Corno (molusco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Corno (molusco)
Clasificación científica
Corno ou bucina
Charonia lampas nodifera 20 a.jpg

Corno é a denominación común de certos moluscos gasterópodos mariños caracterizados por posuír unha cuncha helicoidal e apuntada de gran tamaño. Pertencen á familia Ranellidae, da orde dos Sorbeoconcha.

Hai varias especies que reciben este nome, pero a especie tipo é a Charonia lampas (Linnaeus 1758), antes Charonia rubicunda (Perry 1811).

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

A cuncha é aberta, redonda e en espiral, de tamaños que superan facilm,ente os 20 cm e poden chegar ós 40 cm. Nas espiras sobresaen avultamentos nudosos regularmente dispostos. A superficie está marcada normalmente por incrustacións irregulares de poliquetos e outros organismos mariños.

A boca é ampla e está pechada por un forte opérculo córneo. É ampla e ovalada, cunha marxe grosa e de cor marrón.

A cor varía desde un branco agrisado ata castaño claro, sempre con debuxos máis marcados. O interior é de cor branca porcelana con manchas marróns nas marxes da boca.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

O seu hábitat propio é a zona intermareal inferior, sobre fondos areosos ou pedregosos, habitualmente a pouca profundidade, entre os 8 e os 50 m.

É un animal depredador que se alimenta de equinodermos, moluscos bivalvos e pequenos gasterópodos.

Importancia pesqueira e comercial[editar | editar a fonte]

Péscase con trasmallos e ó espello, accidentalmente con redes de arrastre, pero como non ten aproveitamento comercial tampouco é obxecto de pesca. Consómese en Xapón, ata onde se exporta unha vez extraída a vianda da cuncha. Antes de comelo cómpre abrandar a carne mediante a conxelación previa, como se fai co polbo.

O corno en Galicia[editar | editar a fonte]

O molusco recibe tamén os nomes de apupo, bucina, buguina, bucio e carlou.

Por extensión, chámase corno ou corna á bucina feita cunha destas cunchas, furada pola punta, utilizada tradicionalmente polos mariñeiros para indicar a súa presenza a outros barcos nos néboa. Aínda hoxe é utilizada polos pescantíns ambulantes para pregoar a súa chegada. Este instrumento recibe os mesmos nomes populares que o propio molusco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.