Casa Galicia de Nova York

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Casa Galicia-Unidad Gallega é un centro galego en Nova York fundado en 1940 co obxectivo de promover e manter a cultura galega, o seu folclore e as súas tradicións. Na actualidade, a Casa Galicia funciona como un club social que conta con máis de 1.000 socios.

Orixe e fundación[editar | editar a fonte]

A Casa Galicia-Unidad Gallega como institución étnica ten a súa orixe na emigración galega dos anos de posguerra que se asentou na metrópole estadounidense. Esta emigración estaba composta na súa maioría por campesiños e xornaleiros que se viron obrigados a saír de Galicia por causas diversas e que aproveitaron esta oportunidade para brindar ós seus fillos un mellor futuro. Co paso dos anos, a institución foi gañando en éxito e prestixio tanto no marco galego como no español chegando a ser recoñecida pola súa labor cultural e social. O seu primeiro presidente foi Salvador Galán. En 1988 pasou a ser Reynaldo Mariña, substituído no cargo por Pablo González Tojeira (1993-94) e Antonio A. Fernández (1995-96).

Historia[editar | editar a fonte]

Na década de 1920 existía un Centro Galego que chegou a ter un edificio en Union Square, pero a grande depresión económica que azoutaba o país, acabou coa institución. Moitos dos socios foron así absorbidos por outras asociacións como a Sociedad Benéfica Española ou o Frente Popular Antifascista Gallego. No ano 1940, rematada a guerra civil, o Frente Popular Antifascista Gallego, que durante a guerra civil colaborara coas demais sociedades en beneficio das vítimas inocentes da guerra, transformouse en Unidad Gallega.

En 1940 a súa sede estaba no 105 da rúa 63 Oeste. En 1988 pasou ao nº 125 da rúa 11 Leste, e no ano 2000: ao número 37-09 da Avenida 31, en Astoria.

Actividades[editar | editar a fonte]

Entre as múltiples actividades realizadas pola Casa Galicia destacan a organización de actividades culturais e sociais en beneficio da comunidade galega (folclore, baile e música), o patrocinio de fundacións e institucións, como a Real Academia Galega, e a homenaxe a distintos personaxes ilustres tales como Severo Ochoa, gañador do Premio Nobel de Medicina ou Fisioloxía en 1959, Emilio González Flórez ou Castelao. Outras actividades:

  • Cursos de aprendizaxe do idioma galego.
  • Grupos folclóricos de música e danza.
  • Publicacións como a “Revista da Casa Galicia de Nova York”.
  • Celebracións (o Día de Castelao, o Día das Letras Galegas etc).

Éxito da institución[editar | editar a fonte]

O éxito ao longo dos anos da Casa Galicia débese en grande medida ao traballo colectivo dos seus socios, directivos e presidentes, moitos dos cales se sacrificaron por sacar adiante a institución. Entre eles destaca Ramón Seijo, quen foi catro veces presidente do centro e tivo un importante papel nos primeiros anos da sociedade. Tamén destacaron Emilio González Flórez e Castelao, quen, ademais de ser unha grande fonte de inspiración para os fundadores, foi o primeiro socio de honra.

Revista da Casa Galicia[editar | editar a fonte]

A revista da Casa Galicia é unha publicación anual e bilingüe de carácter informativo-cultural editada pola Casa Galicia-Unidad Gallega de Nova York desde 1940. Nas súas páxinas recóllense eventos e novas de diversa natureza e grande interese para a comunidade galega na metrópole. Conta cunhas páxinas iniciais que informan sobre a actualidade do centro, unhas páxinas informativas que inclúen diversas entrevistas e artigos, unhas páxinas culturais e outras de humor e coñecemento. Entre os organizadores da publicación atopamos nomes como os de Frank Arévalo, Ramón Piñeiro, Alfonso Losada, Emilio González López, Manuel Álvarez Quiroga, Antonio A. Fernández, Estrella V. Romero, Manuel Zapata, Antonio Lampón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.