Curuxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O curuxo[1] ou sollo[2] (Scophthalmus rhombus) é un peixe plano, esquerdo, da familia dos Scophthalmidae, semellante ó rodaballo pero de menor tamaño.

O nome de curuxo é propio da costa occidental de Galicia, desde Mugardos á Guarda, coas variantes caruxo, coruxo, curuxa e cruxo; pero na costa norte, desde Pontedeume a Ribadeo, recibe os nomes de sollo e, concretamente en Mera (Oleiros), solla[3]. Outros nomes que tamén lle dan son os de brisca, rascapedras, tapa, tapaconas e tapaconos.

Características[editar | editar a fonte]

Presenta un corpo case circular ou romboidal, alto coma o rodaballo, coa cara pigmentada esquerda. A cor é castaña clara, ás veces verdosa, con manchas escuras irregulares distribuídas por todo o corpo; a estas manchas escuras debe o nome que tamén recibe de rodaballo negro, en Bares. A cara ventral é branca ou de cor crema.

As aletas dorsal e ventral mostran os radios centrais máis longos ca nos extremos, aínda que non chegan a formar ángulo, cousa que si acontece no caso do rodaballo. É característico que os primeiros radios da aleta dorsal estean soltos (sen membrana interradial) e ramificados. Outra diferenza respecto ó rodaballo é a presenza de escamas, das que carece o rodaballo, e a ausencia deses tubérculos óseos típicos deste último[4].

Os ollos son grandes e separados. A boca, grande e oblicua, e a comisura supera o bordo posterior do ollo.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Vive sobre fondos areosos de profundidade media, de 2 a 100 metros. Péscase no Atlántico Norte, no mar Báltico e no Mediterráneo. A época de reprodución é entre abril e agosto, para o que ascenden a augas de 10-20 metros de profundidade, entrando no interior das rías.

Pode medir ata 80 centímetros de lonxitude e pesar ata 3 quilogramos, aínda que as medidas habituais oscilan entre os 30 e os 50 cm. O talle mínimo son 30 cm.

Péscase con artes de trasmallo, palangre e miños.

As capturas en Galicia ascenderon a 30.261 kg en 2010, por riba das cifras de 2009: 26.981 kg[5].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para curuxo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sollo.
  3. Non debe confundirse con outro peixe plano, tamén chamado solla, que en realidade é nome que se aplica a dúas especies: Platichthys flesus e Pleuronectes platessa, moi semellantes entre si; e moito menos co sollo rei, por veces simplemente sollo, que é o esturión (Acipenser sturio) e non se parece en nada a estes peixes planos.
  4. O Padre Crespo e Cornide recolleron para este peixe o nome de escamudo, por esta razón, a diferenza de escamado, para o rodaballo.
  5. pescadegalicia.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 de Verba, 1977.
  • RODRÍGUEZ VILLANUEVA, X. L. e VÁZQUEZ, Xavier: Peixes do mar de Galicia. Xerais, Vigo 1995.