Saltar ao contido

Aspartato aminotransferase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aspartato aminotransferase de E. coli co cofactor Piridoxal 5'- Fosfato.

A aspartato aminotransferase (EC 2.6.1.1), antes coñecida como transaminase glutámico-oxalacética (GOT) e tamén chamada aspartato transaminase (AST), é unha enzima aminotransferase que se atopa en varios tecidos do organismo dos mamíferos, especialmente no corazón, o fígado e o tecido muscular. Atópase en cantidades elevadas no soro en casos de infarto agudo de miocardio, de hepatopatía aguda e de miopatías, polo emprego de determinados fármacos e en casos de calquera doenza ou trastorno onde as células resulten danadas gravemente.

Reaccións catalizadas

[editar | editar a fonte]

Esta enzima cataliza a reacción de transferencia dun grupo amino dende o L-aspartato ó 2-oxoglutarato, formándose L-glutamato e oxaloacetato. Esta enzima utiliza o piridoxal 5'-fosfato como cofactor.

Tamén pode actuar sobre a L-tirosina, a L-fenilalanina e o L-triptófano. Esta actividade pode ser formada desde o enzima aminoácido aromático transaminase mediante proteólise controlada.