Bucellarii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bucellarii (o plural latino de Bucellarius; literalmente "comedor de galletas",[1] grego: Βουκελλάριοι) foron formacións de tropas de escolta empregadas no Imperio romano na antigüidade tardía,[2][3] durante o reinado de Teodosio (379-395)[4] e continuaron no Imperio romano de Oriente. A palabra derivaba do tipo de racións de pan que comían estas tropas, o chamado buccellatum[3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo Jon Coulston, os rexementos de bucellarii xa aparecen na Notitia Dignitatum.[3] A súa orixe, posiblemente, estivese nunha tradición de orixe xermánica pero que a partir do 395, están perfectamente presentes no Imperio romano no costume de empregar xermanos ou godos como garda persoal dos emperadores ou dos xenerais.[5] Estaban ao servizo particular de figuras militares de alto rango (como Flavio Aecio e Belisario) ou de cargos civís;[3][6] polo tanto, non estaban ao servizo, propiamente, do estado. O poeta Claudiano tamén describiu aos bucellarii como un exército de bárbaros empregados por figuras militares, políticos e xefes militares como Estilicón e o seu rival o prefecto do pretorio Rufino[7] (os cales pasan por ser os primeiros en recrutalos para as súas leas)[4] ou Aecio.

A súa creación reflectiu un aumento no "uso de comitiva armadas por parte dos funcionarios públicos" no Imperio romano.[3] Estes exércitos estaban, polo tanto, asociados ao declive da autoridade imperial porque demostraban que xa non tiña o monopolio da violencia.[8][7] O bucellarius tiña estreitos lazos co seu comandante, apoiándoo na súa pelexa contra outros comandantes e incluso contra o Imperio, a corte e o emperador. Isto pódese ver no exército que empregou Heracliano no seu intento de apoderarse da Italia romana do emperador Honorio;[9] de tal xeito, que durante o reinado deste, do 395 ao 423, o termo bucelarii, pasou a se converter nun termo de uso común.

Coulston sinala que os bucellarii proporcionaron a mellor cabalería nos exércitos romanos dos séculos V e VI, e foron "recrutados entre romanos, persas, godos e hunos, entre outros".[3] O recrutamento de soldados de orixe bárbara está ben documentado, como se demostra na descrición do exército herdado pola viúva de Constancio III, Gala Placidia.[9] Xoán de Antioquía, informou que os xefes dos bucelarii de Aecio eran de orixe huna e que vingaron ao seu señor matando a Valentiniano III, despois de que este mandase matar a Aecio.[4]

Os bucellarii, xeralmente, recibían os salarios máis altos e estaban armados co mellor equipo das fábricas do imperio[10] e tamén recibían dos seus xefes unhas roupas especiais que os diferenciaban do resto.[11] Algunhas fontes afirman que os bucellarii eran mercenarios e describen aos seus líderes como soldados de fortuna.[8] Este foi particularmente o caso das compañías militares que operaron en Italia dos séculos VI a VII.[8]

Evolución[editar | editar a fonte]

Os bucellarii formaron tropas de cabalería de elite que foron contratadas por individuos. A principios do século VII, constituían unha división de elite das forzas terrestres do Thema Opsiciano e estaban baixo a autoridade dun doméstico.[12] Cando no século VII, se estableceron as áreas de recrutamento militar que constituían a base do sistema de Themas ou divisións civís e militares do imperio romano de oriente, un dos primeiros themas creados en Anatolia foi o de Bucelario, que agrupaba a Paflagonia e parte de Galacia e de Frixia, en Anatolia, e tiña a capital en Ancira (actual Ancara).[13]

Hispania[editar | editar a fonte]

En Hispania, aínda que ao final da época romana xa aparecían unhas milicias privadas dos grandes propietarios, foi durante o reino visigodo, en que os bucellarii se converten nun auxiliar militar dun magnate visigodo, que o defendía e, mesmo, ía a batalla con el. Despois, se converteron nun grupo que administraba un terreo concedido polo seu señor dentro dos dous terzos das terras que lle correspondía a cada magnate.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dixon & Southern (1996), p. 72.
  2. Prinzing (2008), p. 662 (Tamén son descritos como "gardacostas organizados militarmente" ou "forzas de elite defensivas").
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Coulston (2018), p. 270.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Soto Chica (2020), p. 17.
  5. Vinogradoff (1913), p. 642.
  6. Prinzing (2008), p. 662.
  7. 7,0 7,1 Fields (2014).
  8. 8,0 8,1 8,2 France (2008), p. 189.
  9. 9,0 9,1 Rich & Shipley (2002), p. 269.
  10. Heather (2018), p. 54.
  11. Vinogradoff (1913), p. 643.
  12. Lounghis (1996), pp. 27-36.
  13. Kadjan & 1991 (316).
  14. Vinogradoff (1913), pp. 631-654.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Heather, Peter (2018). Rome Resurgent: War and Empire in the Age of Justinian (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780199362745. 
  • Kajdan, A.P., ed. (1991). The Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780195046526. 
  • Lounghis, T.C. (1996). "The Decline of the Opsikian Domesticates and the Rise of the Domesticate of the Scholae". Byzantine Symmeikta (en inglés) 10 (10): 27–36. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]