Can sen Dono

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Can sen Dono
PaísEspaña
Lugar de publicaciónVigo
Lingualingua galega
Primeira edición1983
Última edición1991
editar datos en Wikidata ]

Can sen dono foi unha revista de humor gráfico en galego, editada en Vigo e fundada por Pepe Carreiro. A publicación constou de 23 números editados entre os anos 1983 e 1991. Xunto a outras publicacións semellantes como Xo! -máis satírica e tendenciosa- (desde 1993 a 2000) ou Sapoconcho -cunha perspectiva máis universal- (de 1994 até 2000) continuaron o labor humorístico dos seus antecesores, os chamados Primeira xeración de ouro do humor galego e onde atopamos figuras tan relevantes como Maside ou Castelao. Así a segunda xeración vai comprender dende o 1982 até o 2000. Durante o Franquismo partiuse desa época dourada, e a pesar da censura chegaron a publicar debuxos humoristas recoñecidos como o propio Carreiro.

Historia[editar | editar a fonte]

Can sen dono naceu como un proxecto de Gogue e Pepe Carreiro que posteriormente presentarán no I Seminario Galego do Humor e que se vai materializar meses despois por influencia de diversos acontecementos:

1. I Seminario Galego do Humor, celebrado en Sada os días 26 e 27 de xuño do 1982. Reuniu a maior parte dos humoristas galegos da época. Alí acordaron formar unha secretaría permanente que recollese ideas cara á constitución dunha revista de humor gráfica galega

2. O Manifesto en Defensa do Humor, 1983, pode considerarse como unha firme campaña que reivindicaba a falta de atención ao humor gráfico e literario galego. Os artífices foron Siro e Xaquín Marín -ámbolos dous figuras importantes do humorismo galego- e durante dous anos dedicáronse a percorrer Galicia ensinando as súas viñetas e declamando o manifesto.

Con todo os froitos foron bos: abríronselle as portas dos xornais a humoristas galegos comprometidos con Galicia; propiciou o encontro de Humoristas Galegos; aparecen as primeiras revistas como Can sen dono ou Sapoconcho e a inauguración do Museo do Humor de Fene. Este feito tivo gran relevancia xa que, amais de ser o primeiro museo de humor en Galicia tamén o era na Península Ibérica e un dos poucos en todo o mundo. Ademais sobresaía o seu papel dinamizador do humor gráfico en toda Galicia

Dirección e coordinación[editar | editar a fonte]

Na primeira etapa de vida da revista (de 1983 a 1989) a dirección corre da man de Pepe Carreiro, a coordinación a Gogue e a edición a Antón Mascato. Este equipo directivo sofre algunha variación nas designacións de fotocomposición e imprenta (Edigraf, Valcograf ou Linotipias Marín; e de Gráficas Alfer a Gráficas Pontevedra, por exemplo).

No CSD14 non figura dato algún nin da dirección e coordinación nin do depósito legal ou da impresión.

Na segunda etapa X. A. Suárez substitúe a Pepe Carreiro na función de dirección. Constitúese un “consello de dirección” formado por Gustavo Luca de Tena, Antón Mascato, Zacarías Castro e Pepe Carreiro. No Extra Eleccións Xerais 1989 súmase Xesús Campos.

Periodicidade[editar | editar a fonte]

Can sen dono tivo dúas etapas na súa evolución que se diferencian só pola periodicidade das súas publicacións.

O número 0 apareceu en xaneiro de 1983, valéndonos de fonte de información o horóscopo que contén (Acuario, do 22 de xaneiro ao 21 de febreiro). Os exemplares posteriores carecerán igualmente de datación algunha. O depósito legal, o horóscopo e a firma nalgúns debuxos serán os únicos indicios temporais. Carece así mesmo, dun texto editorial que trace os obxectivos da revista.

Segundo fontes externas editáronse un total de 27 números até abril do 1991 en dúas etapas. Ao comezo era unha revista mensual (que vai do número 0 ata o 14, máis dous especiais: un Especial adicado ao Humor Histórico e outro dedicado a Luís Seoane) que pasou despois a trimestral (do número 17 ao 23, xa en 1991, máis tres exemplares extras: o especial dedicado ás Eleccións Xerais 1989, outro as Eleccións ó Parlamento Galego, e o Especial Carballeira de San Xusto), para rematar saíndo de xeito circunstancial (coincidindo con eventos puntuais como as eleccións, o referendo da OTAN, a Guerra do Golfo Pérsico etc.).

Seccións habituais[editar | editar a fonte]

Os Pensamentos de Mi-Au, de Iglesias Viqueira, aparece no CSD1 e continúa na maioría dos números posteriores. O humor de Viqueira mestura ideas críticas con xogos de palabras.

O conto da boa pipa, de Vial, comeza no número 0 e continúa en números posteriores, adicado ao envurullo interminable deste tipo de contos.

