Confiteor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Confiteor (así chamado pola primeira palabra en latín, que significa 'eu confeso') é unha oración católica para a confesión xeral dos pecados ante Deus, usada no rito romano ao comezo da misa e noutras ocasións como preparación para a recepción dalgunha graza. Tamén se reza nos servizos luteranos e nos cultos anglicanos.

Historia[editar | editar a fonte]

O texto aparece no Ordo Missæ do Misal romano. É dicir, forma parte fixa do rito romano da misa e da administración do sacramento da comuñón. Co Confiteor, tanto o sacerdote coma os acólitos e os fieis recoñecen pecaren e solicitan a misericordia e perdón de Deus.[1]

Baixo diferentes fórmulas, a oración existe desde os inicios do Cristianismo. Santo Agostiño xa fai referencia ao costume de recitala batendo no peito coa man dereita en sinal de humildade. O xesto de se golpear un mesmo durante o arrepentimento aparece tamén en Xeremías 31, 19.

O Confiteor foi dende datas temperás unha das oracións privadas que dicía o celebrante na sancristía antes de comezar a Misa. Nas Regula Canonicorum de San Crodegango (s. VIII), as preguntas que lle fai sacerdote ao penitente denantes da confesión conteñen unha fórmula semellante ao Confiteor: “Primeiro de todo, próstrate humildemente ante Deus… e ora á Bendita Virxe María cos santos Apóstolos e mártires e confesores para que oren por ti ante o Señor". Tamén Egberto de York (s. VIII) dá unha forma curta que é o xerme da oración actual: “Dille a El a quen desexas confesar os pecados: pola miña culpa pequei abondo de pensamento, palabra e obra”.

No Micrologus, de Bernoldo de Constanza (s. XI), o Confiteor aparece por primeira vez como parte da introdución da Misa e a preparación facíase xa no altar.

A forma, e especialmente a listaxe dos santos invocados, varía considerablemente na Idade Media. No misal do papa Paulo III (1534-1549) engádese a san Pedro. Desde a edición de Pío V (1566-1572) só algunhas ordes teñen o privilexio de incluír o nome do seu fundador. Fóra diso, a oración debe dicirse sempre tal como está no Misal Romano de Paulo VI[2].

Texto[editar | editar a fonte]

Latín Galego
Confiteor Deo omnipotenti, et vobis, fratres;
quia peccavi nimis cogitatione, verbo, opere et omissione:
mea culpa, mea culpa, mea maxima culpa.
Ideo precor beatam Mariam semper Virginem,
omnes angelos et sanctos et vos, fratres,
orare prol me ad Dominum, Deum nostrum. Amen.[3]
Eu confeso ante Deus Todopoderoso e ante vós irmáns
que pequei moito de pensamento, palabra, obra ou omisión.
Pola miña culpa, pola miña culpa, pola miña gran culpa,
por iso rogo a Santa María, sempre Virxe,
aos Anxos, aos Santos e a vós irmáns
que intercedades por min ante Deus o noso Señor. Amén.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ribera, Pai Luis de (1959). Misal diario latino-español y devocionario (en castelán). Barcelona: Regina. p. 19. 
  2. "Confíteor - Enciclopedia Católica". ec.aciprensa.com. Consultado o 2021-03-24. 
  3. Missale Romanum : ex decreto sacrosancti Concilii Tridentini restitutum summorum pontificum cura recognitum (Editio iuxta typicam ed.). Barcinone: Herder. 1961. p. 337. 
  4. "Oracións de defuntos :: Xa nos tes aqui". xanostesaqui.webnode.es. Consultado o 2021-03-24. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]