Saltar ao contido

Batalla de Megido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Megido

Thutmose III representado en Karnak
Data 16 de abril de 1457 a. C.
Lugar Megido (Palestina)
Resultado Vitoria exipcia decisiva
Belixerantes
Imperio Novo de Exipto Canaán
Qadesh
Megido
Mitani
Líderes
Thutmose III Durusha, rei de Kadesh[1]
Forzas en combate
10 000-30 000 homes[2]
(posiblemente 10 000-15 000)[3][4][5][6][7]
2000 cabalos[6][8]
(~1000 carros de guerra)[8]
10 000[5][9]-20 000[5]hombres
(posiblemente 10 000-15 000)[5][7]
2000 cabalos[8]
(~1000 carros de guerra)[8]
Baixas
Descoñecidas, pero moi altas. 83 mortos, 340 prisioneiros, 924 carros e 200 armaduras[5]

A batalla de Megido (século XV a. C.) librouse entre as forzas exipcias baixo o mando do faraón Thutmose III contra unha coalición cananea comandada polo rei de Kadesh, para dirimir a soberanía sobre Retenu. A data máis comunmente aceptada do feito é o 16 de abril de 1457 a. C (conforme á Cronoloxía do Antigo Oriente Próximo), aínda que algúns autores sitúana no 1482 a. C. ou no 1479 a. C. Terminou cunha vitoria exipcia, que obrigou aos cananeos a retirarse á cidade de Megido, onde posteriormente foron asediados e vencidos. Co restablecemento da dominación exipcia en Canaán, Thutmose III comezou un reinado no que o imperio exipcio alcanzou a súa época de maior expansión.

É a primeira batalla da historia da que existe unha relación histórica detallada. Nela rexístrase por vez primeira a utilización do arco composto e dáse o primeiro reconto de baixas.[10] Todos os detalles da batalla proceden de fontes exipcias, principalmente das escrituras xeroglíficas do templo de Amón en Karnak, Tebas (actual Luxor) feitas polo escriba militar Tjaneni; tamén na estela de Gebel Barkal, nunha estela do templo de Ptah de Karnak e nunha estela de Armant.

Revolta cananea

[editar | editar a fonte]

Ao final da rexencia de raíña-faraón Hatshepsut, os gobernantes da antiga Retenu tentaron liberarse do xugo da hexemonía exipcia. Thutmose III, sucesor da súa madrasta Hatshepsut, tivo que lidar desde o primeiro momento do seu reinado con estes levantamentos.

Retenu aliouse co reino de Mitani nas beiras do Éufrates, e co de Kadesh, cunha fortaleza que lles servía de refuxio. A esta alianza uniuse tamén Megido, cidade de importancia estratéxica pola súa situación xeográfica no val de Jezreel, tras o monte Carmelo e o Mediterráneo, desde onde se podía controlar a ruta principal entre Exipto e Mesopotamia. O rei de Kadesh asumiu o mando desta coalición.

O Crecente Fértil na época dourada do Imperio Novo. Principais cidades.

Campaña exipcia

[editar | editar a fonte]

Thutmose III reuniu un grande exército de carros de guerra e infantaría que sumaba 10.000 homes.[11] Este alto número é coherente coa lonxitude da liña de marcha descrita, de varios quilómetros de lonxitude. Seguindo o Camiño de Horus, este exército reuniuse na fortaleza fronteiriza de Tharu (chamada Sile en grego) e chegou dez días despois á cidade leal de Gaza. Tras un día de descanso, marchou cara a Yehem, onde chegou tras outros once días. Desde aquí deberían seguir cara ao norte, e pasar polo monte Carmelo, tras o cal se atopaba a cidade de Megido, onde se reuniran as forzas alzadas.

Había tres posibles rutas desde Yehem a Megido. Tanto a do norte, vía Zefti (ou Dyefti), como a do sur, vía Taanach, daban acceso seguro ao val de Jezreel.[12] A ruta do medio, pasando por Aruna, era perigosa: seguía un canón estreito, e as tropas só poderían viaxar en fila. Se o inimigo esperaba ao final do canón os exipcios poderían ser facilmente divididos e atacados. Contra a opinión dos líderes do seu exército de tomar calquera dos camiños máis seguros, Thutmose III decidiu marchar polo camiño máis estreito pero máis curto cara a Megido.[13] O propio Thutmose III conduciu os seus homes cara a Aruna. A cidade estaba debilmente protexida: un rápido asalto exipcio dispersou á gornición rebelde. Estes, pensando que os exipcios marcharían polo camiño máis seguro, dispuxeran destacamentos axexando as rutas norte e sur, deixando descuberto o val polo que o exército exipcio avanzou sen oposición.

