Christophe-Jean Dumont
Nome orixinal | (fr) Christophe Dumont |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (fr) Jean-René Dumont 22 de xuño de 1898 Francia |
Morte | 11 de febreiro de 1991 (92 anos) Francia |
Director Istina (en) | |
1927 – 1967 – Bernard Dupuy (pt) → | |
Actividade | |
Campo de traballo | Teoloxía cristiá e ecumenismo |
Ocupación | escritor, teólogo cristián |
Orde relixiosa | Orde dos Predicadores |
Premios | |
Christophe-Jean Dumont, O.P., nado como Jean-René Dumont o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes (Francia) e finado o 11 de febreiro de 1991 en París, foi un relixioso dominicano, membro do Apostolado Ruso, sacerdote greco-católico, e pioneiro do ecumenismo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Jean-René-Louis Dumont naceu o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes, fillo de Henri e de Nelly (de apelido de solteira Henneton).[1] Estudou no colexio Notre-Dame da súa vila natal, e posteriormente, en 1913 continuou os seus estudos no colexio Saint-Jean de Passy dos lasalianos, entón refuxiados en Froyennes (Bélxica).[1] A ocupación de Bélxica e do norte de Francia na primeira guerra mundial truncou os seus plans de continuar os seus estudos, e foi requirido para ensinar matemáticas en Notre-Dame de Valenciennes (até 1916) e posteriormente no seminario maior de Cambrai (até 1918).[1] Ao rematar o conflito foi chamado para facer o servizo militar, e un ano máis tarde, o 23 de setembro de 1920 fixo a profesión simple como relixioso dominicano en Kain.[1]
Cursou toda a súa formación relixiosa en Filosofía e Teoloxía na casa dos dominicanos en Kain, Le Saulchoir; alí tomou o nome de Christophe, fixo os votos solemnes o 23 de setembro de 1923, e foi ordenado sacerdote o 23 de xullo de 1924.[1] Naqueles anos, a provincia dominicana de Francia decidiu encargarse —logo dunha petición do papa Pío XI— da posta en marcha dun seminario ruso en Lille e dedicarlle dous relixiosos, François Foulon e Henri-Jean Omez. O seminario de San Basilio comezou a funcionar en setembro de 1923.[1] No verán de 1924 Dumont acompañou a Omez nun viaxe ao leste de Europa, participando no IV Congreso de Velehrad, viaxando por Polonia oriental co apoio de Andrei Sheptytskyi, e visitando a Laura de Pochaiv, onde coñeceron ao metropolita Dionizy Waledyński.[1]
En 1926 foi asignado ao seminario san Basilio de Lille e se matriculou en Lingua rusa na universidade.[1][2] O 4 de marzo de 1927 fixo unha primeira solicitude para pasar ao rito bizantino, que lle foi denegada.[1] No verán de 1927 foi tamén asignado ao seminario o francés de orixe checa Antoine Hubatzek; o grupo formado polos tres dominicanos (Omez, Hubatzek, e o propio Dumont) proporcionou unha estabilidade ao seminario.[1][3] Porén, as vocacións que chegaron ao seminario foron escasas, especialmente logo da creación do Pontificio Colexio Ruso en 1929 en Roma, con moitos máis recursos.[1]
Dumont pasou ao rito bizantino finalmente o 30 de xullo de 1928, e participou na creación e consolidación do centro «Istina» (Verdade), dedicado principalmente a Rusia e ao oriente cristián en xeral.[1] Colaborou na revista Revue des sciences philosophiques et théologiques con varios boletíns sobre a historia das doutrinas cristiás orientais logo do cisma, nos que daba a coñecer a obra de pensadores cristiáns acatólicos non traducidos ao francés; outros traballos deste período son os referidos á persecución relixiosa na Unión Soviética.[1] En 1932 a Comisión Pro Russia destituíu a Omez,[4] e pechou o seminario, transformándoo en 1933 nunha casa para a atención dos rusos da rexión.[1]
Entre 1932 e 1967 a súa traxectoria estivo vencellada principalmente á dirección do centro «Istina». Até 1936 traballou con Hubatzek tratando de animar o centro ruso, sen demasiado éxito. Solicitou o seu traslado a París, onde a presenza de católicos rusos era maior, e en agosto de 1936 pasou a ser reitor da igrexa greco-católica da Santa Trindade; a súa actividade motivou que se lle distinguira co título de «arquimandrita» en 1938.[1][5] Durante estes anos tamén continuou a aumentar os seus coñecementos sobre o cristianismo ortodoxo: estivo en 1935 no mosteiro de Valaam, e en 1939 noutro mosteiro en Estonia; en 1936 asistiu tamén a un congreso teolóxico ortodoxo en Atenas.[1]
O estoupido da segunda guerra mundial significou un golpe importante para o centro «Istina», pola marcha de Iuliia Danzas a Roma en 1939, e pola mobilización de Hubatzek, quen foi prisioneiro de guerra e quen non volveu ao centro despois da súa liberación; a Congregación para as Igrexas Orientais enviou entón a Aleksandr Kulik para axudar na parroquia.[1] Porén, a Ocupación de Francia levou a fuxida de moitos rusos, o que tamén impactou negativamente na vida da parroquia. Nesta época ampliou tamén a súa actividade ecuménica aos protestantes, a petición de Henriette Ferrary.[1] Estes acontecementos levaron a que en xullo de 1943 trasladara ao capítulo da súa orde a conveniencia de disociar a actividade do Centro e da parroquia, en previsión de que tomarían camiños diferentes.[1]
Durante os anos seguintes foi mudando a súa actitude cara a unha visión ecuménica máis ampla, como trasladou por carta en 1946 a Giovanni Battista Montini co informe "Le mouvement catholique en faveur de l'Unité chrétienne. Sa raison d'être. Ses caractéristiques. Mesures à prendre pour assurer la rectitude de son développement et l'efficacité de son effort".[6] En 1947 a Congregación para as Igrexa Orientais adquiriu unha propiedade de maior tamaño e posibilidades para o centro ecuménico. Ademais da formación no centro, traballou con discreción as relacións con outros cristiáns (luteranos, ortodoxos, anglicanos) e co Consello Mundial das Igrexas.[1] Na década de 1950 tamén teceu relacións coas igrexas de Grecia e Constantinopla, encontrándose por dúas ocasións co patriarca Atenágoras I.[1]
Foi representante da prensa católica na primeira conferencia panortodoxa, celebrada en Rodas entre o 24 de setembro e o 1 de outubro de 1961.[7]
O 15 de setembro de 1973 foi nomeado membro consultor da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo).[8]
En 1979 volveu a Francia, pasando a residir no convento da Anunciación de París; alí comezou a escribir as súas memorias, que non chegaría a publicar.[1]
Finou o 11 de febreiro de 1991 en París, nunha residencia para sacerdotes anciáns.[2][1]
Obra
[editar | editar a fonte]- L'Église orthodoxe russe en face du communisme [A igrexa ortodoxa rusa fronte ao comunismo]. 1950.
