Asasinato de Ángel Berrueta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Homenaxe a Ángel Berrueta.

O asasinato de Ángel Berrueta ocorreu o 13 de marzo de 2004, cando Ángel Berrueta Legaz, un tendeiro de 61 anos do barrio de Donibane de Pamplona, foi asasinado a tiros polo policía nacional Valeriano de la Peña e o seu fillo. Momentos antes, María Pilar Rubio, esposa e nai dos asasinos, discutiu con Berrueta xa que ela quería poñer un cartel na panadaría rexentada polo tendeiro onde expuña que os atentados do 11-M eran obra da banda terrorista ETA. Dous días antes, en Madrid, tiveron lugar uns graves atentados e o goberno español mantivo durante varios días que a organización armada vasca foi a autora dos feitos. Os asasinos de Ángel Berrueta foron condenados a prisión. Aínda que a sentenza xudicial recoñeceu a motivación política do asasinato, Berrueta non foi recoñecido polo goberno nin polas institucións políticas como unha vítima política deste atentado.

Kontxi Sanchiz, unha muller de 58 anos, morreu dun ataque ao corazón ao día seguinte logo dunha carga policial nunha manifestación convocada en Hernani o 14 de marzo de 2004 en protesta do asasinato de Berrueta. A morte tamén provocou un debate político entre a esquerda nacionalista e os responsables da Ertzaintza.

Transfondo[editar | editar a fonte]

Ángel Berrueta, á dereita.

Ángel Berrueta Legaz era o propietario da panadaría San Juan do barrio de Donibane de Pamplona. Estaba casado con Mari Carmen Mañas e era pai de catro fillos. Eran membros da organización Gurasoak de apoio aos presos vascos, xa que tiña detidos a dous fillos dende 1997, que acabaron sendo declarados inocentes no correspondente xuízo.[1] Pola súa banda, Valeriano de la Peña, un policía nacional, María Pilar Rubio e o seu fillo, Miguel José, vivían nun piso xunto á tenda de Berrueta. Houbera algunhas tensións con Berrueta, sobre todo polo conflito no País Vasco. A familia non compraba na súa tenda.

O goberno de España afirmou reiteradamente que os atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid foron levados a cabo por ETA, a través de representantes do partido gobernante Partido Popular, aínda que nese momento non había probas claras que o avalasen e despois demostrouse que se trataba dun atentado xihadista. Tres días despois, a opinión principal sería que se tratou dunha estratexia de manipulación por parte do goberno de España feita para tentar gañar lexitimidade ante os votantes nas eleccións xerais do 14 de marzo.[2]

Sucesos[editar | editar a fonte]

O 13 de marzo de 2004, dous días despois dos atentados, María Pilar Rubio foi á panadaría de Ángel Berrueta cun cartel onde puña "ETA EZ", e entrou coa intención de colgar o cartel na tenda. Aínda que Berrueta se negou con respecto, a muller tentou colocar o cartel. Empezaron a discutir e díxolle "ti es un asasino, un etarra". Este sacou o cartel, engurrouno e botouno ao chan. Berrueta colocara un lazo negro os días anteriores polo loito dos atentados e tamén pechara un tempo a tenda, pero para María Pilar Rubio non foi abondo e acabou marchando da tenda proferindo a frase "Vou matar a ese fillo de puta", subiu a casa e comentoullo ao seu marido e o seu fillo. O pai e o fillo baixaron correndo á panadaría. Entón o policía Valeriano de la Peña disparou catro tiros a Berrueta coa súa pistola regulamentaria, tres dos cales impactaron ao panadeiro, e o fillo de 19 anos asestoulle unha puñalada no fígado. O pai subiu ao seu domicilio e chamou á policía para denunciar os feitos, deixando a Berrueta ferido grave na tenda. Foi trasladado ao hospital e morreu en poucos minutos.[3]

Só Valeriano de la Peña foi detido inicialmente pola policía, pero pola noite tamén o fillo foi arrestado. Ao redor da tenda de Berrueta empezou a congregarse xente pola tarde en solidariedade con el, nun ambiente tenso, coa policía vixiando a tenda. Por último, a policía dispersouse e a concentración de xente tamén se disolveu. Os feitos repetíronse posteriormente no tanatorio onde ocorreu o velorio de Berrueta, coa policía utilizando porras e lanzando pelotas de goma. Paralelamente producíronse protestas en diversas localidades do País Vasco.[4]

Ao día seguinte unha manifestación foi convocada en Hernani ao mediodía para protestar polo asasinato. A Ertzaintza detivo a manifestación e atacou os manifestantes. Kontxi Sanchiz, unha muller de 58 anos de Hernani, e a súa filla empezaron a correr fuxindo da carga policial e refuxiáronse nun portal. Sanchiz tropezou e caeu mal, segundo testemuñas. Un axente de policía tamén negou a petición de axuda da súa filla. Poucos minutos despois chegaron ao hospital e informáronlles de que estaba morta. Funcionarios da Ertzaintza negaron estas versións e afirmaron que as molestias de Sanchiz eran anteriores á carga da policía. A cuestión da causa da morte provocou un acalorado debate no Parlamento vasco entre a esquerda nacionalista e o conselleiro vasco do Interior Javier Balza.[5][6][7]

