Conversa:Carso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Karst[editar a fonte]

Non me acaba de convencer carso como nome principal da páxina. Carso é un topónimo de xeografía dunha rexión do leste de Italia. Outra cousa é o termo xeolóxico e xeomorfolóxico karst, que é coñecido así internacionalmente porque o bautizou así o autor que o describiu, Jovan Cvijić. A rexión onde se observa esta xeomorfoloxía que primeiro se estudou esténdese non só por Italia (il Carso), senón tamén por Eslovenia (Kras) e Croacia (Krs), pero o autor serbio que describiu esta xeomorfoloxía publicou en alemán (daquela a zona pertencía ao Imperio Austro-Húngaro) e utilizou a forma alemá Karst. Esta é a forma que tivo éxito en todo o mundo na literatura científica. Hai zonas kársticas nos cinco continentes. Penso que karst é a escolla máis lóxica como nome principal da páxina, ou alternativamente, se se quere, carst (por aquilo de que non hai k na ortografía galega normal). En xeomorfoloxía e ciencias da Terra é a cousa máis común e corrente que os termos teñan a forma ortográfica dos idiomas locais nos que foron estudadas. Por exemplo, un termo internacional de xeomorfoloxía é a palabra galega ría, que segundo teño entendido foi introducida na literatura científica por Ferdinand von Richthofen en 1886 para describir os vales fluviais inundados polo mar (ver nas wikipedias inglesa e alemá, por exemplo, as paxinas ria e ria). Na xeomorfoloxía glaciar hai moitas palabras escandinavas, na dos desertos moitas palabras árabes, palabras en alemán, inglés, polinesio, esquimó, corso etc: esker, varva, barkhan, oued, graben, rift, drumlin, serac, pahoehoe, nunatak, horn, horst, neeck, taffoni, uvala, polje, lenar, erg, talweg, lapilli... Outras palabras con k usadas en xeomorfoloxía son, por exemplo, kame, karren, klipe, koppie, kunkar... (supoño que non quererán que as escribamos todas con c). De todos modos, carso non é máis galega que karst (unha é palabra italiana e outra alemá, pero non galegas).--Miguelferig (conversa) 8 de xaneiro de 2016 ás 18:17 (UTC)

  • A proposta de Miguel é dunha lóxica aplastante. Eu engadiría máis, para inclinarme pola forma galeguizada carst. Nin karst/carst nin carso veñen recollidos no DRAG nin no Volg; tampouco na Gran Enciclopedia Galega, pero si na Enciclopedia Galega Universal, que recolle karst e carst (define nesta segunda forma). O Vocabulario das Ciencias Naturais (Xunta, 1991, supervisado polo ILG) recolle nada máis cárstico (adx). Ningunha fonte abona carso, ¿non será un lusismo máis? Pedro --Lameiro (conversa) 8 de xaneiro de 2016 ás 18:47 (UTC)
    • Hai un Diccionario galego de Xeografía (D.X. Política Lingüística 1993) que só recolle a forma cars. Pedro --Lameiro (conversa) 8 de xaneiro de 2016 ás 19:40 (UTC)
No Gran Dicionario Xerais da Lingua indican as formas cars, que derivan a carst, cársico que derivan a cárstico, carsificación que derivan a carstificación; e logo definen carst, cárstico, carstificación e carstificar, que nos leva de novo á forma carst (non din nada de carso). Voulle comentar a Xoio, que creou o artigo, se pode achegar referencias para esa denominación. Saúdos, Elisardojm (conversa) 10 de xaneiro de 2016 ás 22:26 (UTC)
Eu penso que se debería manter o t final, xa que o termo non procede do topónimo (directamente) senón do termo da literatura científica que foi introducido en alemán (karst). Outra cousa é que sexa mellor escribilo con c (carst), porque na ortografía galega se procura evitar o k. Talvez a mellor solución é carst. Pero xa dixen antes que hai infinidade de termos con k en xeomorfoloxía e xeoloxía. En italiano é distinto, porque eles xa teñen como forma propia o topónimo Carso. Ao final todo dependerá do que decidan os normativizadores, pero espero que non decidan facer cousas orixinais (para o galego) e que se ateñan ao que é máis común nos idiomas principais. Cando fan iso, despois "non gusta" entre a xente que o ten que usar e ás veces acaban cambiando a normativa da palabra ou admitindo dúas formas, como fixeron con outras cousas. Outro termo que foi conflitivo e no que houbo vacilacións é, por exemplo, morrena ou morena ou morea (do francés moraine, morraine), para o que non deberían buscar termos transformados, como se a palabra fose unha palabra galega patrimonial, que non é (é outro termo científico, que foi introducido na literatura científica dunha determinada maneira, polo que debe ter unha adaptación mínima, e para min morea sería o termo peor ; actualmente recomendan morena).--Miguelferig (conversa) 11 de xaneiro de 2016 ás 12:51 (UTC)
Lameiro e Miguelferig copio abaixo o comentario de Xoio sobre o tema para que sigamos falando. Saúdos, Elisardojm (conversa) 14 de xaneiro de 2016 ás 01:26 (UTC)

