Bágoas de crocodilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caricatura feita por Bernhard Gillam representando a Ulysses S. Grant buscando os votos dos xudeus chorando "bágoas de crocodilo" sobre a persecución dos xudeus en Rusia. A caricatura contrasta coa expresión de Grant de indignación coa súa propia orde anterior de orde de expulsar os xudeus dos Estados Confederados.

Enténdese por bágoas de crocodilo (ou compaixón superficial) unha mostra falsa e non sincera de emoción como chorar de forma hipócrita con bágoas de falsa pena.

A frase deriva da antiga crenza de que os crocodilos vertían bágoas ao comeren as súas presas, e actualmente utilízase en numerosos idiomas modernos, especialmente en Europa, onde foi introducida a través do latín. Aínda que os crocodilos non teñen condutos lacrimais, verten lágrimas para lubicar os seus ollos, normalmente cando estiveron fóra da auga durante longo tempo e os ollos empezan a secárselles. Porén, algunhas probas indican que esta secreción pode ser tamén causada pola aimentación.

A síndrome de Bogorad é unha condición que causa unha secreción de bágoas cando se come, polo que foi denominada "síndrome das bágoas de crocodilo" facendo referencia á lenda.

Historia e uso[editar | editar a fonte]

A expresión procede dunha antiga anecdota sobre que os crocodilos choraban polas súas vítimas cando as estaban comendo. Un conxunto de proverbios atribuídos a Plutarco suxire que a expresión "bágoas de crocodilo" xa era ben coñecida na antigüidade: comparando o comportamento dos crocodilos co da xente que desexaba causar a morte de alguén, pero despois laiábase publicamente por ela.[1] A historia aparece nun glosario cristián na obra Bibliotheca do teólogo de inicios da Idade Media Fotio.[2] Fotio usa a historia para ilustrar o concepto cristián de arrepentimento.[1] A historia repítese en bestiarios como ''De bestiis et aliis rebus''.

Este conto espallárono posteriormente outros autores, como nos relatos das viaxes de Sir John Mandeville do século XIV, onde se pode ler:[3]

"Naquel país e por toda a India hai gran cantidade de crocodilos, que son da forma dunha longa serpe, como dixen antes. E de noite viven na auga, e de día en terra, en rochas e covas. E non comen nada de carne en todo o inverno, senón que descansan como nun soño, como fan as serpes. Estas serpes matan homes, e cómenos chorando; e cando os comen moven a mandíbula superior, e non a inferior, e non teñen lingua.
Curious creatures in zoology

[4]

Un escritor posterior, Edward Topsell, dá unha explicación diferente ás bágoas, dicindo: "Non hai moitas bestas brutas que poidan chorar, pero tal é a natureza do crocodilo, que, para conseguir que un home se poña en perigo, salouca, salaia e chora como se estivese en situación crítica, pero repentinamente o destrúe."[5] Nesta versión, o crocodilo pretende estar aflixido para enganar a súa presa dándalle unha falsa sensación de seguridade. Porén, Topsell tamén se refire á historia máis vella de que os crocodilos choran durante e despois de comer un home, repetindo o relato moral cristián estándar de que isto significa un tipo de falso arrepentimento como o pranto de Xudas despois de traizoar a Cristo.[5]

En literatura[editar | editar a fonte]

"Crocodile tears for Syria" (Bágoas de crocodilo por Siria), caricatura de Carlos Latuff que ilustra o concepto

Shakespeare referiuse varias veces ao concepto. Usa ambas as versións de Topsell do motivo, a do engano a a do falso arrepentimento. Un exemplo encóntrase en Otelo, Acto IV, Escena i, no cal Othello convéncese a si mesmo que a súa muller o está enganando con outro.

"Se a terra rebordase con bágoas de muller, / de cada pinga que verte sairía un crocodilo."[6]

Tamén se refire á versión sobre o engano das presas en Henrique VI, Parte 2, Acto III, Escena i, no cal un personaxe se refire ás falsas emocións do duque de Gloucester: "O espectáculo de Gloucester / engánao, como o apenado crocodilo / con mágoa, caza os abrandados pasaxeiros".[7] En Antonio e Cleopatra, Acto II, Escena vii, Marco Antonio reprende Lépido, que lle preguntara como son os crocodilos, cunha descrición sen sentido que finaliza coas palabras "E as súas bágoas son húmidas".

O contemporáneo de Shakespeare Edmund Spenser tamén se refire á historia en A raíña das fadas, escribindo da "cruel e arteira" criatura "a cal, con falsa pena, escondendo a súa inofensiva artimaña / chora toda dolorosa, e verte tenras bágoas"[8]

Na ópera de Henry Purcell de 1688 Dido and Aeneas, (libretista Nahum Tate), cando Aeneas lle di a Dido que debe abandonala para fundar Roma na península Itálica, ela proclama, "Así nas fatais ribeiras do Nilo, / chora o mentireiro crocodilo."[9]

Comportamento real dos crocodilos[editar | editar a fonte]

Aínda que os crocodilos poden xerar e xeran bágoas, estas non están ligadas coa emoción. O fluído (~bágoas) que segregan ten a función de limpar e lubricar os seus ollos, e é máis abundante cando o crocodilo estivo en terra seca durante bastante tempo. No caso do crocodilo americano e do crocodilo de auga salgada, as bágoas axúdanlles tamén a eliminar o exceso de sal que inxiren cando se alimentan. Segundo Adam Britton,

