Coxsackievirus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coxsackievirus
Coxsackie B4 virus.JPG
Clasificación científica
Grupo: IV (Virus ARN monocatenario positivo)
Familia: Picornaviridae
Xénero: 'Enterovirus'
Especie: 'Enterovirus humanos A, B'

Os coxsackievirus ou virus Coxsackie son un tipo de virus que pertencen á familia dos Picornaviridae (virus de ARN monocatenarios de sentido positivo lineares sen envoltura) e ao xénero Enterovirus, xénero que tamén inclúe aos poliovirus e ecovirus. Os enterovirus están entre os patóxenos humanos máis comúns e importantes, e normalmente transmítense pola ruta fecal-oral. Os coxsackievirus comparten moitas características cos poliovirus.

Os coxsackievirus están entre os principais causantes da meninxite aséptica (os outros virus sospeitosos usuais son os ecovirus e o virus das papeiras).

Reciben o seu nome pola cidade de Coxsackie no estado de Nova York (EUA), onde se tomaron as mostras das que se illaron os primeiros exemplares.

Grupos[editar | editar a fonte]

Os coxsackievirus dividíronse nos grupos A e B baseándose nas observacións iniciais da súa patoxenicidade en ratos. Os do grupo A orixinan parálise fláccida (que está causada por unha miosite xeralizada), e os do grupo B causan parálise espástica (debida a danos musculares focais e dexeneración do tecido neural). Recoñécense polo menos 23 serotipos (1–22, 24) do grupo A e seis (1–6) do grupo B.

Tanto os do grupo A coma os do B poden causar enfermidades febrís non específicas, erupcións cutáneas, enfermidades do tracto respiratorio, e meninxite aséptica.

Grupo A[editar | editar a fonte]

En xeral, os coxsackievirus do grupo A adoitan infectar a pel e as membranas mucosas, causando herpanxina, conxuntivite hemorráxica aguda, e a enfermidade de man, pé e boca (aparecen erupcións nesas partes do corpo).

Grupo B[editar | editar a fonte]

Os coxackievirus do grupo B adoitan infectar o corazón, pleura, páncreas, e fígado, causando pleurodinia, miocardite, pericardite, e hepatite (inflamación do fígado neste caso non relacionada cos virus da hepatite). A infección polo Coxsackie B do corazón pode orixinar efusión pericárdica. Signos disto son os sons amortecidos do corazón e o pulso paradoxal.

O desenvolvemento da diabete insulinodependente foi recentemente asociada cunha infección enteroviral, especialmente a pancreatite por coxsackievirus B, o que se está investigando máis en profundidade actualmente.

Estase estudando tamén a posible conexión da síndrome de Sjogren cos coxsackievirus.

Historia[editar | editar a fonte]

Os coxsackievirus descubriunos en 1948–49 Gilbert Dalldorf, un científico que traballaba para o Departamento de Saúde de Nova York en Albany, Nova York.

Dalldorf, en colaboración con Grace Sickles,[1][2] estivera traballando na procura dunha cura para a poliomielite. Os traballos iniciais de Dalldorf en monos indicaban que o fluído recollido de preparacións de virus que non eran da polio podía protexer contra os efectos paralizantes da polio. Utilizando como vehículo ratos neonatos, Dalldorf tratou de illar eses virus protectores das feces de pacientes de polio. Ao facer eses experimentos, descubriu novos virus que a miúdo imitaban unha polio leve e non paralizante. Á familia de virus que descubriu déuselle finalmente o nome de Coxsackie, pola pequena cidade de Coxsackie, Nova York, onde Dalldorf obtivera os seus primeiros espécimes fecais.[3]

Dalldorf tamén colaborou con Gifford en moitas publicacións iniciais.[4][5][6][7]

Posteriormente viuse que os coxsackievirus causaban diversas infeccións, incluíndo a pleurodinia epidémica (enfermidade de Bornholm), e foron subdivididos nos grupos A e B baseándose na súa patoloxía en ratos acabados de nacer. O virus Coxsackie A causaba parálise e a morte do rato, que presentaba unha necrose do músculo esquelético estendida. O virus Coxsackie B causaba infeccións menos graves no rato, pero danaba a máis órganos, como o corazón, cerebro, fígado, páncreas, e músculo esquelético.

O uso de ratos lactantes non foi idea de Dalldorf, senón que se lle ocorreu ao ler unha publicación dos científicos daneses Orskov e Andersen de 1947, os cales utilizaron ese tipo de ratos para estudar un virus dos ratos. O descubrimento dos coxsackievirus estimulou a moitos virólogos a usar este sistema, e finalmente deu lugar ao illamento dun grande número dos chamados virus "entéricos" a partir do tracto gastrointestinal, que non estaban relacionados co poliovirus, e algúns dos cales eran oncoxénicos (causantes de cancro).

O descubrimento dos coxsackievirus proporcionaou novas evidencias de que os virus ás veces poden interferir co crecemento e replicación doutros virus nun hóspede animal. Outros investigadores encontraron que esta interferencia pode ser mediada por unha substancia producida polo animal hóspede, unha proteína hoxe coñecida como interferón. O interferón converteuse desde entón nun tratamento importante para varios cancros e enfermidades infecciosas.

En 2007, houbo un estalido de infeccións por coxsackievirus en China no cal morreron 22 nenos, e foron afectadas 800 persoas e 200 nenos foron hospitalizados.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dalldorf G, Sickles GM (July 1948). "An Unidentified, Filtrable Agent Isolated From the Feces of Children With Paralysis". Science 108 (2794): 61–62. DOI:10.1126/science.108.2794.61. PMID 17777513. http://www.sciencemag.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=17777513. 
  2. DALLDORF G, SICKLES GM (June 1949). "A virus recovered from the feces of poliomyelitis patients pathogenic for suckling mice". J. Exp. Med. 89 (6): 567–82. DOI:10.1084/jem.89.6.567. PMC 2135891. PMID 18144319. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2135891. 
  3. Coxsackie NY and the virus named after it posted to Virology Blog 10 AUGUST 2009 by Professor Vincent Racaniello. Accessed via internet August 20, 2012.
  4. DALLDORF G, GIFFORD R (June 1951). "Clinical and epidemiologic observations of Coxsackie-virus infection". N. Engl. J. Med. 244 (23): 868–73. DOI:10.1056/NEJM195106072442302. PMID 14843332. 
  5. DALLDORF G, GIFFORD R (November 1952). "Adaptation of Group B Coxsackie virus to adult mouse pancreas". J. Exp. Med. 96 (5): 491–7. DOI:10.1084/jem.96.5.491. PMC 2136156. PMID 13000059. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2136156. 
  6. DALLDORF G, GIFFORD R (January 1954). "Susceptibility of gravid mice to Coxsackie virus infection". J. Exp. Med. 99 (1): 21–7. DOI:10.1084/jem.99.1.21. PMC 2136322. PMID 13118060. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2136322. 
  7. DALLDORF G, GIFFORD R (February 1955). "Recognition of mouse ectromelia". Proc. Soc. Exp. Biol. Med. 88 (2): 290–2. PMID 14357417. 
  8. "China says it controls viral outbreak in children". Reuters. 2007-05-20. http://www.reuters.com/article/worldNews/idUSPEK35841720070520?feedType=RSS. In 2012, an outbreak of coxsackievirus in Southern West of Poland.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]