Conversa:Folosa de Basora

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nome común sen referencias[editar a fonte]

Non atopo ningunha referencia para este nome común, pola contra, si hai referencia para o de fulepa de Basora, está na Guía de aves de Galicia, polo que penso que o mellor é movelo. Que vos parece Lameiro, Xoio e Miguelferig? Saúdos, --Elisardojm (conversa) 31 de xullo de 2019 ás 23:13 (UTC)[responder]

Non son partidario de cambialo. O nome fulepa só aparece na guía de Penas Patiño, é dicir, non o recolle o DRAG nin outros dicionarios, mentres que folosa aparece no DRAG (ver Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para folosa.) e no Digalego (ver folosa), onde dan o nome de múltiples folosas. Parece que o nome para estes paxaros sílvidos que vai quedar é folosa e non fulepa. Esta especie é unha ave accidental moi rara en Galicia, por iso non se recolle na lista de Conde Teira (que lle chama a todas as outras aves "galegas" dese xénero folosas), nin tampouco no Digalego que menciona 8 especies de sílvidos co nome folosa (e os seus correspondestes "apelidos"), mencionando precisamente o xénero Acrocephalus, ao que pertence a especie, e outros xéneros de sílvidos similares. Por outra parte, segundo as wikipedias francesa e galega (na páxina folosa grande), taxonomicamente esta especie é resultado da separación como especie propia dunha antiga subespecie que pertencía á folosa grande (Acrocephalus arundinaceus), da que si hai referencias co nome folosa. Por tanto, trátase da ascensión á categoría de especie dunha folosa (ou fulepa como lle chama Penas e só el). Aquí pasa algo parecido ao que ocorre cando a referencia que hai do nome di que un páxaro se chama mobella e o DRAG di que se chama movella, ou cando a referencia chámalle á ave escribenta e o DRAG di que se chama escribente ou escribidora, pero non acepta escribenta, ou cando a referencia usa o adxectivo norteño, que o DRAG non acepta ; pois neste caso que nos ocupa o que se acepta é folosa. --Miguelferig (conversa) 1 de agosto de 2019 ás 11:12 (UTC)[responder]
Eu tampouco son partidario do cambio, tendo en conta as seguintes razóns:
  1. O dicionario da RAG dá, para folosa, a seguinte definición: "Paxaro de pequeno tamaño da familia dos sílvidos, insectívoro, coa plumaxe de cor verde oliva e do que existen varias especies". É dicir, recoñece que hai vaias especies (outra cousa é se pertencen á familia dos sílvidos ou á dos acrocefálidios, como recoñecen as modernas clasificacións). Por outra parte, non rexistra a voz fulepa.
  2. Na Lista das aves de Galicia, meritísimo traballo de Miguelferig, figura como folosa de Basora, aínda que indicando que cómpre referencia.
  3. No traballo do biólogo, membro da Sociedad Española de Ornitología (SEO), Miguel Ángel Conde Teira (1999): "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada". A Coruña: Chiogossa, 1: 121-138., dá, para todas as especies do xénero Acrocephalus (e tamén para as de Hippolais), o nome de folosa.
  4. Por outra parte (e non quero meterme en intimidades de reunións promovidas por Antón Santamarina e nas que participei hai tempo), son coñecidas as discrepancias entre Penas Patiño e Conde Teira.
  5. En canto ao epíteto de de Basora, cómpre ter en conta o que se di na introdución das NOMIG (edicións de 1992 a 1995): "as escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xearal e coa portuguesa en particular...". E temos, en castelán, carricero de Basora, e en italiano, cannaccione di Basora.
Polo tanto, tendo en conta todo o anterior, na miña opinión o adecuado para a Galipedia é manter o nome de folosa e Basora.
Nota: Unha pregunta, Elisardojm, en que Guía de aves de Galicia viches esa fulepa de Basora? Xoio 1 de agosto de 2019 ás 20:19 (UTC)[responder]
Unha pequena aclaración. Na Lista de aves de Galicia que eu e mais Elisarjdom reformamos e ampliamos, xa estaba ese nome. Eu fun poñendo referencias en cada un dos nomes (e outros traballos máis), e onde non atopei referencias puxen o cómpre referencia. Simplemente quería indicar que o nome non o inventei eu ; xa estaba. Por último, a Guía das aves de Galicia é a de Penas Patiño.--Miguelferig (conversa) 1 de agosto de 2019 ás 20:36 (UTC)[responder]
Si Xoio, ten o nome de fulepa no libro Guía das aves de Galicia de Penas Patiño. Nese libro tódolos paxaros deste tipo en vez de chamarse folosas chámanse todas fulepas.
Entendo a vosa postura, pero hai algo importante a ter en conta: non hai referencias para o nome folosa de Basora, polo que a Galipedia sería a fonte primaria, cousa que vai en contra da política Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria... Saúdos, Elisardojm (conversa) 1 de agosto de 2019 ás 22:12 (UTC)[responder]
Con relación ao nome común, de acordo Elisardojm e Miguelferig. Debe figurar na segunda edición da Guía de Penas Patiño, de 2004. Eu teño a primeira, de 1991.
E tamén de acordo, Elisardojm, con que a Wikipedia non é unha fonte primaria, polo que cambio o meu primeiro comentario e, segundo os usos da Galipedia, penso que o artigo debería titularse co nome científico, Acrocephalus griseldis, como se fai noutros casos simliares. --XoioÉche o que hai 2 de agosto de 2019 ás 14:05 (UTC)[responder]
Ah, si, Xoio, esquecinme indicar que era esa edición. Por outra banda, temos referencia para o nome "fulepa de Basora"... Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de agosto de 2019 ás 14:32 (UTC)[responder]