Batalla de Muros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Muros
Data: 25 de xullo de 1543
Lugar: Ría de Muros
Conflito: Guerras Italianas

A batalla de Muros foi un combate naval que tivo lugar na ría de Muros o 25 de xullo de 1543, no que se enfrontaron 25 naves francesas e 16 españolas, no marco das guerras italianas do século XVI. A escuadra francesa estaba liderada por Jean de Clamorgan, e a española por Álvaro de Bazán, o Vello.

Historia[editar | editar a fonte]

Tralo fracaso español do ano 1541 no que Carlos I tentara quitarlle a cidade de Alxer ó corsario turco Barbarossa, o rei francés Francisco I violou a Tregua de Niza e declaroulle de novo a guerra a España, aliado con Turquía, Dinamarca e Suecia. Debido a iso, vulíu para formar unha escuadra coa que combater ás forzas navais de España e Inglaterra, daquela aliadas. O propio monarca dirixiuse ó porto francés de Le Havre para dirixir os preparativos destinados a repeler calquera ataque inglés. Ó mesmo tempo, foille encomendado ó vicealmirante De Burye armar unha segunda escuadra para atacar España, que foi alistada nas localidades de Bordeos, Baiona e Saint-Jean-de-Luz. O rei Carlos I, temendo algunha acción francesa en augas do golfo de Biscaia, encargoulle a Álvaro de Bazán pai, capitán xeneral das galeras de España, que se trasladase ó mar Cantábrico e xuntase unha escuadra para tentar impedir o ataque francés. Para iso, don Álvaro formou unha escuadra con naves de Guipúscoa e Biscaia, amais das da Irmandade das Catro Vilas, xuntando axiña 40 naves de diversos tamaños, con base no porto cántabro de Laredo.

Cando Álvaro de Bazán pai recibiu a orde de transportar un corpo de infantaría a Flandres, tivo que dividila escuadra, e fixo a viaxe a Bruxas con 15 das 40 naves, chegando a aló a finais de xuño. Xusto entón, os franceses remataron os seus preparativos, e a escuadra francesa partiu do porto de Baiona con 30 naves rumbo ás costas españolas. Na súa traxectoria foron apresados dous mercantes biscaíños, o cal alertou ó gobernador Sancho de Leiva, quen avisou a Álvaro de Bazán da presenza da escuadra francesa e do seu rumbo. Os franceses pasaron por augas de Laredo o 10 de xullo sen decatarse da presenza da escuadra española, polo cal seguiron a súa marcha cara a Galicia.

Os franceses saquearon Laxe e Corcubión, e botaron áncoras fronte á localidade de Muros, esixíndolle un rescate para non ser arrasada. A escuadra española, alertada dos feitos, chegou ó lugar a toda presa con 16 naves, collendo por sorpresa ós franceses. A nave de don Álvaro foi directamente cara a do capitán francés Jean de Clamorgan, que estaba a carón da nave do corsario holandés Hallerbarde. A nave española bateuse coas dúas ó mesmo tempo, aproveitando un refacho de vento para lanzar a súa nave contra a do capitán francés, que resultou afundida, sendo a continuación abordada a nave do corsario holandés e capturada. Das 25 naves francesas só unha puido fuxir, e as restantes 23 foron capturadas.

Pola banda francesa houbo 3000 mortos e feridos, e pola española 300 mortos e 500 feridos. O resultado da batalla foi o control militar de España sobre as augas do mar Cantábrico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]