Os contos de meu abó, de Blanco Rivas, empeza no CSD0 cun relato de segadores e segue con outras moitas historias.

“Falando en slips”, xa dende o CSD0, aparece primeiro sen firma e logo asinado por Turula Areses e por Antón Mascato. É un espazo de entrevistas que se inicia con “Laxeiro

Os principais de Galicia, asinado por Cachadiña (pseudónimo utilizado por Xosé A. Perozo), aparece no número 0 e alcanza o 9, que analiza os personaxes do momento.

Curriculum vitae é unha sección na que se dan algúns datos biográficos dos colaboradores: Forxán (CSD0), Xesús Campos (CSD1), Manoel Gulín (CSD2), Xaquín Marín (CSD3), Iglesias Viqueira (CSD4), Rocamadour (CSD5), Siro (CSD5), Rocamadour (CSD7), Gogue (CSD8) e Fragoso (CSD9).

Can danado é o título dunha serie que comeza no CSD2 e ven asinado por Pasteur (pseudónimo de Gustavo Luca de Tena).

Humor popular fai a súa primeira aparición no CSD3. Posteriormente Clodio González Pérez retomará o apartado incluíndo contos populares. Os colaboradores Xosé Fernández Ferreiro e Xoán Tapias participarán con textos de carácter fantástico e humor negro, respectivamente.

Arroutadas é unha sección asinada por X. R. García nos exemplares CSD4 (“Arroutadas. Cacolas” e “O Sol Sostido”), CSD5 (“Uxía”), CSD8 (“Mexos de anxo”) e CSD9 (“A felicidade”) que desenvolve diversos asuntos.

Os Meus Viaxes foi escrita por Cibrán Rivas nos números CSD3, CSD5 e CSD8.

Polo ollo da agulla tan só aparece no CSD6 e leva a firma de Guerrero. Nel expóñense comentarios enxeñosos sobre distintas fotografías.

Na segunda etapa da revista (a que vai desde o número 17 ao 23, entre 1989 e 1991) continúan colaborando Iglesias Viqueira (Pensamentos de Mi-Au) e Antón Mascato (Falando en slips). Nesta nova andaina incorpóranse sen título fixo nomes como os de Margarita Ledo Andión, X. A. Suárez, Xesús Campos ou Claudio López Garrido.

Dióxenes é a sección coa que se inicia a colaboración de Chacón.

Sobre poetas levará a firma de Darío Xohán Cabana dende o CSD17 e “Made in Papan ou que grande es, pequeña” por Claudio López Garrido.

Bestiario nacional e Bestiario internacional levarán a firma de Xesús Campos que reaparecerá na revista no CSD-Extra Eleccións 1989.[1]

Portada e contraportada[editar | editar a fonte]

Na primeira etapa a portada semella encabezada por unha estreita banda horizontal co título da revista en tinta vermella e tipografía New Times Roman. Debaixo do título, á esquerda, a indicación do número e do ano (“Número 0 ano 1”) e á dereita o prezo (100 pesetas). A partir do número 1 invértese a referencia de número e ano, mais desaparecerá a partir do número 10.

Na segunda etapa repítese a estrutura mantida na primeira co engadido de levar unha referencia temporal na parte central baixo o título (por exemplo: Inverno 1989). O resto da portada fai uso de cores (azul, rosa, amarelo, etc.) que se estenden á contraportada mesturando texto e debuxo.

As contraportadas da primeira etapa estaban dominadas pola publicidade dunha empresa de recreativos, a excepción dos exemplares do tipo xornal nos que se incluía na metade superior a colaboración de Clodio González Pérez Humor Popular. Nas contraportadas da segunda etapa desaparecerá a publicidade de empresas de recreativos para ser substituída con algún texto ou varios debuxos sobre o fondo da cor que dominaba na portada[1].

Debuxantes acreditados[editar | editar a fonte]

Na primeira fase da revista as viñetas e debuxos veñen firmados polos seus autores. Dende o número 0 inclúense nomes como os de Fragoso, Xaquín Marín, portugueses como Relvas ou Zé D’Almeida.

Outros debuxantes crearán un “boneco” propio que irá aparecendo en números posteriores como San Pirolampio de Kukas, o Pelouro de Xosé Guillermo ou as Cousas do Gorechiño de Lalo.

En ámbalas etapas aparecen pequenos debuxos sen firmar que complementan algúns textos. Todo parece indicar, polas similitudes estilísticas que amosan, que tras ese anonimato se escondera o nome de Pepe Carreiro.[1]

Espazos e colaboracións eventuais[editar | editar a fonte]

En Can sen dono aparecen numerosas colaboracións de carácter único como son as aparicións de Pasteur (Cousas do imperio, CSD0), Dámaso Montenegro (Abrimos sábado á tarde, CSD0), Forxán (A meniña de Casagrande, CSD1), Wilson Lacoste (O Socialismo non botou a Porta da ‘poltrona’, CSD1), Xesús Campos (Os anos 50, CSD3) ou Siro Campos (Curiosidades comunitarias, CSD13). Outras colaboracións salientábeis son as de Xohan Oca Pédor, Iglesias Viqueira, Bártolo de Sassoferrato ou Louis de Montvenus.

