Bieito Fendeferro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Bieito Fendeferro (orixinalmente Benoît Brisefer) é un personaxe de banda deseñada creado en 1960 por Peyo na revista semanal Le Journal de Spirou, logo repetido por varios debuxantes e guionistas.

Tres das obras nas que aparece foron traducidas ó galego por Miguel Vázquez Freire e revisadas por Agustín Fernández Paz, publicadas na editorial Casals de Barcelona.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Trátase das aventuras dun mozo pícaro simpático, sempre vestido cunha boina, unha camisola branca, unha bufanda azul e unha chaqueta vermella, cun pantalón curto negro. Vive en ViveJoie-La-Grande (literalmente Viva a Gran Ledicia). A súa característica máis peculiar é que está dotado dunha forza excepcional, excepto cando se arrefría (o que acontece en tódolos álbums), e entón vólvese "normal". Pode levantar as cargas máis pesadas (unha betoneira, un armario, un coche, un penedo de varias toneladas). Pode ser moi veloz e tamén saltar moi alto, en proporción coa súa forza. É pulido, servizal, gústanlle as plantas e os animais. Sabe moi ben relacionarse coa xente. Non lle gusta a violencia e a xente que pelexa. A súa forza pono ás veces en divertidas situacións e ás veces é ata fastidioso para el, pois adoita romper os xoguetes dos seus amigos.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Bieito Fendeferro: É o heroe da serie. A súa idade é descoñecida, pero pódese supor arredor duns 10 anos, pois aínda é pequeno e vai á escola primaria. Está dotado dunha forza extraordinaria, pero isto ás veces é un problema para el, pois non chega a controlala. Así, ás veces queda só e sen amigos, pois rompe os xoguetes dos demais e non queren máis volver xogar con el. Os adultos que o toman en serio cando recoñece a súa forza moi grande son raros.

No plano familiar, apenas se sabe cousa, agás que ten un tío, Plácido, membro dos servizos secretos. De feito, en ningún álbum se menciona que teña pais ou irmáns. Vive nunha casa, pero é difícil afirmar se é orfo ou non. No curso das súas aventuras, Bieito atopa moitos rapaces e tamén adultos, facéndose amigo dalgún deles, e adoptando outros, como o señor Dussiflard ou a señora Adolphine, o papel de pais.

Jules Dussiflard: É un taxista. Aparece desde o primeiro álbum, Les taxis rouges (Os taxis vermellos), no que se lle ve facer fronte á competencia da sociedade "Taxis rouges". Tamén ocupa un papel importante en Les douze travaux de Benoît Brisefer (Os doce traballos de Bieito Fendeferro), e reaparece moi brevemente en Madame Adolphine (Señora Adolphine) e no álbum Le fétiche (O fetiche). É o adulto, excepto Plácido, co que Bieito mellor se entende, como nunha relación pai-fillo. Ademais, nas súas dúas aventuras comúns, Dussiflard aparece inquedo cando un perigo sobrevén e cando non sabe onde esta Bieito; anda máis preocupado por buscar a Bieito que polo propio perigo. Na versión galega aparece baixo o nome de Señor Caetano.

Madame Adolphine: É unha muller moi maior. Aparece no segundo álbum da serie. É un personaxe dobre porque unha é humana, a outra é un robot. A señora Adolphine serve, sen sabelo, de modelo a un inventor que desexa construír un robot que ten a aparencia, o comportamento e a voz dunha persoa humana. Un erro de arranxo na disposición final fai que o robot resulta ser unha ladroa, atracosa de bancos, xefe de gang en lugar de ser unha persoa amable, como foi no momento dos seus primeiros pasos. O robot Adolphine tamén é protagonista de Lady d'Olphine e de Hold-up sur pellicule (Atraco a man armada sobre pelicula), nos que intenta organizar delitos como roubos ou desvíos de diñeiro. A señora Adolphine é unha vella dama coa que Bieito mantén relacións moi amigables, case familliales coma co señor Dussiflard: leva a Bieito á estación cando se vai de vacións, e Bieito vai buscarlle unha variedade de rosas nunha vila a unha media hora de autobús para ofrecerllas.

Placido: É o tío de Bieito. É membro do Servizo Auxiliar de Protección das Personnalités Étrangères aux Territoire (Personalidades Estranxeiras ao Territorio). Con claridade, é un gardacostas, un gorila. Aparece no cuarto álbum da serie, Tonton Placide (O tío Plácido). Residindo no campo, acolle ao seu sobriño que vén para veranear. Plácido posúe todas as características do gardacostas: unha anchura de costas de atleta, impoñente e moi útil nas pelexas, gran precisión de tiro, un coñecemento perfecto da pilotaxe de todo tipo de máquina... É o único membro directo da familia de Bieito do que se coñece existencia, e aquel co que Bieito mellor se entende. Así como a inmensa maioría dos adultos da serie, Plácido non cre na forza extraordinaria do seu sobriño. Tamén é un dos personaxes principais de John-John.

Álbums[editar | editar a fonte]