Batalla e asedio

[editar | editar a fonte]
Maqueta de Megido.

Thutmose ordenou acampar e durante a noite despregou as súas forzas cerca do inimigo. Á mañá seguinte atacou. Os rebeldes estaban nas alturas xunto á fortaleza. A liña exipcia dispúxose nunha formación cóncava que ameazaba os dous flancos rebeldes, con Thutmose no centro dirixindo o ataque. A disposición dos exipcios, xunto co seu número e a sorpresa do ataque desfixeron a formación dos rebeldes, que se retiraron á cidade, pechando as portas tras eles.

As forzas rebeldes dispersas, incluíndo aos reis de Megido e Kadesh, conseguiron reorganizarse dentro da cidade, e axudaron aos que quedaran fóra a subir a muralla. Os exipcios, entretidos saqueando o campamento rebelde, perderon a oportunidade dunha rápida conquista véndose obrigados a cercar Megido durante sete meses, tras os cales a cidade se rendeu, aínda que o rei de Kadesh fuxiu.[14] O botín conseguido polos exipcios quedou anotado en Karnak:[15]

340 prisioneiros vivos e 83 mans. 2.041 eguas, 191 poldros, 6 sementais. Un carro traballado en ouro, a súa vara de ouro, deste vil inimigo; un fermoso carro traballado en ouro do príncipe de Megido, 892 carros do seu miserable exército; en total, 924 carros. Unha fermosa armadura de bronce pertencente ao príncipe de Megido, 200 armaduras do seu vil exército, 502 arcos, 7 varas de madeira do inimigo, traballadas en prata. Ademais 1.929 cabezas de gando grande, 2.000 de gando pequeno, 20.500 ovellas.[16]

Posteriormente en Yenoam, Nuges, Herenkeru e outras cidades rendidas nesta mesma campaña tomaríase máis botín, incluíndo reféns e escravos.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Seguindo o costume da época, Thutmose III tomou como reféns os fillos de cada un dos reis derrotados. Despois de ser educados na corte exipcia, foron devoltos aos seus lugares de orixe, onde gobernaron co consentimento de Exipto.

A vitoria de Megido foi só o comezo da pacificación de Canaán e Siria. A esta batalla seguirían unha serie de campañas, con periodicidade case anual, que suporían a expansión do poder de Exipto até o norte de Mesopotamia.[17]

  1. Battle Of Megiddo
  2. Battles That Changed History: An Encyclopedia of World Conflict. Spencer Tucker, pp. 3, ABC-CLIO, 2010.
  3. The Secular and the Sacred Harmonized. Eloise T. Choice, pp. 279, AuthorHouse, 2005
  4. Siegecraft - No Fortress Impregnable. Harold A. Skaarup, pp. xix, iUniverse, 2003.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Thutmose III: a military biography of Egypt's greatest warrior king. Richard A. Gabriel, pp. 92, Potomac Books, Inc., 2009.
  6. 6,0 6,1 The wars in Syria and Palestine of Thutmose III. Donald B. Redford, pp. 205, BRILL, 2003.
  7. 7,0 7,1 The great battles of antiquity: a strategic and tactical guide to great battles that shaped the development of war. Richard A. Gabriel & Donald W. Boose, pp. 51, Greenwood Press, 1994.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 The Battle of Megiddo the first battle recorded in history (Archive) - Military Photos
  9. Ancient Egyptians: The Battle of Megiddo (2003). Part 1 of 5 (en inglés)
  10. Trevor N. Dupuy, Evolution of Weapons and Warfare.
  11. Cline: op. cit., páx. 17.
  12. Tomac Petar, Vojna Istorija, 1959. páx. 21.
  13. Cline: op. cit., páx. 18.
  14. Cline: op. cit., páx. 21.
  15. Cline: op. cit., páx. 22.
  16. Traducido por Henry Breasted James en 1906 ao inglés
  17. Paul K. Davis, 100 Decisive Battles from Ancient Times to the Present: The World’s Major Battles and How They Shaped History (Oxford University Press, 1999), pp. 1.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cline, Eric (2000) The Battles of Armageddon:Meggido and the Jezreel Valley from the Bronze Age to the Nuclear Age University of Michigan Press. ISBN 0-472-097393-3
  • Dollinger, André (2000). "Thutmose III: The Battle of Megiddo" (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2009. 
  • Dupuy, Trevor Nesbit. The Evolution of Weapons and Warfare. DaCapo, 1990. ISBN 0-306-80384-4
  • Dupuy, Richard Ernest, and Dupuy, Trevor Nesbit. The encyclopedia of military history from 3500 B.C. to the present.
  • Redford, Donald B. Wars in Syria and Palestine of Thutmose III. E J Brill, 2003. ISBN 90-04-12989-8

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]