O castelo de Conwy (galés:Castell Conwy) é unha fortificación medieval de Conwy, na costa norte de Gales. Foi construída por orde de Eduardo I, durante a conquista de Gales, entre 1283 e 1289. Construído como parte dun proxecto meirande de crear a vila amurallada de Conwy, cun custo combinado das defensas de £15.000, daquela unha gran cantidade. Nos séculos seguintes, o castelo xogou un papel importante en moitas guerras. Resistiu o asedio de Madog ap Llywelyn no inverno de 1294–95, actuou como refuxio temporal para Ricardo II en 1399 e acolleu durante varios meses ás forzas leais de Owain Glyndŵr en 1401.
Tralo estoupido da Guerra Civil inglesa en 1642, o castelo foi tomado polas forzas leais de Carlos I, que o aguantaron ata 1646 cando se renderon ás forzas parlamentarias. Posteriormente, o castelo foi abandonado polo Parlamento para previr que fose usado en calquera outra revolta, e finalmente foi arruinado en 1665 cando se vendeu o ferro e o chumbo restante. O Castelo de Conwy converteuse nun destino atractivo para pintores a finais do século XVIII e comezos do XIX. O número de visitantes medrou e os traballos de restauración comezaron na segunda metade do século XIX. Na actualidade, o castelo está baixo o control de Cadw como atracción turística.
O castelo de Conwy aseméllase a un castelo concéntrico, mais é lineal. Como o castelo de Caernarfon, está construído sobre unha rocha, para reducir a posibilidade de socavar, e tamén se aproveita doutros accidentes xeográficos. Foi construído para protexer a entrada do río Conwy. O castelo está dividido nun patio exterior e outro interior, separados por unha grosa muralla, e en cada extremo, unha das oito torres de acompañamento. As torres teñen uns 21 m de altura e 9 m de diámetro, con paredes de 4,5 m de grosor.
No século XIII, construsíuse o Bodysgallesn Hall como torre de vixilancia do castelo de Conwy para controlar os ataques máis difíciles que viñesen dende o norte. Algunhas das pedras que se empregaron na construción do castelo de Conwy proveñen dunha canteira que hai na propiedade de Bodysgallesn.[1]