Céfiro
Na mitoloxía grega, Céfiro (en grego Ζέφυρος Zéphyros) era o deus do vento do oeste, fillo de Astreo e de Eos. Céfiro era o máis suave de todos e coñecíaselle coma o vento frutificador, mensaxeiro da primavera. Críase que vivía nunha cova de Tracia.
En diferentes historias narrábase que Céfiro tiña varias esposas. Nunha ocasión represéntase coma o marido de Iris, a deusa do arco da vella con quen tiveron a Poto. Raptou a outra das súas irmás, a deusa Cloris, á que deu o dominio das flores. Con Cloris foi pai de Carpo (‘froita’). Dicíase que competira polo amor de Cloris co seu irmán Bóreas, a quen rematou gañando. Tamén se conta del que con outra das súas irmás e amantes, a harpía Podarxe, foi pai de Balio e Xanto, os cabalos de Aquiles.
Un dos mitos conservados nos que Céfiro aparece máis prominentemente é o de Xacinto, un fermoso e atlético príncipe espartano. Céfiro namorouse del e cortexouno, do mesmo xeito que Apolo. Ambos competiron polo amor do raparigo, que elixiu a Apolo, e Céfiro toleou de celos. Máis tarde, ao sorprendelos practicando o lanzamento de disco, Céfiro mandoulles un refacho de vento, e o disco, ao caer, golpeou na cabeza a Xacinto, que morreu. Co sangue do raparigo morto, Apolo faría a flor homónima.
Na historia de Cupido e Psique, foi Céfiro quen serviu a Eros transportando a Psique até a súa cova.
Represéntase coma un home novo, con ás de bolboreta ou fada, sen barba, semiespido e descalzo, cuberto en parte por un manto sostido entre as súas mans, do cal leva e vai esparexando unha gran cantidade de flores.
O seu equivalente na mitoloxía romana era Favonio (Favonius, ‘favorable’), quen ostentaba o dominio sobre as plantas e flores. O seu nome era moi común na Antiga Roma.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Céfiro |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Himnos órficos, 80: A Céfiro.
- Texto inglés no sitio Theoi; trad. de 1792 de Thomas Taylor.
- Thomas Taylor (1758 - 1835): neoplatónico inglés, o primeiro en traducir ao seu idioma as obras de Platón, as de Aristóteles e os fragmentos órficos.
- Texto inglés: outra edición, no sitio Sacred Texts.
- Texto inglés no sitio Theoi; trad. de 1792 de Thomas Taylor.
- Filóstrato o Vello: Cadros; I, 9: O pantano (Ελοσ).
- Texto bilingüe grego - francés no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011).