Chisasibi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaChisasibi
ᒋᓴᓯᐱ (cr) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 53°48′N 78°54′O / 53.8, -78.9Coordenadas: 53°48′N 78°54′O / 53.8, -78.9
EstadoCanadá
ProvinciaQuebec
Região Administrativa (pt) TraducirNord-du-Québec (pt) Traducir
Equivalent territory (en) TraducirEeyou Istchee (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación4.985 (2021) Editar o valor em Wikidata (6,42 hab./km²)
Xeografía
Superficie776,1 km² Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Creación1980 Editar o valor em Wikidata
Organización política
Órgano lexislativoCree Nation of Chisasibi (en) Traducir , Editar o valor em Wikidata

Páxina webchisasibi.org Editar o valor em Wikidata

Chisasibi (cree: ᒋᓵᓰᐲ/Cisâsîpî, literalmente "río grande") é unha vila no bordo oriental da baía de James, no territorio equivalente Eeyou Istchee no norte do Quebec e que constitúe unha das comunidades asociadas ao Gran Consello dos Crees. Sitúase na ribeira sur do río que lle dá nome[1], a menos de 10 quilómetros da súa foz. Chisasibi é unha das once vilas cree da rexión que forman parte do Gran Consello dos Crees [2]. O territorio que rodea Chisasibi forma parte do Eeyou Istchee da Baía de James. Como a maioría das entidades autóctonas do Quebec, Chisasibi, componse dun territorio reservado cree de categoría IA, onde se atopa a propia vila e que é de xurisdición federal, e mais dun municipio vilego cree de categoría IB, deshabitado e de xurisdición provincial. Administrativamente, dentro do Quebec, intégrase na rexión do Nord-du-Québec e polo número de habitantes é a súa segunda localidade máis poboada tras Chibougamau. A superficie da vila de Chisasibi é de 491,64 km2[3] e a do municipio vilego asociado de 828,38 km2[4] e a poboación estimábase en 2021 en 5 324 habitantes[5].

Historia[editar | editar a fonte]

Campamento cree en Fort George en 1873

Os cree viviron na rexión durante séculos cun estilo de vida nómade. En 1803 a Compañía da Baía de Hudson fundou Fort George, un posto para o comercio de peles na ribeira norte pero que en 1837 moveu para a illa máis grande da desembocadura do río La Grande. Este posto tornou nunha vila permanente ao abandonaren os cree o seu xeito de vida nómade ao empezar o século XX e asentarse nas proximidades. En 1940 a súa poboación era de 750 habitantes e medrou ata case 2000 en 1980[6]

A mediados da década de 1970 a construción do proxecto hidroeléctrico da Baía de James e que desviou diversos cursos fluviais augas arriba cara a conca de La Grande e asemade aumentou significamente o seu caudal o que levou a unha erosión da illa de Fort George e perturbou a formación dunha capa sólida de xeo no inverno[7] Como resposta, o Goberno do Quebec construíu en 1981 unha comunidade nova a dez quilómetros ao sueste á que transladou 200 casas e edificou outras 100 novas[8] e asemade mudoulle o nome a Chisasibi (nome oficial: Nación Cree de Chisasibi). Á vez formouse a Corporación para o Transferencia de Fort George coa función de supervisar a mudanza[6].

A Nación Cree de Chisasibi[editar | editar a fonte]

Centro comunitario de Chisasibi

Chisasibi é a vila cree, e tamén a comunidade con poboación permanente do leste de América do Norte, máis ao norte accesible por estrada. Unha estrada asfaltada de 90 km de lonxitude vai dende Radisson, paralela ao río La Grande, e conecta Chisasibi coa Estrada Billy-Diamond que se construíu entre 1971 a 1974 como parte da Ruta 109 por mor do proxecto hidroeléctrico da Baía de James[9] e que une Matagami a Radisson. O aeroporto de Chisasibi sitúase ao oeste da vila e Air Creebec opera voos regulares. Malia ser o lugar habitado permanente máis ao norte a estrada non remata aquí e tras a estación hidroeléctric LG-1 (La Grande-1), continúa ata Longue Pointe, porto pesqueiro natural, que utilizan tanto cree como inuit ao estar próximo ao límite con Nunavut.

Moitos dos cree de Chisasibi dedícanse a actividades de caza e pesca que fornecen o mercado local. Outras actividades económicas son os servizos locais de saúde e educación e Hydro-Québec tamén xera empregos na zona. Un xefe electo e un consello administran o departamento da nación cree de Chisasibi

Outras poboacións próximas a Chisasibi son Whapmagoostui a 200 quilómetros ao norte, en Nunavik, na beira oriental da baía de Hudson preto de Kuujjuarapik, e Wemindji ao do sur.

Clima[editar | editar a fonte]

Chisasibi ten un clima continental húmido con veráns frescos (Köppen Dfc), típico das latitudes centrais do Quebec, con invernos moi fríos con precipitacións en forma de neve e veráns suaves e chuviosos.

Datos climáticos para Chisasibi (1915-1969)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Media máxima en °C −17,5 −15,6 −9,1 −0,1 7,1 14,1 17,4 15,9 11,7 5,5 −1,8 −10,8 0,6
Media diaria en °C −23,3 −22,0 −15,8 −5,7 2,3 8,8 12,3 11,5 7,9 2,5 −4,8 −15,2 −4,3
Media mínima en °C −29,0 −28,2 −22,4 −11,0 −2,6 3,3 7,1 7,1 4,2 −0,3 −7,7 −19,6 −9,2
Precipitación media mm 25,1 21,4 26,0 20,7 32,7 45,7 77,3 66,2 64,9 66,4 63,1 46,2 585,8
Fonte: worldclimate.com[10]

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación de Chisasibi comprende aproximadamente 4800 cree, uns 90 inuit e 250 persoas non nativas[11]. O censo de 2006 indicaba que a media de idade da poboación é de 25,8 anos, a porcentaxe da poboación con 15 anos ou máis é do 62,5 e o número total de familias censadas de 1180[12].

