Convento de San Xoán de Poio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 23 de xuño de 2012 ás 15:50 por Estevoaei (conversa | contribucións) (coordenadas)

Coordenadas: 42°26′47″N 08°41′05″O / 42.44639, -8.68472

Fachada da igrexa conventual.

San Xoán de Poio é un mosteiro medieval beneditino, ocupado actualmente por unha comunidade de mercedarios.

Situación

Sitúase na parroquia de San Xoán de Poio no concello de Poio, na comarca de Pontevedra, preto da capital provincial.

Historia

Ficheiro:Mosteiro de San Xoán de Poio 1.jpg
Claustro das laranxeiras.

A data de fundación é difícil de precisar. A tradición mantén que foi fundado por Froitoso de Braga e os seus discípulos no século VII, e tres séculos máis tarde, no reinado de Vermudo III foi reconstruído nun lugar distinto pero próximo ó da primeira fundación. O documento máis antigo que se conserva que o mencione data do ano 942.

Desde entón recibiu numerosos privilexios reais e nobiliarios incorporándose a Congregación de San Bieito de Valladolid, coa que comeza a súa época de maior esplendor. Nela chegou a ter un colexio maior de teoloxía desde o ano 1548 a 1556.

No ano 1581 comezaron as obras da actual igrexa e as do claustro procesional, e desenvolvéronse entre 1600 e 1612. Sobre a construción da nova igrexa resaltar a existencia dun plano a finais do século XVII de frei Gabriel de Casas, por aqueles tempos mestre de obras de San Martiño Pinario.

No ano 1613 comezou a funcionar o Colexio de Pasantes de San Xoán de Poio que non pararía o seu quefacer ata o decreto de exclaustración de 1834. Tralo seu abandono polos beneditinos coa desamortización no ano 1890 foi ocupado polos mercedarios que seguen a ocupalo na actualidade.

Descrición

A fachada do mosteiro é unha obra barroca de sinxela traza na que destaca a portada cunha hornacina na que se aloxa a imaxe de San Bieito.

A igrexa

A obra foi contratada a Pedro de Monteagudo no ano 1691 seguindo unha traza de Gabriel de Casas. No ano 1700 a obra estaba inacabada e tivo que ser rematada por outro mestre. As torres, en opinión dalgúns autores, como Bonet, son postas en relación co barroco compostelán, concretamente co quefacer de Fernando de Casas e Novoa.

A fachada da igrexa enmárcase por dúas esveltas torres cunha portada con dous pares de columnas dóricas no corpo inferior e outros dous pares de columnas corintias no superior. Sobre a portada unha imaxe de San Xoán Bautista.

O interior da igrexa foi comezado baixo unha traza clásica e adquirindo elementos barrocos durante o seu dilatado proceso de construción, que rematou no século XVIII. Deste xeito a obra non foi rematada seguindo o plano orixinal, pese a que si se respectou en gran medida, e no ano 1708 estábase trallando no abovedamento do cruceiro e no ano 1731 na construción da sancristía. Incluso no ano 1743 o Padre Sarmiento sinala que a igrexa aínda estaba aberta.

Configúrase nunha única e ancha nave cuberta con bóvedas de canón e bóvedas de aresta. Nela ábrense tres pequenas capelas, abertas con arcos de medio punto e sobre eles unha serie de balcóns.

A capela maior adórnase co retablo maior, obra realizada cara ao ano 1735, e estruturado en columnas salomónicas. Mostra imaxes de santos mercedarios procedentes do convento de Madrid, xunto a imaxes da Virxe da Mercede, patroa da orde, e de San Xoán Bautista, patrón do convento. O antigo retablo maior contratado a Bernardo Cabrera no ano 1631 foi aproveitado en parte para o retablo da capela do Cristo (antiga sancristía) na que se aloxa o sepulcro suevo-visigótico de Santa Trahamunda.

Os claustros

O claustro da portería ou dos laranxos é de planta rectangular e dividido en tres alturas todas en orde toscano. Foi construído entre o ano 1747 e 1749 ao mesmo tempo que a escaleira de honra.

O claustro principal ou das procesións é de menor tamaño e construíuse baixo a dirección de Mateo López no século XVI seguindo as trazas de Juan Ruíz de Pamames. De planta cadrada consta de dúas alturas distribuídas en arcos de medio punto. As naves cóbrense con bóveda de crucería estrelada.

Situación actual

No convento séguese levando a cabo vida monacal e atópase en bo estado de conservación.

Na actualidade as dependencias claustrais, a antiga cociña, a sala capitular e o refectorio destínanse a museo.

Espazos anexos

Conta, tralo edificio monacal, cun hórreo de boas dimensións.

Galería de imaxes

Véxase tamén

Outros artigos