Frente Popular Antifascista Gallego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Frente Popular Antifascista Gallego
Tipoorganización política
Ideoloxíaoposición ao franquismo
Data de fundación1937
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Frente Popular Antifascista Gallego foi unha sociedade antifascista de Nova York fundada en 1937.

Historia e características[editar | editar a fonte]

A sociedade constituíse o 4 de decembro de 1937 logo dunha xuntanza no Centro Galicia para aglutinar o apoio da comunidade galega á República durante a guerra civil española e na loita contra o fascismo en calquera lugar do mundo. O principais dirixentes foron Emilio Flores Pérez, o secretario xeral Ramón Mosteiro, o secretario de propaganda Víctor Fernández e o vogal José Castro Barral. A maioría dos seus membros procedían das Mariñas coruñesas e formaban parte do Sindicato de Obreiros da Compañía de Electricidade.

Inicialmente integrada nas Sociedades Hispanas Confederadas, colaborou coas demais sociedades en beneficio das vítimas da guerra. Organizaron actos públicos para recadar fondos, os cales foron usados para mercar catro ambulancias para a fronte republicana, que levaron os nomes das catro provincias galegas. Tamén enviaron apoio económico aos xornais antifascistas editados en Valencia e Barcelona, e aos guerrilleiros galegos que loitaban contra o exército sublevado nos montes de Galicia. Colaboraron da recadación de fondos para fretar o vapor Ipanema, que trasladou a refuxiados de Francia a México. Organizaron mitins de Ramón Suárez Picallo, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Castelao. A visita de Castelao en 1938 inspirou a creación de novos comités da FPGA en Brooklyn, Newark, Bayonne e Bridgeport. A instancias de Castelao, Luís Soto, Ramón Suárez Picallo e Marcial Fernández Vázquez crearon un comité de rescate de refuxiados en 1939. Contou como medio de expresión co periódico La Voz.

Debido a diferenzas ideolóxicas, a Frente Popular Antifascista Gallego deixou de formar parte das Sociedades Hispanas Confederadas en 1940. Como o Centro Galicia desapareceu en 1939, Castelao propuxo a creación dunha nova sociedade que unificase a comunidade galega, creándose a Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nueva York en 1940 que despois se transformou na Casa Galicia de Nova York.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]