Catherine Gasquoine Hartley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catherine Gasquoine Hartley
Nacemento anos 1860
  Antananarivo
Falecemento 9 de xuño de 1928
  Guildford
Nacionalidade Reino Unido
Ocupación mestre-escola, xornalista e escritora
editar datos en Wikidata ]

Catherine Gasquoine Hartley, nada en Antananarivo (Madagascar) en 1866 ou 1867 e finada en Guildford o 9 de xuño de 1928, foi unha escritora e historiadora da arte británica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi filla do reverendo Richard Griffiths e de Catherine Gasquoine, que eran de Manchester. Os seus pais serviran como misioneiros en Mauricio antes de ir a Madagascar. O seu pai morreu en 1870, logo de que a familia regresase a Hampshire, e a familia quedou nunha situación económica mala. Hartley criouse en Southport, onde comezou a traballar como mestra. En 1894 pasou a dirixir unha escola en Eltham (Kent), e cara a 1903 deixou o posto para adicarse a escribir.[1] Publicou Life: the Modeller, unha novela curta sobre o coñecemento da arte que non acadou moito éxito.[2] En 1905 publicou outra novela, The Weaver's Shuttle.

O 9 de maio de 1901 casou co xornalista e escritor Walter M. Gallichan, que xa tivera un matrimonio anterior e que publicara co pseudónimo de Geoffrey Mortimer. Logo de casaren, el retomou o seu nome e ela pasou a asinar os seus traballos como C. Gasquoine Hartley (Mrs. Walter Gallichan. Os dous escribiron sobre o seu estilo de vida pausado. Tiñan unha casa en Youlgreave (Derbyshire), onde escribiron The Story of Seville, publicada como parte da serie de guías The Medieval Towns con ilustracións da irmá de Hartley, Elizabeth.

En 1904 publicou Pictures in the Tate Gallery.[1] Tamén nese ano o seu marido publicou Fishing and Travel in Spain, que sañiu editado xunto co libro de Hartley A Record of Spanish Painting, o que amosa o seu coñecemento na arte española.

Nesa época creou certa controversia nunha serie de correspondencia cruzada con Edward S. Dodgeson, quen a acusaba de omitir atribucións e puntos de vista. En 1907 uniuse o seu marido á disputa, que foi publicada na revista The Academy. Por entón ela tamén escribiu para a revista New Age artigos sobre artistas contemporáneos, como o pintor británico John Collier.[1] Hartley continuou escribindo libros con Albert Calvert sobre o Museo do Prado e sobre os pintores Diego Velázquez e El Greco. Os seus libros tiveron boa acollida no Reino Unido, en España e nos Estados Unidos.

En 1910 interesouse por Galicia a raíz dunha viaxe organizada pola Asociación Internacional de Periodistas Británicos. En 1911 publicou Spain Revisited: a Summer Holiday in Galicia, traducida ao galego por Xosé María Gómez Clemente en 1999 como Un verán en Galicia. En 1912 publicou The Story of Santiago de Compostela con certa controversia, pois nove anos despois ela e o seu editor foron demandados con éxito por plaxio por Annette Meakin, xa que o libro era moi similar á súa obra Galicia, the Switzerland of Spain (1909). Como parte do acordo, o libro de Hartley foi retirado das bibliotecas.[2]. En 1913 publicou o seu último libro sobre España, The Cathedrals of Southern Spain.

En 1915 divorciouse do seu marido, quen publicara Modern Woman and How to Manage Her (1909) e outros títulos controvertidos sobre a muller, a poligamia e a educación sexual. Antes de se divorciaren, Hartley adoptara un fillo, Leslie, nado en 1904. Despois levou a súa obra cara a outros campos como as cuestións sociais, incluídas a maternidade e o sexo. En 1916 escribiu Children of the Empire co seu novo marido Arthur Daniel Lewis. Os seus últimos traballos foron The Position of Women in Primitive Society, Motherhood and the Relationships of the Sexes, Woman's Wild Oats: Essays on the Re-fixing of Moral Standards, Divorce (Today and Tomorrow), Mind of the Naughty Child e en 1924 Women, Children, Love and Marriage.[1]

En 1928 foi atropelada por un furgón. Foi soterrada no cemiterio xudeu de Willesden, a carón do seu segundo marido.[2]

Obra[editar | editar a fonte]

  • Pictures in the Tate Gallery, 1904[1]
  • The Story of Seville, (con Gallichan)
  • A Record of Spanish Painting, 1904
  • The Weaver's Shuttle, 1905
  • Spain Revisited: a Summer Holiday in Galicia, 1911
  • The Story of Santiago de Compostela, 1912 (plaxio)
  • The Cathedrals of Southern Spain, 1913
  • Children of the Empire (con Lewis)
  • The Position of Women in Primitive Society, 1914
  • Motherhood and the Relationships of the Sexes, 1917
  • Woman's Wild Oats: Essays on the Re-fixing of Moral Standards, 1919
  • Divorce (Today and Tomorrow), 1921
  • Mind of the Naughty Child, 1923
  • Women, Children, Love and Marriage, 1924[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Catherine Gasquoine Hartley, Mark Gaipa, Modernist Journals Project.
  2. 2,0 2,1 2,2 Kirsty Hooper, "Hartley, Catherine Gasquoine (1866 / 7-1928)", Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, setembro de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligaźons externas[editar | editar a fonte]