Saltar ao contido

Canna indica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Canna indica é unha planta perenne de até 3 m de altura pertencente á familia das cannáceas.[1] Hai 5000 anos, en Caral, a primeira civilización de América, situada no Perú, utilizou como parte da súa dieta a raíz da canna indica; tamén desenvolveron o seu uso medicinal pola súa capacidade diurética, antiséptica, analxésica e cicatrizante.

En Galicia está catalogada como especie exótica invasora.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Follas de Canna indica.

Planta herbácea perenne, de rizoma carnoso e ramificado de até 60 cm de longo que se divide en segmentos bulbosos e cubertos en dúas filas por follas. A superficie do rizoma está labrada por sucos transversais, que marcan a base de escamas que a cobren; da parte inferior saen raiciñas brancas, e do ápice, onde hai numerosas xemas, brotan as follas, o vástago floral e os talos. Os talos aéreos poden alcanzar 1-3 m de altura e forman unha macolla compacta, estando envoltos polas vainas das follas. As follas son anchas, de cor verde ou verde violáceo, con pecíolos curtos e láminas elípticas, que poden medir de 30 a 60 cm de longo e 10 a 25 cm de ancho, coa base obtusa ou estreitamente cuneada e o ápice é cortamente acuminado ou agudo. A nervadura central é prominente e dela derívanse as laterais. Inflorescencia en acio terminal con 6-20 cincinos de 1-2 flores. Flores hermafroditas sobre pedicelos de 0,2-1 cm de longo, de cor vermella ou amarelo-alaranxada, excepto nalgúns cultivares, de 4,5-7,5 cm de longo, con sépalos estreitamente triangulares, de 1-1,7 cm de longo e os pétalos erectos, de 4-6,5 cm de lonxitude. Tubo de 1,5-2 cm de longo. Estaminodios 3-4, de estreitamente obovados a espatulados, de 4,5- 7,5 cm de longo e de 0,3-0,5 cm de anchura na parte libre. Os froitos son cápsulas de elipsoides a globosas, verrucosas, de 1,5 a 3 cm de lonxitude, de cor castaña, con gran cantidade de sementes globulosas, de 4 a 6 mm de diámetro, negras e moi duras.[3]

Flor de Canna indica en El Crucero, Managua, Nicaragua.
Ilustración.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Canna indica foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 1: 1. 1753.[4]

A canna indica pódese cultivar desde o nivel do mar até os 2.700 m s. n. m., pero prospera en climas montañosos tropicais ou subtropicais tépedos, entre os 1.600 e 2.200 m s. n. m.; a temperatura media de 14 a 27 °C e precipitacións anuais mínimas de 500 mm e até de 1200 mm.[5] Medra moi ben en chans liviáns de textura franca ou franco-limosa.

Ilustración.
  1. M. Colmeiro (1871). Diccionario de los diversos nombres vulgares de muchas plantas usuales o notables del Antiguo y Nuevo Mundo. Madrid (España): Imprenta de Gabriel Alhambra. Consultado o 22 de agosto de 2021. 
  2. Fichas identificativas de Especies exóticas invasoras
  3. Nobuyuki Tanaka: "Taxonomic revision of the Cannaceae family in the New World and Asia". In: Makinoa , 1, 2001, pp. 1–74.
  4. "Canna indica". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 22 de maio de 2013. 
  5. Torres, Luis Jaime (2004). Tecnología para el cultivo de sagú o achira (Canna edules Ker). Bogotá: Corpoica.