Caldithrix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Caldithrix
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Superfilo: Grupo FCB
Xénero: Caldithrix
Miroshnichenko et al. 2003
emend. Miroshnichenko et al. 2010

Especies

Caldithrix é un xénero de bacterias termófilas e anaeróbicas que son difíciles de asignar a algún dos filos bacterianos existentes, que comprende ata o momento dúas especies[1]. Segundo o Proxecto The All-Species Living Tree Caldithrix é un membro das Sphingobacteria (da clasificación de Cavalier-Smith),[2] mentres que na LPSN (List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature) inclúese un grupo sen clasificar dentro das Deferribacterales,[3] e na taxonomía do NCBI considérase unha bacteria non clasificada.[4]

Caldithrix abyssi foi a primeira especie do xénero descrita, atopada nunha cheminea hidrotermal profunda da dorsal mesoatlántica, e é moderadamente termófila (óptimo a 60 °C) e estritamente anaeróbica. É un bacilo gramnegativo, que pode crecer como quimioorganoheterótrofo fermentando substratos proteináceos ou piruvato ou respirar utilizando como doante de electróns o hidróxeno ou o acetato e como aceptor o nitrato. Reduce o nitrato. As análises xenéticas non a asocian de forma inequívoca cun filo determinado.[5]

Caldithrix palaeochoryensis foi atopada en sedimentos xeotérmicos quentes mariños nun sistema hidrotermal en augas de Grecia. Foi a segunda especie do xénero atopada e ten características metabólicas similares ás de C. abyssi e pode presentarse como bacilos illados ou formar grandes agregados.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. LPSN Caldithrix
  2. See 'The All-Species Living Tree' Project [1]. Datos tomados de "16S rRNA-based LTP release 106 (full tree)" (PDF). Silva Comprehensive Ribosomal RNA Database. Consultado o 2014-10-08. 
  3. ver a List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature. Datos tomados de "Deferribacteres". Consultado o 2014-10-08. 
  4. Ver o NCBI páxina web sobre Caldithrix Datos tomados de "NCBI Taxonomy Browser". National Center for Biotechnology Information. Consultado o 2014-10-08. 
  5. Margarita L. Miroshnichenko, Nadezhda A. Kostrikina, Nikolai A. Chernyh, Nikolai V Pimenov, Tatyana P. Tourova, Alexei N. Antipov, Stefan Spring, Erko Stackebrandt e Elizaveta A. Bonch-Osmolovskaya. Caldithrix abyssi gen. nov., sp. nov., a nitrate-reducing, thermophilic, anaerobic bacterium isolated from a Mid-Atlantic Ridge hydrothermal vent, represents a novel bacterial lineage. IJSEM January 2003 vol. 53 no. 1 323-329. doi 10.1099/ijs.0.02390-0. [2] Arquivado 25 de febreiro de 2013 en Wayback Machine. pdf[Ligazón morta]
  6. Margarita L. Miroshnichenko, Tatyana V. Kolganova, Stefan Spring, Nikolay Chernyh e Elizaveta A. Bonch-Osmolovskaya. Caldithrix palaeochoryensis sp. nov., a thermophilic, anaerobic, chemo-organotrophic bacterium from a geothermally heated sediment, and emended description of the genus Caldithrix. IJSEM September 2010 vol. 60 no. 9 2120-2123 . doi 10.1099/ijs.0.016667-0. [3][Ligazón morta] pdf[Ligazón morta]