Broad (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Broad (1656) [1]
A/: Busto de Oliver Cromwell cara á esquerda.

Lenda: OLIVARD · G · RP · ANG · SCO · ET · HIB & PRO·

R/: Escudo do Reino Unido na época de Cromwell..

Lenda: · 1656 · PAX · QVÆRITVR · BELLO ·

O broad é unha moeda inglesa de ouro cuñada inicialmente pola Commonwealth de Inglaterra en 1656, e novamente en 1660 xa a nome de Carlos II, co valor 20 xilins.[2][3][4]

O seu deseñador foi, en ambos os casos, o daquela gravador xefe da Royal Mint, Thomas Simon.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Commonwealth de Inglaterra[editar | editar a fonte]

A moeda emitida pola Commonwealth de Inglaterra, logo da guerra civil inglesa, ten un diámetro de entre 29 e 30 milímetros e un peso de entre 9,00 e 9,10 gramos, e está cuñada en ouro cunha pureza de 916 milésimas. No seu anverso represéntase o busto do Lord Protector Oliver Cromwell que se amosa laureado, á maneira dos emperadores romanos. A inscrición latina que o rodea é OLIVAR D G R P ANG SCO HIB &c PRO (Olivarius Dei Gratia Res Publicae Angliae, Scotiae et Hiberniae etc. Protector; galego: "Oliver, pola graza de Deus, protector da República de Inglaterra, Escocia, Irlanda, etc.").[1]

Pola súa banda, o reverso amosa un escudo coroado que representa as armas da Commonwealth, coa inscrición PAX QVAERITVR BELLO ("A paz procúrase a través da guerra").[1][2]

Consonte algúns investigadores a moeda non chegou a entrar en circulación, senón que foi unicamente unha cuñaxe en proba; con todo, nunha certa cantidade de exemplares áchanse sinais significativos deteren circulado, aínda que non durante moito tempo, tendo en conta a repentina morte de Cromwell o 3 de setembro de 1658.[5]

Carlos II (1660-1685)[editar | editar a fonte]

Broad de ouro de Carlos II (1660).

Pola súa banda, a proposta de Thomas Simon para o broad a nome de Carlos II amosaba no seu anverso un busto drapeado e laureado do monarca cara á dereita, coa lenda CAROLVS II REX ("Rei Carlos II"), en tanto que o reverso presentaba unha composición cruciforme cos escudos de armas de Inglaterra, Escocia, Francia e Irlanda, coas letras CC coroadas, rodeado pola lenda MAG MALI A·DEI ("Poderosas accións de Deus"), e a data de 1660.[6]

Coñécense diversas variantes do broad de Carlos II, creadas tamén por Simon e datadas en 1660 e en 1662. Todas elas foron cuñadas unicamente como moedas de proba, e non chegaron a cuñarse para a súa posta en circulación, xa que o monarca decidiu encomendarlles a confección das súas moedas ordinarias aos irmáns Roettier, rivais de Thomas Simon na Royal Mint.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "1 Broad - Oliver Cromwell". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "Broad". En Münzen Lexikon (Reppa.de).
  3. "Broad-money". En Martinori, E. (1915). Páxina 46.
  4. "Broad". En Frey, A. R. (1916). Páxina 34.
  5. "Oliver Cromwell (1656-58), Gold Broad of twenty shillings, 1656". Baldwin & Sons (Bladwin.co.uk).
  6. "1 Broad - Charles II Pattern". Numista.com
  7. Sharples, J. "Thomas Simon, Engraver (1618-1665)". Museums Victoria Collections.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]