Cambio léxico-semántico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Chámase cambio léxico-semántico ó cambio lingüístico experimentado na evolución histórica do compoñente léxico-semántico dun idioma.

Dos compoñentes da linguaxe, o léxico-semántico é o máis propenso ó cambio porque reflicte de forma moi clara as modificacións e transformacións (técnicas, psicolóxicas, sociolóxicas, epistemológicas...) propias da evolución das culturas humanas, con independencia de que o léxico básico permaneza inalterado.

Hai varios factores que cooperan para que se produza este fenómeno:

Clasificación dos cambios léxico-semánticos[editar | editar a fonte]

Dado un concepto ou noción fixa, denomínase cambio léxico ó cambio da palabra habitualmente usada para designar ese concepto ou noción. En contraposición, chámase cambio semántico á modificación do significado dunha palabra, mediante ampliación dos usos a outros conceptos similares (xeneralización ou metáfora) ou redución dos usos (restrición). Con frecuencia un cambio léxico supón simultaneamente un cambio semántico nas outras palabras de significado que interfiren coa primeira.

Os cambios semánticos poden clasificarse do seguinte xeito:

  1. lóxico-cuantitativos:
  • por ampliación de sentidos, é dicir, cando se une un novo sentido a un significante; por exemplo, o adxectivo bárbaro, que se aplicou a quen falaba con moitas deficiencias un idioma, ampliou o seu sentido ó de estranxeiro e, máis tarde, ó de salvaxe, cruel, non refinado etc.
  • por restrición dos significados, isto é, cando un significado abandona un significante, xa sexa por melloramento, xa por empeoramento do sentido.
  1. cualitativos:
  • desenvolvementos pexorativos: vilán > ruin; rústico > basto.
  • desenvolvementos mellorativos: cadentia > caída.

Causas dos cambios semánticos[editar | editar a fonte]

Moitas son as causas que poden orixina-los cambios léxico-semánticos. O que asemella certo é que estes cambios non teñen lugar nas palabras illadas senón nas palabras ou unidades léxicas como membros de campos semánticos. A desviación individual é probablemente unha das causa máis probables do cambio. Esta desviación está causada ás veces por erros repetidos, por exemplo, o constante uso do verbo prometer por asegurar, ou o de deter por ostentar, ou por necesidades expresivas, de ironía, de xogo de palabras, de énfase, de prestixio social etc., moitas veces baseada na analoxía.

  • Causas lingüísticas: as palabras que integran o contexto facilitan o cambio: lat. re(m) = 'cousas' > fr. rien = 'nada'; lat. passu(m) = 'paso' > fr. pas = 'non'; lat. iam + magis > xamais > 'xamais' (de non iam magis).
  • Causas históricas: son estas a evolución social, as transformacións da civilización, a evolución da vida e a aparición de realidades novas que fan que as palabras cambien: pluma, república, retrete...
  • Causas sociais: concrétanse fundamentalmente na presenza de determinadas innovacións introducidas por grupos sociais ou políticos. Estas innovacións provocan cambios na semántica das palabras: plural - pluralismo; tema - asunto; curtocircuíto;
  • Causas psicolóxicas: o significado de certas palabras é alterado polas persoas debido a razóns emotivas ou mentais. En tal sentido, é moi frecuente que acudamos á metáforas e á analoxías para denominar certas cousas e ser máis expresivos:
- o tabú: esta palabra foi introducida no inglés por Cook da Polinesia. Significa o sagrado, o prohibido, o que está rodeado dun temor santo, o que é perigoso ou misterioso. Pártese do feito de que hai numerosas realidades tabús e que as palabras que as designan non se pronuncian, o home trata de evitalas xa que son palabras prohibidas. De aquí se deriva o elemento substitutor desta palabra: o eufemismo , unha referencia indirecta ó tabú. Hai diferentes tabús que varian dunhas culturas a outras. O máis universal é o relixioso.

Clasificación psicolóxica dos cambios semánticos[editar | editar a fonte]

No cambio de significados das palabras desempeñan un papel varios factores, uns de natureza extralingüística, outros derivados do dobre plano do signo lingüístico (significado/significante), e outros que teñen que ver coa psicoloxía dos falantes e da súa actitude fronte á linguaxe. Se temos en conta este último punto, pódese elaborar unha clasificación psicolóxica dos cambios semánticos baseada nas asociacións ou relacións que os falantes establecen entre os significantes ou os significados das palabras.

Estas asociacións poden ser:

  • de contigüidade ou proximidade:
- elipse: proximidade de significantes: lanzoulle un (tiro) directo; imos ó (cine) Capitol; marchamos no (tren) Talgo;
- metonimia: proximidade de significados: póñame un Rioxa; servíronnos tres cuncas;
  • de semellanza:
- metáfora: semellanza de significados: pata de mesa, crista dunha onda, colo de botella;
- etimoloxía popular ou erro auditivo: certas semellanzas entre os significantes dalgunhas palabras: vagabundo - vagamundo

Cambio semántico