O Club de Roma é unha asociación internacional creada o 8 de abril de 1968 con sede en Alemaña que se ocupa de diversas cuestións da política internacional. Os fundadores foron Alexander King e Aurelio Peccei.
Chamou a atención do público co informe The Limits to Growth, publicado en 1972 e coñecido como informe Meadows, que prevía que o crecemento económico non podería continuar indefinidamente debido á limitada dispoñibilidade de recursos naturais, en concreto do petróleo. Foi publicado en galego pola Editorial Galaxia co título «Os límites do crecemento. Informe para o proxecto do club de Roma sobre os retos da humanidade».[1]
A crise do petróleo de 1973 acentuou a preocupación polo problema. Algunhas das previsións máis temidas realizadas polo Club de Roma na década de 1970 sobre o esgotamento dos recursos aínda non se cumpriron.
Segundo a súa páxina web, está formada por “científicos, economistas, empresarios, altos cargos, xefes de Estado e ex xefes de Estado dos cinco continentes que están convencidos de que o futuro da humanidade non está decidido e que todo ser humano. pode contribuír á mellora das nosas sociedades". O presidente do capítulo español do club é, desde 2001, Isidre Fainé.