Calliphora vicina
Calliphora vicina | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Calliphora vicina' Robineau-Desvoidy, 1830 | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
Calliphora vicina é unha mosca da carne da familia Calliphoridae de cor predominante azul cincenta. C. vicina é actualmente unha das especies de moscas máis importantes entomoloxicamente para os forenses debido á regularidade no seu tempo de chegada e colonización dos corpos unha vez producida a morte.
C. vicina foi descrita polo entomólogo francés Jean-Baptiste Robineau-Desvoidy en 1830. O epíteto específico do seu nome deriva do latín vicinus, "veciño".[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]C. vicina ten unha coloración azul griseira metálica no seu tórax e abdome. Distínguese de Calliphora vomitoria polas súas meixelas de cor laranxa brillante. C. vicina ten unha lonxitude de aproximadamente 10–11 mm. Os escleritos na base da coxa son amarelos ou laranxas. En canto á súa quetotaxia (o estudo da disposición das sedas), os califóridos caracterízanse por ter sedas negras sobre o meron (un esclerito) e dúas ou tres sedas no notopleuron.
As semellanzas entre as diferentes especies de Calliphora poden facer que a identificación segura dos individuos en estadios inmaturos sexa case imposible. Desde o primeiro ínstar ao estadio de pupa C. vicina é idéntica a C. vomitoria.
Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]C. vicina produce cinco xeracións nun ano a unha temperatura limiar de 27˚ C. Unha femia de C. vicina pode poñer ata 300 ovos sobre cadáveres ou prea frescos ou en feridas abertas. As larvas pasan por tres estadios de ínstar. O primeiro ínstar eclosiona aproximadamente 24 horas despois de que se pon o ovo. Pasa a un segundo ínstar en 20 horas e ao seu terceiro ínstar en 48 horas. En condicións favorables, as larvas aliméntanse de carne durante tres ou catro días. Cando as larvas completan o seu desenvolvemento, dispérsanse para atopar un lugar axeitado para pupar. O estadio de pupa de C. vicina dura uns 11 días. A 27˚ C, o ciclo vital de C. vicina dura uns 18 días.[2]
Os factores climáticos, como a temperatura, inflúen na posta de ovos e no desenvolvemento dos ínstar larvarios. Con tempo máis cálido o ciclo de vida acúrtase algo, e con temperaturas máis frías o ciclo dura un pouco máis. Saber a duración do intervalo entre os tres ínstares e o estadio de pupa e a dispersión larvaria posterior á fase de alimentación pode ser útil para determinar o intervalo post mortem nun caso de investigación criminal.[3]
Distribución
[editar | editar a fonte]A especie predomina en Europa e as Américas, pero tamén se foi introducindo noutros continentes a través dos portos e aeroportos. Detectouse por primeira vez en Suráfrica en 1965 cando se recolleu un espécime preto de Johannesburg, pero as recollidas de máis espécimes foron esporádicas desde entón.[4] Nos Estados Unidos estudouse moito a súa distribución e é frecuente por todo o país nas áreas urbanas e máis abondosa a principios da primavera e outono cando as temperaturas están arredor de 13-24˚C.[5]
Estimación do intervalo post mortem
[editar | editar a fonte]Unha das características clave para poder usar estas moscas para facer estimacións dos intervalos post mortem é saber a sucesión de insectos que colonizan o corpo. Baseándose nos insectos presentes nun momento, pode establecerse un marco temporal razoable para o momento da morte.[6]
C. vicina xoga un papel principal na colonización dos corpos durante os meses de inverno, pero é menor a súa presenza durante os meses máis cálidos cando a temperatura é unha limitación menor.[7] Isto fai que a súa actividade de voo estea por riba de 13-16 °C, unha temperatura máis baixa que a da maioría doutras moscas da carne.[6] Este período de actividade debe considerarse cando se avalía a presenza ou ausencia desta mosca.[8] Coñecer a temperatura limiar axuda aos entomólogos a calcular os graos día acumulados, o que á súa vez axuda a detereminar o intervalo post mortem.
Cando se usa a idade das careixas para determinar o intervalo post mortem, o tempo antes da chegada dos adultos ao corpo é un factor importante. A sucesión de C. vicina implica a chegada dos adultos dous días antes da morte. Por tanto, deben engadirse dous días á idade máxima que foi determinada polas moscas atopadas sobre o corpo.[9]
Factores como a rexión, temperaturas, momento do día e condicións que había cando se encontrou o corpo contribúen todas a determinar o intervalo post mortem. Para completar o cálculo o entomólogo debe considerar o que se sabe sobre C. vicina e integralo cos datos experimentais recollidos na escena do crime. Isto implica ter que rexistrar as temperaturas do contorno na escena do crime e considerar os datos da historia climática da rexión.
Os estudos de casos indican que non é a primeira especie en chegar. Aparece un ou dous días antes que Phaenicia sericata.[8] Porén, a determinación do intervalo post morten é un complicado proceso porque aínda hai moitas cousas que non se saben sobre o comportamento de C. vicina. Por exemplo, críase desde hai moito que non era unha especie con actividade nocturna, pero recentemente, viuse que si é activa pola noite en certas condicións experimentais.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Simpson DP (1979). Cassell's Latin Dictionary (5 ed.). London: Cassell Ltd. p. 883. ISBN 0-304-52257-0.
- ↑ "BCSO Identification - Entomology - Blowfly Life Cycle". Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 10 de xullo de 2015.
- ↑ Gomes, L; Godoy WAC; Zuben CJV (2006). "A Review of Postfeeding Larval Disposal: implications for forensic entomology". Naturwissenschaften 93 (5): 207–215. PMID 16538375. doi:10.1007/s00114-006-0082-5.
- ↑ Williams KA, Villet MH. A new and earlier record of Chrysomya megacephala in South Africa, with notes on another exotic species, Calliphora vicina (Diptera: Calliphoridae.) African Invertebrates. 2006 Dec;47:347-50.
- ↑ "Case Studies in Forensic Entomology". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2008. Consultado o 10 de xullo de 2015.
- ↑ 6,0 6,1 Catts P, Haskell N, Entomology & Death: A Procedural Guide, Joyce's Print Shop, Inc., 1990.
- ↑ Battan Horenstein M, Linhares AX, Rosso B, García MD. Species composition and seasonal succession of saprophagous calliphorids in a rural area of Córdoba: Argentina. Biol Res. 2007;40(2):163-71. Epub 2007 Nov 21
- ↑ 8,0 8,1 Arnaldos MI, García MD, Romera E, Presa JJ, Luna A. Estimation of postmortem interval in real cases based on experimentally obtained entomological evidence. Forensic Sci Int. 2005 Apr 20;149(1):57-65.
- ↑ Lang MD, Allen GR, Horton BJ. Blowfly succession from possum (Trichosurus vulpecula) carrion in a sheep-farming zone. Med Vet Entomol. 2006 Dec;20(4):445-52.
- ↑ Gennard D, Forensic Entomology: An Introduction, Wiley, John & Sons, Incorporated, 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Calliphora vicina |