- Problèmes de l'unité chrétienne [Problemas da unidade cristiá]. 1953.
- Les voies de l'unité chrétienne: doctrine et spiritualité [As vías da unidade cristiá: doutrina e espiritualidade]. 1954.
- Diversité des rites orientaux et enrichissement de la spiritualité catholique [Diversidade dos ritos orientais e enriquecemento da espiritualidade católica]. 1959.
- Pio XI e i cristiani separati [Pío XI e os cristiáns separados]. 1969.
Como editor
[editar | editar a fonte]- Vatican - Phanar (1958-1970) [Vaticano - Fanar (1958-1970)]. Xunto con Pierre Duprey. 1971.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 1,21 1,22 Fouilloux, Étienne (11 de xaneiro de 2018). "DUMONT Christophe". Dictionnaire biographique des frères prêcheurs Dominicains des provinces françaises (XIXe-XXe siècles) (en francés) (IMM-EHESS - Institut Marcel Mauss, Centre d'études des mouvements sociaux). ISSN 2431-8736. Consultado o 12/11/2020.
- ↑ 2,0 2,1 Голованов, Сергий (2005). Биографический справочник деятелей русского католического апостольства в эмиграции 1917-1991 гг [Directorio biográfico dos líderes do apostolado católico ruso na emigración 1917-1991].
- ↑ Fouilloux 1982, p. 105.
- ↑ A súa destitución tivo relación cun viaxe á Unión Soviética, non autorizado pola Comisión Pro Russia.
- ↑ "Nouvelles religieuses" [Novas relixiosas]. La Croix (en francés): 2. 17 de abril de 1938. Consultado o 16/11/2020.
Nous sommes heureux d'apprendre que le Souverain Pontife a daigné élever à la dignité d'archimandrite le R. P. C. Dumont, O. P., recteur de l'église catholique russe de Paris depuis 1936 [Comprácenos saber que o soberano pontífice se dignou a elevar á dignidade do arquimandrita R. P. C. Dumont, O. P., reitor da igrexa católica rusa en París desde 1936]
- ↑ Destivelle, Hyacinthe (2018). Conduis-la vers l'unité parfaite. Editions du Cerf. ISBN 9782204127851.
- ↑ "Список делегатов Совещания" [Lista dos asistentes á Conferencia]. Журнал Московской Патриархии (Xornal do Patriarcado de Moscova) (11): 5–6. 1961.
- ↑ Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo, ed. (1975). "Istituzione e composizione della Commissione" (PDF). Nuntia (Libreria Editrice Vaticana) (1): 13. OCLC 9237479.
In data 15 settembre 1973 sono stati nominati i primi 65 consultori della Commissione [...] Rev.di PP.: [...] Chrystophe Dumont [...]
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bova, Ciro (1998). Christophe Jean Dumont: una vita per l'ecumenismo [Christophe Jean Dumont: unha vida para o ecumenismo]. Bari: Ecumenica Editrice.
- Fouilloux, Étienne (1982). Les catholiques et l’unité chrétienne du XIXe au XXe siècle. Itinéraires européens d’expression française [Os católicos e a unidade cristiá do século XIX ao XIX. Itinerarios europeos de expresión francesa]. París: Le Centurion. ISBN 9782227310377.
- Fouilloux, Étienne (11 de xaneiro de 2018). "DUMONT Christophe". Dictionnaire biographique des frères prêcheurs Dominicains des provinces françaises (XIXe-XXe siècles) (en francés) (IMM-EHESS - Institut Marcel Mauss, Centre d'études des mouvements sociaux). ISSN 2431-8736. Consultado o 12/11/2020.
- Nados en 1898
- Nados en Valenciennes
- Finados en 1991
- Dominicanos de Francia
- Sacerdotes da Igrexa católica bizantina rusa
- Escritores de Francia
- Escritores en lingua francesa
- Escritores de literatura cristiá
- Personalidades do ecumenismo
- Membros da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental