cidade de Praga, parte do múltiplo movemento chamado Formalismo ruso. Os seus membros desenvolveron métodos de estudos semióticos e de análise estruturalista entre os anos 1928 e 1939. Despois da segunda guerra mundial e tralo golpe de estado de Checoslovaquia de 1948 o Círculo desfíxose, mais a Escola de Praga seguiu a ter influencia no funcionalismo lingüístico[1].

O Círculo incluía emigrados rusos como Roman Jakobson (o seu vicepresidente até a súa marcha de Checoslovaquia en 1939), Nikolai Trubetzkoy ou Sergei Karcevskiy, así como importantes estudosos da literatura como René Wellek e Jan Mukařovský. O primeiro presidente do Círculo foi o lingüista Vilém Mathesius, até a súa morte en 1945.

Jakobson e o Círculo

[editar | editar a fonte]

Roman Jakobson, figura central do Formalismo ruso, participara tanto no Círculo Lingüístico de Moscova como na Sociedade para o Estudo da Linguaxe Poética (OPOJAZ) de San Petersburgo, antes de mudarse a Checoslovaquia en 1920, onde fundou o Círculo Lingüístico de Praga en 1926. A súa formación recibiu a influencia da Escola Kazan, de Ferdinand de Saussure (cuxo traballo foi levado a Moscova por Sergej Karcevskij en 1917) e pola forte tradición rusa das dialécticas hegeliana e posthegeliana. Linda R. Waugh e Monique Monville-Burston (1990, p. 4) suxiren que "a influencia máis forte sobre o pensamento de Jakobson foi o axitado movemento artístico de comezos do século XX, especialmente as obras da vangarda literaria e artística: Picasso, Braque, Stravinsky, Joyce, Xlebnikov ou Le Corbusier".

Jakobson destaca que o Círculo Lingüístico de Praga está estreitamente ligado ás correntes contemporáneas tanto da lingüística occidental como da lingüística rusa: as realizacións metodolóxicas da lingüística francesa, a fenomenoloxía alemá (Husserl) e a pretendida síntese das escolas polaca (de Courtenay) e rusa (Fortunatov). Jakobson definiu a súa teoría da estrutura da linguaxe en contraste coa de Saussure, que consideraba ao tempo demasiado abstracta e demasiado estática. Jakobson tratou as formulacións dicotómicas (langue/parole, sincronía/diacronía) de Saussure dunha forma dialéctica, insistindo na estreita relación entre forma e significado, nunha situación de sincronía dinámica[2].

Contribuíntes
Influencias
  1. Hymes, D.: "Prague Functionalism" en American Anthropologist, 84, 2, p. 398). (en inglés).
  2. WAUGH & MONVILLE-BURSTON, 1990, p. 9.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]