Na segunda andaina da revista colaboran eventualmente nomes como os de Alberto Avendaño (A milanesa, CSD17 e 18), Manuel Rivas (Os políticos galegos non son de pedra, CSD17), Pasteur (Cantos crimes se cometeron en nome da lei seca, CSD17) ou Antón Reixa (“A cabra”, CSD17 e “Gas-oil”, CSD18).

Nos números 17, 18 e 19 aparecen anonimamente breves textos baixo o titular de Xulgado da Garda (Civil). Foron aparecendo tamén textos curtos de carácter humorístico baixo títulos como Aparece un poeta morto na Fonsagrada (CSD20), A medalla Castelao en coidados intensivos (CSD21) ou Empresarios galegos invirten no golfo (CSD22).

Xorden illadamente colaboracións de X. L. Méndez Ferrín (O segredo do humor CSD17), Delmiro ‘O Cunchas’ (Cartas a Brais. Noticias do fin do mundo, CSD17), Charito Campos (Crónica mundana, CSD18) ou Senén Beodo Lagarto (Bananas, CSD Extra Nadal 1989).[1]

Outros datos[editar | editar a fonte]

Publicidade[editar | editar a fonte]

Na maioría de números publicados está presente a publicidade relacionada co eido cultural e artesanal galego como pode ser a cerámica de Sargadelos.

A partir do número 18 incorpórase publicidade institucional como a da Consellería da Presidencia, a da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro ou de Graal (Revista Galega de Cultura da Deputación de Pontevedra).

No Extra Eleccións 1989 tan só figura publicidade institucional: a do concello de Vigo e a da Consellería da Presidencia.

No número 20 retírase a publicidade comercial e tan só se recupera no número 21 e no Especial de Arcade.

Prezo[editar | editar a fonte]

Até o número 11 o prezo da revista é de 100 pesetas. A partir deste número, será de 125 pesetas a excepción dalgún número especial que sobe até as 150 pesetas como é o caso do número 2, dedicado ao Humor Histórico. O número especial Luis Seoane terá carácter non venal e contará co patrocinio do concello de Soutomaior. Nos números da segunda etapa o prezo verase disminuido a 100 pesetas, mais no CSD 20 alcanza as 200 pesetas. No Especial Carballeira de San Xusto, de novembro de 1990, de 4 páxinas numeradas, terá un carácter non venal.

Espazo editorial[editar | editar a fonte]

Distribúense textos e debuxos (cun predominio destes últimos nunha proporción 35/65). Os textos preséntanse en tres ou catro columnas e subcolumnas.

Formato[editar | editar a fonte]

Can sen dono presenta un formato tipo de revista (21 x 29 centímetros) en papel semigroso e con 24 páxinas orixinariamente sen numerar.

O número 1 edítase en branco e negro, agás a cabeceira en tinta granate. Nos seguintes números van aparecendo cores lisas tanto nos debuxos como nos fondos de páxina da portada e contraportada.

O número 3 contén 48 páxinas, mais no 5 redúcese a 40 e os seguintes con 36 ou 34, sen numerar. A partir do número 11, Can sen dono adopta o formato típico dun xornal (31 x 42 cm; nalgún exemplar alcanza os 31 x 52 cm). A paxinación redúcese até as 16 páxinas, desta volta numeradas na parte superior dereita.

Na segunda etapa da revista, entre o inverno de 1989 (número 17) e abril de 1991 (número 23), vólvese ao formato dos primeiros números cunhas dimensións de 21 x 28 en branco e negro. A paxinación é variable: 32 páxinas numeradas na maioría dos números, mais tamén 40 no CSD18 e 19, 16 en CSD20 ou reducidas a 4 e 12 páxinas.

No Extra Eleccións Xerais 1989 e no extra do Nadal dese mesmo ano vólvese ao formato de xornal que se iniciara na primeira etapa a partir do número 11 cunhas dimensións de 29 x 40 centímetros.

Liña editorial[editar | editar a fonte]

Can sen dono preséntase dende o número 0 sen ningunha liña editorial que poña en coñecemento os seus obxectivos ou propostas conformando desta maneira unha identidade aberta e plural na procura do humor. Na segunda etapa, no número 17, preséntase por primeira vez unha liña editorial na que destaca a vocación de independencia satirizando a situación cunha comparación cos cans.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Pascual Carballo, Alberto (2009). Humor gráfico galego. Ir Indo. ISBN 978-84-7680-648-7. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]