Entroido de Vilariño de Conso
Entroido de Vilariño de Conso | |
---|---|
Fulión de Mormentelos (2022) | |
Datos da festa | |
Tipo | Entroido |
Lugar | Vilariño de Conso Galicia |
Comezo | Xoves de compadres |
Fin | Mércores de Cinza |
Data | Febreiro-marzo |
Recoñecementos | Festa de interese turístico de Galicia |
O Entroido de Vilariño de Conso é a serie de celebracións populares que teñen lugar en Vilariño de Conso durante o tempo do Entroido. En marzo de 2016, o conxunto de festexos foi engadido á listaxe de festas de interese turístico de Galicia.[1]
Calendario
[editar | editar a fonte]O Entroido de Vilariño dá comezo o xoves de compadres, dez días antes do domingo de Entroido. Nese día as mulleres da vila elaboran o lardeiro, un boneco de palla que se viste con pezas de roupa roubadas aos homes. O lardeiro é pendurado nun lugar alto, ben visíbel, e de difícil acceso, como burla e desafío para os mozos que teñen que tentar recuperalo. Esta tradición repítese na semana seguinte, no xoves de comadres, sendo nesta ocasión os varóns os que fabrican e penduran o boneco, chamado agora lardeira, con roupa das mulleres.[2]
Desde o xoves de compadres, primeiro día das festas, desfilan polas parroquias do concello os folións, agrupacións musicais formadas polos veciños. Estes grupos festeiros marchan ao ritmo dos característicos tambores de Entroido, de ferramentas de traballo (gadañas, fouces, martelos, sachos), e doutros instrumentos como cornos, trompetas ou cornetas de metal.[3][4] Cada aldea de Vilariño (Mormentelos, Chaguazoso, San Cristovo, Conso etcétera) forma o seu propio folión, e con el visitan as outras, levando a festa dun a outro lugar.
Os folións van sempre acompañados polos boteiros, as máscaras de Entroido propias da comarca vianesa. Estas personaxes, armadas con mocas, lideran o folión encargándose de pedir permiso de entrada nas aldeas que se visitan, de abrir o paso a comitiva entre as multitudes e da animación xeral cos seus bailes e carreiras. A diferenza dos boteiros de Viana do Bolo ou da Gudiña, os boteiros de Vilariño levan unha mitra rectangular sobre a máscara.[5] O percurso dos folións adoita rematar cunha "fariñada", unha divertida batalla entre os asistentes na que se guindan presadas de fariña.
O domingo de Entroido, chamado aquí "Domingo Gordo", todos os folións desfilan de maña por Vilariño e xúntanse para xantar a carón do río. É a tamén tradicional "Festa do cabrito".[6] Polo serán os folións tocan outra vez, nunha competencia entre eles por ver cal mantén a festa durante máis tempo. É habitual que algúns tambores rachen e que os tocadores rematen por deitar sangue das súas mans sobre eles.
No martes de Entroido o folión percorre, por última vez, a aldea rematando na praza. Alí ten lugar un combate oral en ton satírico entre homes e mulleres. Cando finalizan as coplas quéimanse publicamente os lardeiros na praza e dá comezo unha última e máis intensa fariñada.[7] No día seguinte, mércores de cinsa, celébrase o Enterro da Sardiña, acto acompañado por unha sardiñada que dá por rematado o Entroido até o ano seguinte.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Resolución do DOG nº 54 do 2016/3/18 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2022-03-01.
- ↑ "Entroido: Lardeiros e Lardeiras". Galicia Encantada. Consultado o 2022-02-28.
- ↑ "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Corno, corna". Consultado o 2021-10-10.
- ↑ "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Corneta (de metal)". Consultado o 2021-10-10.
- ↑ "Entroido. Descubre más de 20 carnavales ancestrales en Galicia - Perder el Rumbo" (en castelán). 2021-02-05. Consultado o 2022-02-28.
- ↑ "Entroido de Vilariño de Conso". Turgalicia. 2022-02-14. Consultado o 2022-03-01.
- ↑ Domínguez Vila, María. "O Entroido de Vilariño de Conso". Espazo Abalar. Consultado o 2022-02-28.
- ↑ Comarca, Somos. "El Entroido de Vilariño de Conso, fiesta de interés turístico de Galicia". Somos Comarca (en castelán). Consultado o 2022-03-05.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Entroido de Vilariño de Conso |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Entroido de Vilariño de Conso - TVG (Alalá nº 103 - 2009)