Babesiose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Babesia spp.

A babesiose (ou babesíase) é unha enfermidade parasitaria similar á malaria, provocada por protozoos do xénero Babesia e que adoita afectar aos animais domésticos, en especial aos cans. O seu nome estableceuse na honra do biólogo romanés Victor Babeş, que foi o primeiro en illar ao axente patóxeno.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A babesiose é a típica enfermidade que se transmite a través dun organismo vector, xeralmente a carracha (Ixodes dammini); de feito, é o mesmo que transmite a enfermidade de Lyme e, a miúdo, ambas van asociadas. Hai zonas do planeta nas que a babesiosis está tan estendida que pode transmitirse por transfusións de sangue.

A babesiose é chamada «malaria do nordés» na costa atlántica do norte de Estados Unidos, debido a que a súa morbilidade e os seus síntomas son similares aos da malaria auténtica. En realidade, sábese moi pouco da babesiose naqueles lugares nos que a malaria está moi estendida, porque se parecen tanto que é fácil confundilas.

Algunhas veces, a infección con parasitos da babesia pode ser asintomática ou causar unha enfermidade leve non específica; o enfermo a miúdo nin sequera se dá conta. Nos casos máis leves, esta enfermidade pode provocar febrícula e algo de anemia, pero nos casos agudos a temperatura corporal pode alcanzar os 40 graos e provocar fallos orgánicos, como a insuficiencia respiratoria, cefaleas, nauseas, vómitos, mialxias e hemólise. As persoas máis ameazadas son os mozos, os anciáns ou os que teñen o sistema inmunolóxico máis débil e, dado que o bazo é unha das vísceras que combaten a enfermidade, aqueles aos que lles foi extirpado son máis vulnerábeis.

Ciclo biolóxico do protozoo Babesia

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

Os parasitos de Babesia reprodúcense nos propios glóbulos vermellos, onde son identificábeis debido á súa anómala división celular cruciforme; ademais, do mesmo xeito que a malaria, provocan anemia hemolítica. Pero, a diferenza do seu axente patógeno, o Plasmodium, a Babesia non ataca ao fígado, pois non se desenvolve fóra dos eritrocitos.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

A babesiose é fácil de diagnosticar se se sabe o que se está buscando. Aínda que non hai un protocolo de actuación, se se habita nunha zona onde a enfermidade é habitual ou a persoa foi picada por un carracho, presentando anemia hemolítica e febre, con esa orientación, o médico pode localizar o organismo invasor por medio de diversos tipos de análises de sangue: xa sexa seroloxía, unha reacción en cadea da polimerasa, un reconto de plaquetas ou un hemograma.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Os casos máis leves de babesiose resólvense sen tratamento, xa que o sistema inmunolóxico é capaz de neutralizalo. Para os pacientes con casos máis agudos tradicionalmente viñan administrándose dous tipos de fármacos: a quinina e a clindamicina; pero non era raro que esta combinación provocase rexeitamento nos doentes, polo que os estudos máis actualizados suxiren a combinación de atovaquone e azitromicina, en xeral máis tolerados polo organismo. Ademais, as transfusións de sangue permiten substituír os glóbulos vermellos danados por outros sans.