Comisión para a Verdade e a Reconciliación (Suráfrica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Comisión para a Verdade e a Reconciliación (en inglés: Truth and Reconciliation Commission) foi un organismo oficial creado polo goberno de Suráfrica que buscaba alcanzar a xustiza restaurativa despois do fin do réxime do apartheid.[1]

As persoas que eran identificadas como vítimas de graves violacións ós dereitos humanos eran convidadas a prestar declaración sobre as súas experiencias. Moitas destas vítimas ofreceron os seus relatos en audiencias públicas. Os autores dos feitos violentos podían tamén confesar os seus crimes, e eran as súas propias vítimas as que decidían se concederlles a impunidade. O tribunal da TRC nunca funcionou como equipo xudicial, senón como intermediario entre vítimas e agresores.

Creación e fundamentos[editar | editar a fonte]

A Comisión fundamentouse na Lei para a Promoción da Unidade Nacional e a Reconciliación, sancionada en 1995. Foi encabezada polo arcebispo Desmond Tutu quen estabeleceu como lema da mesma : "Sen perdón non hai futuro, pero sen confesión non pode haber perdón". Publicou un informe oficial en 1998 que foi entregado ó entón presidente Nelson Mandela.[2]

Existen valoracións moi diversas sobre o resultado da Comisión. Os seus detractores consideran que proporcionou impunidade a criminais confesos. Os seus defensores argumentan que permitiu o esclarecemento de desaparicións e outros delitos que quedarían na escuridade doutro xeito, así como que facilitou que as vítimas recibisen indemnizacións e recoñecemento polo seu sufrimento. Bastantes observadores consideran que este proceso de reconciliación e procura da verdade, relacionado co concepto tradicional que os surafricanos chaman Ubuntu, facilitou a transición política surafricana. En calquera caso, é indubidable que se converteu nun modelo para posteriores organismos que usaron o nome de Comisión para a Verdade e a Reconciliación en distintos países que saían de períodos de violencia, ditadura ou guerra civil.

As audiencias públicas levadas a cabo pola Comisión poden verse representadas no filme In My Country.

Notas[editar | editar a fonte]