Azalea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Azaleas arroibadas de cinco anos.
Azalea.

As azaleas[1] son arbustos de flor clasificadas na actualidade en dous dos subxéneros de Rhododendron - o subxénero Pentanthera, tipificado por Rhododendron nudiflorum e mais o subxénero Tsutsusi co Rhododendron tsutsusi. Existen azaleas de follas caedizas e azaleas de follas perennes. Son moi comúns na xardinaxe de Galiza, xa que se adaptan moi ben aos solos e condicións climáticas do país.

Unha das diferenzas principais entre as azaleas e o resto da familia do rododendro é o seu tamaño e o crecemento da flor. Os rododendros desenvolven as flores en acios, mentres que a meirande parte das azaleas teñen floracións terminais (unha flor por cada talo floral). Porén, botan tantos talos que durante a estación florecente conforman unha sólida masa colorida que van dende o rosa, vermello, laranxa, amarelo, púrpura ou branco.

Os híbridos de azalea lévanse creando centos de anos. Estas modificacións xenéticas feitas polo ser humano produciron máis de 10.000 especies cultivares diferentes que se propagan a partir de esgallos. Tamén se poden apañar e facer xermolar as sementes.

Estas plantas necesitan un solo bien drenado, preferentemente acedo, e unha exposición sombreada e fresca. O uso de fertilizantes é opcional. Algunhas das especies necesitan podas regulares.

Enfermidades: Araña vermella, afidios, marcescencia das flores.

Na cultura chinesa, a azalea coñécese coma sixiang shu e é inmortalizada en numerosas poesías e contos.

A azalea é o símbolo da cidade de São Paulo, no Brasil.[2]

As azaleas, malia a súa beleza, son moi tóxicas, polo contido en andromedotoxinas tanto nas súas follas coma no seu nectar, Un dato curioso é que o mel producido por abellas a partir destas flores é altamente velenoso para os seres humanos, mentres que é inofensivo para os insectos[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar en galego en todas a fontes: Vocabulario ortográfico da lingua galega. A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Municipal law of the city of São Paulo nr. 14472 of 2007.
  3. "University of Pennsylvania's Poisonous Plants Home Page". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2012. Consultado o 08 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]