Ola, Elisardo. Estiven uns días fóra, e acabo de ver o que me dis das referencias de carso. Efectivamente, nas referencias dos dicionarios e enciclopedias en galego a forma escollida maioritariamente é carst, tirado, ao parecer, do termo alemán Karst, adaptándoo co cambio da inicial k por c, e mantendo o t final. A min, particularmente, non me gusta dita adaptación. Pero claro, eu non son ningunha autoridade. O dicionario da RAG, de momento, non inclúe este termo en ningunha das súas variantes. Pero, tendo en conta, por exemplo, o DRAE, parece máis correcto o que propón a Academia Española, que prefire karst —o termo utilizado maioritariamente na bibliografía xeolóxica internacional, que é a forma alemá, pero con inicial minúscula— que a, menos recomendábel, carst. De coller o termo alemán, pois mellor coa k inicial. Por outra parte, estes dicionarios, que din seguir as NOMIG para a introdución de termos non incluídos no dicionario da Academia, non segjuen as recomendaciós desta douta institución que di claramente (NOMIG, 2003, p. 12) que «para o arrequecemento do léxico científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego». E en portugués, entre outras, admítese a forma italiana carso (patrimonal nese idioma, que é románico). Por outra parte, a Galipedia si que admite carso como termo xeográfico; e carso, rexión xeográfica, ten a mesma etimoloxía que *carst, formación xeolóxica. E por outra, que *carst non é conforme ás caracaterísticas estrururais do galego. Por todo iso penso que:

Mentres que a autoridade académica non se pronuncie, deberiamos adoptar, ou ben karst, como termo xeolóxico, na nomenclatura internacional, ou ben carso, forma italiana e portuguesa, conforme á estrutura do galego.
Finalmente, como eu non podo cambiar títulos de artigos (redireccións, talvez si), fai o que consideres oportuno. --XoioÉche o que hai 13 de xaneiro de 2016 ás 17:45 (UTC)
Engado algunhas novidades á discusión, que poden ser do interese de Xoio, Elisardojm e Lameiro e outros. O DRAG xa admite as formas kárstico e cárstico, pero non menciona carst (ver Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para kárstico.) e igualmente o Digalego admite cárstico, carstificar, carstificación e tamén carst* (ver carst*), pero non admite as formas con k, aínda que si outros termos xeomorfolóxicos con k, como kame (ver kame*), ou con outras ortografías exóticas, como polje* (ver polje*), que é tamén un termo da xeomorfoloxía cárstica. Nin o DRAG nin o Digalego conteñen carso nin cars nin cársico. Parece que o que dicía Xoio de que Academia non se pronunciara aínda, actualmente xa non é exactamente así.--Miguelferig (conversa) 20 de novembro de 2018 ás 22:33 (UTC)

Ligazóns externas modificadas (abril 2019)[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 1 ligazóns externas en Carso. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre como corrixir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 28 de abril de 2019 ás 19:37 (UTC)