Serpe riscada
| Serpe riscada | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Rhinechis scalaris Heinrich Rudolf Schinz 1822 | |||||||||||
|
Instancia de
| |||||||||||
|
Categoría taxonómica
| |||||||||||
|
Taxon superior
| |||||||||||
|
Sinonimia
| |||||||||||
| Conservación | |||||||||||
|
Identificador UICN
| |||||||||||
| Distribución | |||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||
| Reino | Animalia | ||||||||||
| Filo | Chordata | ||||||||||
| Clase | Reptilia | ||||||||||
| Orde | Squamata | ||||||||||
| Familia | Colubridae | ||||||||||
| Xénero | Rhinechis | ||||||||||
| Especie | R. scalaris | ||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||
A serpe riscada,[1] ás veces cobra de escada[2][3] ou cobra riscada,[4] (Rhinechis scalaris) é unha especie non velenosa de cobra que é común no suroeste de Europa.
Descrición
[editar | editar a fonte]É totalmente inofensiva, desprovista de glándulas de veleno, aínda que pode trabar como mecanismo de defensa.
Trátase dunha serpe grande e robusta, de corpo groso e musculoso co que poden esganar ratas e crías de coello. A cabeza é pequena, ben diferenciada do corpo e co fociño prominente. A cola é curta e vén representando o 15% da lonxitude total. A lonxitude media rolda 100-120 cm, aínda que existen citas de exemplares de 150 cm ata 198 cm.[5] As femias son algo maiores e robustas que os machos. As escamas dorsais son lisas e distribúense en 25-30 fileiras lonxitudinais.
A cor propia da especie, nos adultos, é amarelada ou ocre no dorso e flancos, pero tamén pode ser parda escura. O corpo está percorrido lonxitudinalmente por dúas liñas paralelas negras ou mouras, que resultan características da especie; é frecuente que aparezan outras dúas liñas nos costados, pero sempre máis difusas, así como pintas pouco nítidas.

Os exemplares xuvenís ou subadultos mostran esas liñas dorsais cruzadas con trazos perpendiculares, o que dá a imaxe dunha escada de man, imaxe á que deben o nome. A medida que o animal crece, coas sucesivas mudas van desaparecendo os trazos transversas da escada.
O ventre é de cor branca ou cinsenta, por veces amarelada. Nos adultos non mostra ningún debuxo pero nos xuvenís obsérvase un moteado negro moi visible, tamén característico da especie.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]O período de hibernación esténdese de outubro a marzo, aínda que en áreas costeiras, de climatoloxía suave, pode observarse ocasionalmente en febreiro ou en novembro. É de hábitos principalmente diúrnos aínda que no verán pode cazar durante o crepúsculo ou a noite.
Aparéase entre abril e xuño e a posta, de 4 a 24 ovos, realízase de 22 a 44 días trala cópula, en xullo ou agosto. Fai a posta baixo pedras ou en galerías escavadas por micromamíferos. Os ovos son brancos e longos (de ata 7 cm), e tardan en eclosionar 50-60 días, en función da temperatura ambiental, e as crías nacen cun tamaño de 20-30 cm
Os exemplares xuvenís aliméntanse de insectos, pequenos lacértidos e crías de roedores; os adultos depredan roedores[6], pequenas cobras e lagartos e, os de maior tamaño, tamén crías de coellos e de aves (é quen de rubir polas árbores sen dificultade na procura de niños, e tamén sube polos muros desprazándose polas gretas entre as pedras). Mata ás súas presas por constrición.
Á súa vez, a cobra de escada é vítima habitual de aves rapaces ou, cando son aínda xuvenís, doutras cobras e carnívoros pequenos.
Ten un comportamento agresivo cando se ve atacada. Cando se lle quere botar a man adopta unha actitude de defensa coa que pretende amedrentar ó agresor: abre a boca, incha a gorxa e mostra os dentes, e emite fortes bufidos. Pode chegar a morder, e a trabada resulta dolorosa se se trata de exemplares grandes, pero en ningún caso é velenosa.[7]
Distribución
[editar | editar a fonte]A cobra de escada é un réptil propio da Península Ibérica[8] (incluídas a illa de Menorca, probablemente introducida en tempos históricos), se ben se estende tamén polo sur mediterráneo de Francia (Rosellón, Provenza, Alpes Marítimos) e, puntualmente, no noroeste de Italia (Liguria Occidental). Está ausente da franxa cantábrica e nos Pireneos.
En Galicia é común en toda a metade sur, escaseando na metade norte, nas provincias da Coruña e Lugo[9]. Tamén está presente na Illa de Ons (pero non noutras illas do arquipélago) [10] e na Illa de Arousa.
Vive en hábitats de todo tipo (terras de labor, espazos rurais, piñeirais, soutos, muros, etc), con preferencia por lugares secos e zonas de matogueira soleadas, pedregosas, como corresponde ós seus hábitos termófilos. Nas zonas sombrías das áreas montañosas non se observa, pero si nas abas orientadas ó sur.
Ameazas
[editar | editar a fonte]A cobra de escada no está incluída no Catálogo Español de Especies Ameazadas, pero si no Catálogo Galego de Especies Ameazadas no que respecta á poboación da illa de Ons. Está distribuída en case toda a península e se considera relativamente abundante. Os factores antrópicos que ameazan a especie son a canalización dos ríos e a desaparición de sebes, que provocan perdas no seu hábitat natural; e os atropelos nas estradas: sábese que adoitan buscar a calor do asfalto das estradas e isto provoca numerosas mortes baixo as rodas dos vehículos.
Galería
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "bUSCatermos". aplicacions.usc.es. Consultado o 2025-07-16.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos", en Cadernos de Lingua, 13, páx. 85. Real Academia Galega.
- ↑ Daviña Facal, Luís (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 996. ISBN 84-95335-46-8
- ↑ Definición de cobra no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Galán Regalado e Fernández Arias, 402.
- ↑ Hai estudos en Alacant nos que representan ata o 70% da dieta.
- ↑ "El autor de estos artículos ha padecido multitud de mordiscos de esta culebra... Jamás hemos sentido el menos transtorno por el contacto con su saliva que... contiene una serie de enzimas digestivas no exentas de toxicidad para las presas menudas" (José Curt: "La facilidad para trepar de la 'cobra de escada'", en La Voz de Galicia 16.10.1993).
- ↑ O Ministerio de Medio Ambiente calificábaa como de cuasi endemismo ibérico.
- ↑ Na de Lugo, a localidade máis ó norte onde se rexistra a súa presenza é Negueira de Muñiz. Na da Coruña, o Monte Pindo e a Ría de Corcubión.
- ↑ MITECO: Culebra de escalera.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- GALÁN REGALADO, Pedro e Fernández Arias, Gustavo: Anfibios e réptiles de Galicia, Xerais, Vigo 1993.
- Varios: Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo I: Peixes, anfibios, réptiles e mamíferos, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela 1995.
- Pérez Mellado, Valentín, e Sacristán, Antonio: Los anfibios y reptiles, Penthalon ediciones, Madrid 1997.
- Václav Lanka e Zbysek Vít: Anfibios y reptiles, Susaeta, Madrid 1985.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Elaphe scalaris (Schinz, 1822). Culebra de escalera (en castelán)
- Juan M. Pleguezuelos: "Culebra de escalera (Zamenis scalaris, Schinz, 1822)" (en castelán)
Outros artigos
[editar | editar a fonte] Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |
