Castelo de Castro Caldelas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Castro Caldelas
ben de interese cultural
ConcelloCastro Caldelas
ProvinciaOurense
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°22′33″N 7°24′56″O / 42.37583333, -7.41555556Coordenadas: 42°22′33″N 7°24′56″O / 42.37583333, -7.41555556
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(?)
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Castro Caldelas é unha fortaleza mixta (pazo e castelo) medieval situada no cumio de Cima de Vila (Castro Caldelas), sendo o seu monumento máis emblemático; pertenceu á casa de Lemos.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A fortaleza ten planta de polígono irregular adaptado ó terreo sobre o que se asenta. Da construción orixinal consérvanse as murallas, tres torres, a casa do administrador e o patio de armas cun alxibe, pero non o foxo que en tempos debeu rodear o recinto.

Torre da homenaxe.

A porta principal atópase decorada cos escudos dos seus donos: un león rampante e un castelo, armas dos Enríquez, os seis roeles amosan aos Castro e dous lobos símbolos dos Osorio.

O amplo patio de armas está flanqueado por catro sectores de torres, símbolo dos condes de Lemos, propietarios orixinais. No edificio poden verse murallas, troneiras, matacáns e barbacanas, así como varios gravados coas armas dos Castro, os Osorio, os Enríquez e a tau.

Desde o patio de armas accédese ás distintas dependencias. Enriba e a ambos os dous lados do patio atópase a zona residencial tipo pazo, cos seus corredores abalconados que albergan a biblioteca, o museo etnográfico e outros servizos. Ó fondo, e centrado no patio, hai un enorme brocal de pozo e ó lado restos do antigo forno.

No primeiro piso do pazo atópanse as salas adicadas ós estudos arquitectónicos da comarca, nas que poden verse gráficos e explicacións con gran detalle sobre a construción de mosteiros, fornos, vivendas etc. Na torre do Reloxo, do que se conserva en funcionamento a antiga maquinaria, hai algunhas pezas etnográficas e unhas panorámicas desde as ventás con faladoiros. Desde o pazo pódese pasar ó adarba, ou paseo da muralla desde onde se pode contemplar toda a distribución do conxunto, o esquema construtivo das murallas, troneiras, matacáns e barbacanas e as vistas da vila e o seu contorno.

No patio sur pódense apreciar restos de torreóns, un reloxo de sol, outros restos arqueolóxicos e a torre do homenaxe. A muralla exterior ten acaroadas tres torres cadradas, unha delas cuberta con bóveda, os seus muros son de grande anchura para resistir os proxectís (xa que foron reconstruídas no S.XIV). Nunha das torres atópase a porta traseira do castelo, de entrada para as carruaxes.

Historia[editar | editar a fonte]

Non se conserva documentación sobre a construción da fortaleza. En 1336 o castelo foi reconstruído por Pedro Fernández de Castro para dominar os seus novos dominios regalados polo rei Afonso XI. En agosto de 1469, durante a gran guerra irmandiña, as tropas ó mando de Diego de Lemos asediaron e derrubaron o castelo. Unha vez derrotados e represariados os irmandiños, e logo de pacificar a zona, foi mandado reconstruír de novo por Pedro Álvarez Osorio, coa man de obra gratuíta dos vasalos obrigados. A veciñanza presentou un preito pola forte suba de impostos, fallando a favor do pobo a Real Audiencia de Valladolid 167 anos despois.

En 1560 remátase a reconstrución do castelo, segundo consta na inscrición da porta das carruaxes. A restauración fíxose á moda renacentista, e incluíuse un pazo no interior do castelo. Por un lado é un edificio militar e por outro un edificio para vivenda.

En 1794 o señorío de Lemos incorporouse por vía matrimonial á casa de Alba. O castelo estivo habitado até o século XIX por Sol Stuart, parente dos Duques de Alba.

Logo da invasión da Península Ibérica por parte das tropas napoleónicas, en 1809 o xeneral Marchand ó mando do 15º Rexemento da súa división, prendeulle lume á vila e ó castelo en represalia polo ataque sufrido polos guerrilleiros da zona, perdéndose no incendio moitos papeis. Este foi o último acontecemento violento que sofre o castelo.

En 1991 a casa de Alba cedeu o castelo ó concello de Castro Caldelas con fins culturais. O 17 de novembro de 1994 foi nomeado ben de interese cultural.

Tradición oral[editar | editar a fonte]

O castelo conta con varias lendas, como a da presenza do mariscal Pero Pardo de Cela guerreando contra os irmandiños, e a existencia dun pasadizo segredo que parte do castelo cara ao río Sil.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]