Asemblea Xeral (Uruguai)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo da República Oriental do Uruguai

A Asemblea Xeral (en castelán: Asamblea General) é a institución que exerce o poder lexislativo do Uruguai. Está integrada pola Cámara de Senadores (30 membros) e a Cámara de Representantes (99 membros) e presidida polo vicepresidente do Uruguai, que é ademais presidente da Cámara de Senadores. A sede da Asemblea Xeral está no Palacio Lexislativo, en Montevideo, a capital da República Oriental do Uruguai.

Composición[editar | editar a fonte]

Dúas cámaras compoñen a Asemblea Xeral, estas son:

  • Cámara de Senadores: está presidida polo vicepresidente da República (electo xunto co Presidente, xefe do Estado) e formada por 30 senadores elixidos cada cinco anos por sufraxio universal nun distrito único para o conxunto da República, segundo o indicado no artigo 94 da Constitución.[1] Os senadores para poder presentarse deben contar con 30 anos de idade.
  • Cámara de Representantes: está formada por 99 deputados escollidos tamén cada 5 anos por sufraxio universal segundo o fixado polo artigo 88 da Constitución.[1] Os representantes son electos por departamentos, o seu número varía segundo a poboación do distrito, aínda que o mínimo adxudicado é o de dous deputados por departamento. A idade mínima para ser representante son os 20 anos.

Funcións[editar | editar a fonte]

Vista aérea do Palacio Lexislativo (Montevideo)

A sección V da Constitución uruguaia de 1967 establece as funcións da Asemblea Xeral no seu artigo 85 que se poden resumir en:[1]

  1. Formar e publicar os códigos
  2. Establecer os tribunais de xustiza
  3. Lexislar sobre a "independencia, seguridade, tranquilidade e decoro" da República, a protección dos dereitos individuais e a promoción económica.
  4. Fixar os impostos
  5. Aprobar, reprobar, total ou parcialmente, os orzamentos propostos polo Poder Executivo.
  6. Autorizar a emisión de débeda pública.
  7. Decretar a guerra, aprobar os tratados internacionais asinados polo Poder Executivo co estranxeiro.
  8. Designar anualmente a forza armada precisa
  9. Crear novos departamentos
  10. Decidir a política monetaria e o relativo o sistema de pesas e medidas
  11. Permitir a entrada de forzar armadas estranxeiras na República
  12. Autorizar a saída das forzas armadas uruguaias ao estranxeiro
  13. Crear os empregos públicos
  14. Conceder indultos
  15. Redactar os regulamentos de milicia
  16. Decidir o lugar onde deben residir as máis importantes autoridades do Uruguai
  17. Conceder monopolios
  18. Elixir, en sesión conxunta de ambas as dúas cámaras, os membros da Suprema Corte de Xustiza, da Corte Electoral e doutros altos tribunais do Uruguai.
  19. Xulgar politicamente aos Ministros de Estado.
  20. Interpretar a Constitución, sen menoscabo da competencia da Suprema Corte de Xustiza nesta materia.

Ademais disto, a Cámara de Senadores goza como atribución exclusiva, a posibilidade de facer un xuízo público a aquelas autoridades públicas que sexan acusadas pola Cámara de Representantes. Para poder apartalos do seu cargo deben acadar unha maioría de dous terzos.

Sede[editar | editar a fonte]

Imaxe do Palacio Lexislativo, sede da Asemblea Xeral (Montevideo)

O Palaxio Lexislativo é a sede da Asemblea Xeral. Trátase dun edificio emprazado en Montevideo construído nun estilo neoclásico entre 1904 e 1925, a súa inauguración levouse a cabo na conmemoración do centenario da independencia uruguaia. Antes da súa construción, a Asemblea Xeral sesionaba no Cabido de Montevideo, un predio histórico que quedara pequeno para as funcións do poder lexislativo. A edificación está coroado por un orixinal lucernario sostido por cariátides que aporta luz ás estancias do interior.

No seu interior destacan as salas do plenario da Cámara de Senadores e da Cámara de Representantes, esta última presidida polo lema "a miña autoridade emana de vós e ela cesa pola vosa presenza soberana", pronunciada por José Gervasio Artigas en 1813, líder uruguaio na independencia de España. O Palacio Lexislativo conta cunha importante biblioteca, así como o despacho oficial da Vicepresidencia da República Oriental do Uruguai. Ademais, no salón dos pasos perdidos custodiánse os dous documentos fundacionais do Estado oriental: a Declaratoria de Independencia de 1825 e a Constitución de 1830. Este espazo tamén acolle actos culturais e os velorios de uruguaios senlleiros como o de Mario Benedetti, Eduardo Galeano ou Jorge Batlle, por citar algúns exemplos.[2][3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Constitución da República Oriental do Uruguai (1967)". IMPO. Consultado o 3-2-2021. 
  2. "Adiós a Benedetti: hombre bueno, escritor continental, mito discreto". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-02-03. 
  3. "Uruguay velará mañana el cuerpo de Eduardo Galeano en el Parlamento". La Vanguardia (en castelán). 2015-04-13. Consultado o 2021-02-03. 
  4. marbelo (2016-10-25). "VÁZQUEZ: "SE FUE UN POLÍTICO DE ELITE"". Parlamento del Uruguay (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-02-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas:[editar | editar a fonte]