É difícil rastrear a orixe deste particular mito, pero é doado ver por que se fixo tan popular, nunha criatura aparentemente sen remorsos como o crocodilo que en realidade chore sobre as súas vítimas é unha memorable ironía que inspirou unha considerable prosa e creou unha frase que aínda hoxe é popular.[10]

En 2006, o neurólogo Malcolm Shaner, axudado por Kent Vliet, un investigador da Universidade de Florida, decidiu comprobar a historia de que os crocodilos ou os seus parentes achegados os aligátores e caimáns "choraban" cando se alimentaban. Estudando eses animais no Parque Zoolóxico da Granxa de Aligátores de St. Augustine en Florida, Vliet gravou sete caimáns mentres se alimentaban. Elixiu utilizar caimáns en troques de crocodilos porque no santuario podían ser observados comendo en terra seca. Cinco dos sete animais "choraban", o que leva á conclusión de que a historia podería describir un fenómeno real. Os investigadores suxeriron que estes "choros" poden ser causados polo bufido de aire quente durante a alimentación, que é forzado a saír polos seos nasais, estimulando as glándulas lacrimais dos animais a baleirar o fluído no ollo.[11][12]

Síndrome de Bogorad[editar | editar a fonte]

Esta expresión deulle tamén o seu nome coloquial á síndrome de Bogorad, chamada "síndrome das bágoas de crocodilo", a cal é unha consecuencia pouco común da recuperación dunha parálise de Bell, na que a defectuosa recuperación do nervio facial fai que os pacientes vertan bágoas cando comen.[13][14] O neuropatólogo ruso F. A. Bogorad foi o primeiro que descrbiu esta condición en 1926, fíxoo nun artigo titulado "síndrome das bágoas de crocodilo" (tamén traducido como "o síntoma das bágos de crocodilo").[15] Bogorad argumentou que as bágoas eran causadas polo acto da salivación.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Arnaud Zucker (ed), Physiologos: le bestiaire des bestiaires, Jérôme Millon, 2004, p.300.
  2. PHOTIUS (1977). Bibliothèque. Tome VIII : Codices 257-280. (en French e Ancient Greek). Texte établi et traduit par R. Henry. Paris: Les Belles Lettres. p. 93. ISBN 978-2-251-32227-8. 
  3. John Ashton (2009). Curious creatures in zoology. ISBN 978-1-4092-3184-4. 
  4. Orixinal: "In that country and by all Inde be great plenty of cockodrills, that is a manner of a long serpent, as I have said before. And in the night they dwell in the water, and on the day upon the land, in rocks and in caves. And they eat no meat in all the winter, but they lie as in a dream, as do the serpents. These serpents slay men, and they eat them weeping; and when they eat they move the over jaw, and not the nether jaw, and they have no tongue."
  5. 5,0 5,1 Sax, Boria, The Mythical Zoo: An Encyclopedia of Animals in World Myth, Legend, and Literature, ABC-CLIO, 2001, p.70. (Orixinal: "There are not many brute beasts that can weep, but such is the nature of the crocodile that, to get a man within his danger, he will sob, sigh, and weep as though he were in extremity, but suddenly he destroyeth him")
  6. Orixinal: "If that the earth could teem with woman's tears, / Each drop she falls would prove a crocodile.
  7. Orixinal: "Gloucester's show / Beguiles him, as the mournful crocodile / With sorrow, snares relenting passengers."
  8. Whyile, Dan, Crocodile, Reaktion Books, 2013, p.15. (Orixinal: "which, in false grief, hiding his harmful guile / Doth weep full sore, and sheddeth tender tears.")
  9. Dido and Aeneas libretto (Orixinal:"Thus on the fatal banks of Nile, / Weeps the deceitful crocodile".)
  10. Britton, Adam (n.d.). Do crocodiles cry 'crocodile tears'? Crocodilian Biology Database. Retrieved March 13, 2006 from the Crocodile Specialist Group, Crocodile Species List, FAQ.
  11. "No Faking It, Crocodile Tears Are Real." ScienceDaily, 4 October 2007
  12. Shaner, D. M. & Vliet, K. A.: "Crocodile Tears: 'And thei eten hem wepynge'", BioScience, 2007, Vol. 57, No. 7, pp.615–617
  13. Morais Pérez D, Dalmau Galofre J, Bernat Gili A, Ayerbe Torrero V (1990). "[Crocodile tears syndrome]". Acta Otorrinolaringol Esp (en Spanish) 41 (3): 175–7. PMID 2261223. 
  14. McCoy, FJ; Goodman, RC (Jan 1979). "The crocodile tear syndrome.". Plastic and Reconstructive Surgery 63 (1): 58–62. PMID 432324. doi:10.1097/00006534-197901000-00010. 
  15. F. A. Bogorad (trans Austin Seckersen), "The symptom of crocodile tears", Journal of the History of Medicine and Allied Sciences, 02/1979; 34(1):74-9.
  16. Lester Allen Russin, "Paroxysmal Lacrimation During Eating as a Sequal of Facial Palysyndrome of Crocodile Tears", JAMA. 1939;113(26):2310-2311.

Ligazons externas[editar | editar a fonte]