Saltar ao contido

Boteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Boteiro
Imaxe
 Instancia de
Wikidata
Boteiro de Viana do Bolo.
Detalle das esquilas e da camiseta dun boteiro de Viana do Bolo.

O boteiro é un personaxe do folclore de Galiza vinculado ás festas do Entroido[1] da comarca vianesa; está presente nos concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña.[2] Agora ben, segundo a zona de procedencia, a súa vestimenta e comportamentos mudan.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

A diferenza máis evidente entre os boteiros de Vilariño de Conso e os de Viana do Bolo está na careta.

A máscara de Vilariño está feita con pel de cabra ou de cartón, de cor rosa, e leva barba e bigote; en cambio, a vianesa é tallada en madeira de bidueiro e de cor negra.[4] A pantalla da de Vilariño adoita ser cadrada e de cartón, mentres que a de Viana está feita sobre un armazón de ferro recuberto por papel de seda de cores.

O traxe está composto por:[5][6]

  • Unha camiseta de cores feita con fitas cosidas pregadas en acordeón
  • Camisa branca e gravata
  • Luvas
  • Un pantalón con flocos nos laterais
  • Un cinto con esquilas
  • As legues, polainas de coiro, negras
  • Unhas botas negras
  • A monca, un pau coroado por un rabo de raposo ou por unha borla, que o boteiro emprega a modo de pértega para dar saltos.

Funcións

[editar | editar a fonte]

O boteiro é o líder da comitiva de entrudio coñecida como folión. As súas funcións, a maiores de dar botes e carreiras como forma de animación, son:

  • Pedir permiso na entrada das aldeas visitadas.
  • Abrir paso entre a multitude ó folión.[7]
  1. ↑ Álvarez Pousa, Concepción (2023). A lingua de Viana do Bolo: descrición e textos. Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. p. 164. ISBN 978-84-8158-948-1. A celebración que ten lugar antes da Coresma, consistente en desfile de folións, comparsas e foliadas, recibe o nome das formas tradicionais de Entrudio e Intrudio, que se substitúen habitualmente na xente nova por Carnaval como solución maioritaria fronte a Entroido do galego común.
  2. ↑ González Fernández, Óscar J. (2014). Mascaradas de la península Ibérica. Autoedición.
  3. ↑ Basalo Bembibre, Pedro (2019). "Chama-las cousas polo nome". Entroido en Galicia. Onde ir, que ver (monográfico do periódico O Sil): 44–45.
  4. ↑ As caras do entroido ourensán, ed. Deputación de Ourense, p. 232
  5. ↑ As caras do entroido ourensán, ed. Deputación de Ourense, p. 223
  6. ↑ Informativos Telemiño (21 de febreiro de 2020). Entroido 2020. Os Boteiros De Viana do Bolo (Telemiño).
  7. ↑ Informativos Telemiño (20 de febreiro de 2023). Entroido. Antroido. Entrudio. O Boteiro, Vilariño de Conso.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]