Bit By Bats

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bit By Bats
OrixeAdelaida e Melbourne, Australia
Período2003 - 2007
Xénero(s)post-punk revival, indie rock, rock gótico
Selo(s) discográfico(s)Architecture Label, Guano Music, Shiny Records
MembrosOwen Eszeki
Peter Gravestock
Ben Macklin
Na rede
http://bitbybats.com/ (enlace roto)
Musicbrainz: 0b4feb87-dea3-4ef8-8412-24a5011af19b Songkick: 446808 Discogs: 549624 Editar o valor em Wikidata

Bit By Bats é unha banda australiana de post-punk revival formada na cidade de Adelaida en 2003, aínda que posteriormente trasladáronse a Melbourne. Estivo formada por Owen Eszeki (voz, guitarra eléctrica e theremin, ademais de ser o principal letrista do conxunto), Peter Gravestock (voz, guitarra eléctrica e baixo) e Ben Macklin (batería).

Historia[editar | editar a fonte]

Apenas unhas semanas despois de formarse en xullo de 2003, Bit By Bats gravou a súa primeira demo, que máis tarde converteuse no seu primeiro EP. Enviárona a unha radio local chamada Three D Radio, onde obtivo unha boa acollida e procuroulles as súas primeiras actuacións en clubs locais. O EP titulouse Sir! Beat Sir tour EP e contou con seis temas[1].

O seu segundo traballo, para o selo Architecture Label, titulado como o nome do conxunto, Bit By Bats, foi un EP de seis pezas, gravado nos Industry Studios de Adelaida en 2004, que contou coa colaboración de Neville Clark (masterización) e Rob Transini (gravación)[2].

Para o seu terceiro traballo, volveron a publicar un EP de cinco temas que titularon Let's Go Romeo, en 2005, cambiando ao novo selo discográfico Guano Music. Foi gravado en outubro de 2004 nos Birdland Studios (en Prahran, un suburbio de Melbourne, cidade á que se trasladaron), sendo producido por Dean Turner (tamén coñecido como Dean Dirt, por ser membro dos Magic Dirt), e mesturado e masterizado por Lindsay Gravina (de Birdland)[3].

En 2006 participaron no máis importante festival de música australiano, o Big Day Out, e deron comezo a unha dobre xira polo país. A finais deste ano asinaron co selo discográfico Shiny Records, anunciando un novo traballo: Go Go Go![4]. O seu álbum de debut foi gravado a principios de 2007, novamente en Birdland Studios, co produtor Dean Turner, Rob Long e Lindsay Gravina, gravando un total de doce temas. En tres deles contaron coa voz de Adalita Srsen e máis noutro co clarinete de Thom Szucs. Ao longo deste ano tiveron unha tripla xira, actuando no Essential Festival e no Canadian Music Week, en Toronto (no mes de marzo). Tamén gravaron unha versión do clásico de Enya Orinoco Flow, que foi incluído na compilación da radio nacional australiana Triple J Triple J's Like a Version 4. Por fin, o videoclip de animación do seu tema One Six One, obra de Dan Reid, foi proxectado no Melbourne International Film Festival[5]. Non obstante, en decembro do mesmo ano 2007 o grupo anunciou a súa disolución.

O seu estilo mostraba influencias de The Cure, Joy Division e Television, mesturado cunha fresca crueza e forte aspereza. A revista Rolling Stone cualificounos como "un controlado alboroto", mentres Blunt Magazine dicía deles que construían unha "arte de rock e pop discordante envolta nunhas mal orientadas voces que lembran o estilo dos Tom Verlaine de Television e Ian Curtis de Joy Division". Por outra banda a revista inglesa i-D, facendo un xogo de palabras, sinalaba que eran un "melódico grito primixenio que esnaquiza o teu corazón"[6]. Na australiana Time Off, sinalábase que posuían un "equilibrio entre o son roqueiro de The Strokes, mesturados coa tolemia de Television e unha voz que compite coa de Jack White...". Por fin, o crítico Troy en Mess and Noise escribía a principios de 2007 sobre o seu primeiro e derradeiro álbum que "o impostado inglés de Owen Eszeki sitúase en algures entre o dun novo Bono e o da paranoia goticista de Robert Smith, con letras que languidecen nun aburrido indie-chic (...), pero de longo o álbum de debut de Bit By Bats é o son dunha prometedora banda desorientada e en contradición á súa propia identidade"[7].

Durante a súa existencia, Bit By Bats xiraron con grupos australianos como Cut Copy, Youth Group, Howling Bells e The Grates, ou mesmo con bandas internacionais como Bloc Party, Pretty Girls Make Graves, Kaiser Chiefs, Nicola Sarcevic, Les Savy Fav, Von Bondies, Peaches e Wire[8].

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Sir! Beat Sir tour EP - 2003 (EP de 6 temas)
  • Bit By Bats - 2004 (Architecture Label, ARC018; EP de 6 temas)
  • Let's Go Romeo - 2005 (Guano Music, GUA001; EP de 5 temas)
  • Go Go Go! - 2007 (Shiny Records, BATSGOFOR1; álbum de 12 temas)
  • Orinoco Flow - 2008 (Triple J; tema no álbum recompilatorio de versións Triple J's Like a Version 4)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conversación nun foro sobre o contido do EP Sir! Beat Sir tour EP Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés).
  2. Bit By Bats (EP) en Discogs (en inglés).
  3. Let's Go Romeo en Discogs (en inglés).
  4. Shiny Records signs Bit By Bats Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine., artigo de Justine Cleghorn, do 1-12-2006 (en inglés).
  5. Biografía en Lastfm (en inglés).
  6. "Melodic primal screams to tear your heart apart", lembrando o nome da banda post-punk Primal Scream e o título dun dos temas máis coñecidos de Joy Division, Love Will Tear Us Apart .
  7. Go Go Go! en Messandnoise.com, artigo de Troy, publicado o 15-2-2007 (en inglés).
  8. Sobre Bit By Bats en Sonicbids (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]