Serie de poboación histórica de Chisasibi
Ano199119962001200620112016
Poboación230632513467397244844872

Linguas[editar | editar a fonte]

Segundo o censo de 2016 o cree é a lingua materna de 4245 habitantes da localidade e a segunda lingua é o inglés con 260 falantes e o francés a terceira con 205. Ademais 45 persoas afirman que a súa lingua materna é o inglés e unha lingua non oficial. Por coñecemento das dúas linguas oficiais 3410 persoas afirman que falan inglés como primeira lingua oficial, un total de 1045 falan inglés e francés, 230 só francés e hai 180 persoas que non falan ningunha das dúas linguas oficiais. Son un total de 4485 persoas os que afirman que poden falar cree. A maioría da poboación identifícase como indios norteamericanos, con só 275 non nativos. Malia seren 370 persoas as que declaran que teñen algún devanceiro inuit son moi poucos os que falan algunha lingua inuit.

Misión católica en Fort George en 1946

Relixión[editar | editar a fonte]

Os cree da rexión convertéronse ao cristianismo a partir de mediados do século XX pero manteñen prácticas da súa relixión tradicional[13]. En 1852 estableceuse en Fort George unha misión anglicana[14]e nas primeiras décadas do século XX a gran maioría dos cree eran de confesión anglicana[13]. A igrexa de San Filipe é a igrexa parroquial anglicana de Chisasibi e dependen da diocese de Moosonee da Igrexa Anglicana do Canadá que agrupa os anglicanos locais. Así e todo, a comunidade local anglicana dividiuse, por disputas internas, en 2008 en dúas congregacións[15], unha que seguía dentro da diocese de Moosonee e outra que baixo o nome de igrexa de Eeyou Istchee pasou a depender, por directriz do primado da Igrexa Anglicana do Canadá, do bispo anglicano nacional autóctono. Cada congregación tiña o seu propio clero e servizo dominical malia manterse dentro da mesma igrexa matriz. Por volta de 2020 as dúas congregacións volveron á unidade.

En 1922 os oblatas estableceron a primeira misión católica en Fort George pero non foi ata 1925 cando se converteu a primeira familia [16]. A igrexa católica de Chisasibi é a misión de San Xosé so xurisdición da diocese de Amos e segundo o censo de 2001 eran 240 as que se identificaban con esa confesión[17].

Educación[editar | editar a fonte]

Escola Secundaria Eeyou da Baía de James

A Comisión Escolar Cree ofrece os servizos de ensino primario e secundario públicos en Eeyou Istchee. En Chisasibi opera a escola elemental Waapinichikush que en 2020 tiña 788 estudantes con clases en inglés, francés e cree e a Escola Secundaria Eeyou da Baía de James que se inaugurou en 1980 e que contaba en 2020 con 494 alumnos.

Sanidade[editar | editar a fonte]

Chisasibi conta co seu propio hospital que depende da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais Cree e conta con 29 camas, 7 doutores e 27 enfermeiros e que por mor de acordos co Centro Universitario da Saúde McGill recibe visitas periódicas de especialistas de varios hospitais canadenses e tamén servizos de telemedicina[18]. Ademais conta cun centro de saúde local e un centro de día.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O río Chisasibi coñécese fóra do territorio cree pola súa forma francesa, río La Grande
  2. "The Eeyou of Eeyou Istchee". cngov.ca. 
  3. "Census Profile, 2016 Census Chisasibi, Village cri [Census subdivision], Quebec and Yukon [Territory]". Statistics Canada. 
  4. "Census Profile, 2016 Census Chisasibi, Terres réservées aux Cris [Census subdivision], Quebec and Yukon [Territory]". Statistics Canada. 
  5. "Population estimates, July 1, by census subdivision, 2016 boundaries". Statistics Canada. 
  6. 6,0 6,1 Cree Nation of Chisasibi: History
  7. Ottertooth.com
  8. "Chisasibi". makivik.org. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 24 de xaneiro de 2022. 
  9. Canada. Lonely Planet Publications. 2008. p. 357. 
  10. "Fort George Climate Data". World Climate. Consultado o 28 de setembro de 2012. 
  11. Cree Nation of Chisasibi: Chief & Council
  12. "Census Profile, 2016 Census]". 
  13. 13,0 13,1 Berkes, Frikets (1986). "Chisasibi Cree Hunters as Missionaries: Humour as Evidence of Tension". En Cowan, William. Actes du Dix-Septième Congrès des Algonquinistes. pp. 15–26. 
  14. Jacobs, Susan (2001). "Building a Community in the town of Chisasibi". En Scott, Colin. Aboriginal Autonomy and Development in Northern Quebec and Labrador. UBC Press. p. 305. 
  15. "ST. Philips's Church, Chisasibi, Quebec diocese of Moosonne. Profile" (PDF). niagraanglican.ca. 
  16. Morantz, Toby (2002). White Man's Gonna Getcha: The Colonial Challenge to the Crees in Quebec. McGill-Queen's Press. p. 152. 
  17. "2001 Community Profiles. Waswanipi". Stadistique Canada. 
  18. "Miyupimaatisiiun". creehealth.org.