Saltar ao contido

Asociación Faceira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Asociación Faceira é unha asociación formada por estudosos e persoas interesadas na cultura leonesa das provincias de León e Zamora adicada ao estudo e á divulgación da lingua e da cultura leonesa e as súas manifestacións culturais e folclóricas.

A sede da Asociación atópase na vila de Veguellina de Órbigo (Veguellina d'Órbigu en leonés), que pertence ao concello de Villarejo de Órbigo (Villareyu d'Órbigu en leonés) na provincia de León.

A Asociación nace en León no ano 2011 trala desaparición doutra asociación cultural tamén adicada ao estudo da lingua leonesa chamada Facendera pola Llingua, e que xa tiña un recoñecido prestixio e un longo percorrido no campo do estudo do leonés. Algúns antigos membros desta asociación anterior decidiron continuar aquela tarefa divulgativa e lingüística e decidiron crear a Asociación Faceira.[1]

O nome da asociación provén da palabra leonesa Faceira moi usada nos dialectos do leonés das bisbarras occidentais de León e Zamora, e cuxo significado é "conxunto de terras traballadas polos veciños dunha mesma zona", aínda que o seu significado exacto ten matices dependendo das bisbarras zamoranas e leonesas.[2][3]

Actividade

[editar | editar a fonte]

A actividade da asociación dende o seu comezo foi prolífica e abundante nos terreos culturais, lingüísticos e sociais.

No terreo social, a Asociación Faceira sobresae na loita a prol da visibilidade social e o recoñecemento da lingua leonesa por parte do eido institucional da Xunta de Castela e León e as demais institucións políticas, culturais e sociais de León e Zamora, xunto con outras asociacións leonesas e zamoranas. De feito, en setembro do ano 2011 a asociación presentou unha serie de escritos e alegacións perante a Consellería de Cultura e Turismo de Castela e León reclamándolle o cumprimento do artigo 5.2 do Estatuto de autonomía dese territorio, onde se recoñece ao leonés como obxecto de especial protección polo seu valor dentro do patrimonio cultural da Comunidade autónoma[4] e amais pedíaselles o desenvolvemento de medidas específicas para cumpriren con este artigo coma a introdución da lingua leonesa no ensino coma materia optativa. Ante a negativa da Xunta de Castela e León, que respondeu cunha carta sen dar resposta á petición feita, a asociación puxo unha demanda á Xunta de Castela e León por violar o artigo 29 da Constitución así como a Lei Orgánica 4/2001, de 12 de xaneiro, reguladora do Dereito de Petición, incoándoselle un procedemento de Dereitos Fundamentais 6/2011 que segue no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Valladolid.[5]

No ano 2013, a asociación participou na creación dunha plataforma de defensa das linguas minoritarias de Castela e León (o leonés e o galego) xunto con outras cinco asociacións de León, Zamora e Salamanca coma Furmientu, La Caleya,El Teixu, Fala Ceibe e Documentación y Estudio del Rebollar.[6].

A Asociación leva implicada na defensa da figura das xuntas veciñais nos concellos leoneses trala reforma da Lei da Administración Local arranxada polo goberno español que as fai perigar. De feito, a asociación participa xunto a outras asociacións, agrupacións e partidos políticos locais e leonesistas[7] en plataformas de defensa desta institución municipal leonesa, amais organizou varias xornadas e encontros para traballar contra a súa abrogación[8]. No ano 2013, produciu un documental titulado La voz del Concejo xunto con outras asociacións leonesas para divulgar o funcionamento desta institución e denunciar o risco de desaparición coa nova lei[9].

No terreo cultural e lingüístico, a Asociación participa de xeito estreito con outras asociacións lingüísticas de León e Zamora coma El Teixu, Furmientu e La Caleya no estudo e a recuperación da lingua leonesa así como a súa divulgación en Castela e León, pero tamén mantén contactos e colaboración coa Academia da Lingua Asturiana. Amais tamén colabora e mantén contactos con outras asociacións culturais leonesas folclóricas coma El Raigañu.

A asociación lanzou un curso de aprendizaxe da lingua leonesa por Internet[10], e alén diso tamén publicou a primeira gramática da lingua leonesa dirixida ao público xeral en forma de pequena guía coa colaboración do prestixioso filólogo e escritor leonés Héctor García Gil, membro da Academia da Lingua Asturiana[11]. A asociación adoita colaborar con diferentes asociación locais leonesas na organización de encontros locais chamados filandones[12].

No 2014, a Asociación Faceira organizou en colaboración co Concello de Astorga o primeiro Certame Literario Astúrica en 2013 para escritores de lingua asturleonesa. Isto xerou unha polémica coa asociación local de Astorga de defensa e estudo do leonés La Caleya, pois esta asociación colaborou co Concello de Astorga durante cinco anos para organizaren o Certame de Relato Curto e Poesía en Leonés. Con todo o Concello decidiu unilateralmente trocar de asociación colaboradora e escolleu a Asociación Faceira para levalo a cabo, o cal provocou as protestas de La Caleya, que colaborou por última vez na súa organización en 2013[13][14].

Malia que a asociación é cultural e declárase desvencellada de calquera movemento ou partido político, algúns dos seus membros están ligados a plataformas leonesistas de tipo cultural coas que colaboran. Amais políticos e membros de partidos locais leonesistas e doutras ideoloxías e asemade as propias formacións políticas adoitan participar nos seus encontros e reunións sociais e culturais[15]. A súa influencia no mundo cultural e social leonés e importante; de feito o partido Esquerda Unida de Astorga iniciou unha campaña en defensa do leonés inspirada no labor desta asociación e outras, conseguindo que o procuradores de Esquerda Unida nas Cortes de Castela e León presentasen unhas preguntas sobre a situación do leonés e o cumprimento do artigo 5.2 do Estatuto autonómico.[16]

Posición respecto á filiación da lingua leonesa

[editar | editar a fonte]

A Asociación Faceira defende que o leonés e o asturiano pertencen ao mesmo dominio lingüístico, é dicir que son a mesma lingua.[17] Posición igualmente defendida xunto coas outras asociacións de Castela e León coas cales colabora na defensa, difusión e estudo do leonés como Furmientu, La Caleya e El Teixu. Amais tamén mantén contactos con membros da Academia da Lingua Asturiana e asociacións da defensa da lingua asturiana.

  1. Entrevista a Ricardo Chao, voceiro de Faceira no programa Iniciativa polo asturiano
  2. [1]
  3. blog
  4. blog
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2014. Consultado o 27 de maio de 2014. 
  6. [2]
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2014. Consultado o 27 de maio de 2014. 
  8. "blog". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2014. Consultado o 27 de maio de 2014. 
  9. [3]
  10. [4]
  11. [5]
  12. Gaiteiro, A. (21 de maio de 2010). "Danzas de palos y serano en el homenaje a Concha Casado". Diario de León (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 28 de outubro de 2015. 
  13. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2014. Consultado o 27 de maio de 2014. 
  14. [6]
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2014. Consultado o 27 de maio de 2014. 
  16. [7]
  17. [8]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]