Xuízo[editar | editar a fonte]

O xuízo tivo lugar en xuño de 2005 ante un xurado popular. Os acusados, a parella e o seu fillo, tentaron xustificar o asasinato. O marido declarou que a súa muller lle estivo quentando os ánimos. O fillo, en troques, declarou que foi insultado por ser fillo dun policía español na escola cando era pequeno. Como veciños, afirmaron que non se levaban ben con Berrueta e eran conscientes da súa militancia política. O xurado decidiu que o asasinato estaba agravado por motivos ideolóxicos e condenou a Valeriano de la Peña a vinte anos de cárcere, para a súa esposa pedíronse dez anos por provocar o asasinato e o fillo a quince anos.[8][9] A diferenza da súa muller, esposo e fillo, quedaron libres o día dos feitos e foron encarcerados uns días despois. Porén, o fiscal Javier Muñoz recorreu a sentenza no caso de Maria Pilar Rubio, que finalmente foi absolta polo Tribunal Supremo de Xustiza de Navarra en 2005 e saíu de prisión só uns meses despois. O Tribunal Supremo español confirmou en 2006 a inocencia da súa muller e as condenas do seu marido e fillo.[10] Mentres cumpría a pena de prisión, o pai e o fillo solicitaron o ⁣indulto, pero o tribunal denegou esta petición.[11] Porén, obtiveron permiso para saír de prisión. Os condenados só pagaron parcialmente a indemnización e Valeriano de la Peña conservou o seu cargo de policía e cobra tamén o seu soldo.[12] O seu fillo saíu de prisión en setembro de 2011 tras completar o terceiro grao en prisión.[12]

Javier Muñoz, daquel Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra,[13] e que recorreu a sentenza e conseguiu a absolución de María Pilar, cualificou o acto como unha "pelexa entre veciños". Isto impediu que a familia de Berrueta puidese cobrar o seguro da panadaría. Muñoz recibira días antes a Medalla da Policía Foral, e en 2015 foi nomeado fiscal do Tribunal Supremo.[14]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A familia de Berrueta foi vítima de insultos, ameazas e agresións á súa propiedade durante varios anos despois do asasinato. Tamén denunciaron o acoso á policía nacional, ás veces mesmo facendo acusacións contra eles.[12][15]

Lembranza e recoñecemento[editar | editar a fonte]

En lembranza do aniversario do asasinato de Ángel Berrueta, realizáronse conmemoracións ao seu favor. En 2011 creouse a plataforma Angel Gogoan na súa memoria e co obxectivo de esixir xustiza. En 2014, no décimo aniversario do asasinato, tras unha recollida de firmas, presentouse no concello de Pamplona unha moción na que se pedía que Ángel Berrueta fose considerado vítima política. UPN, PP e PSN votaron en contra da moción. Nese aniversario, os seus amigos e familiares colocaron unha placa conmemorativa no barrio de San Juan. A placa foi retirada pola Policía Municipal de Pamplona horas despois. Por último, en marzo de 2016, preto do duodécimo aniversario de Berrueta, o pleno do concello de Pamplona considerou a Berrueta vítima de motivación política.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ángel, la otra víctima del 11-M y de la campaña de mentiras de Aznar". www.publico.es. Consultado o 2023-03-13. 
  2. Sampedro Blanco, Víctor. (2005). Trece-M. Los Libros de la Catarata.
  3. «Condenados el policía y su hijo a 20 y 15 años por asesinato y la mujer a 10 por provocarlo»[Ligazón morta] diariodenavarra.es 2005-07-16.
  4. «Gurasoak taldeko kide bat hil du Iruñean Espainiako polizia batek» Arquivado 18 de marzo de 2014 en Wayback Machine. berria.info 2004-03-14.
  5. (en éuscaro) «Hernanira zabaldu zen dolua» Arquivado 18 de marzo de 2014 en Wayback Machine. berria.info.
  6. (en éuscaro) «Balzak dio Ertzaintzak ez duela zerikusirik Sanchizen heriotzan» Arquivado 18 de marzo de 2014 en Wayback Machine. berria.info 2004-04-02.
  7. (en éuscaro) «Barne Sailaren bertsioa gezurtatu dute Kontxi Sanchizen senideek» Arquivado 18 de marzo de 2014 en Wayback Machine. berria.info 2004-03-17.
  8. Muez, Mikel (2005-06-27). "El jurado declara culpables a un policía y su familia por matar a un comerciante el 13-M". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-03-13. 
  9. "Veinte años de prisión para el policía que asesinó en Pamplona a un comerciante el 13-M". abc (en castelán). 2005-07-16. Consultado o 2023-03-13. 
  10. «El Supremo confirma la exculpación de Pilar Rubio por la muerte de Berrueta» Arquivado 20 de marzo de 2014 en Wayback Machine. gara.naiz.info 2006-12-19.
  11. «El policía y su hijo ya pisan la calle a los seis años de matar a Berrueta» gara.naiz.info 2010-03-07.
  12. 12,0 12,1 12,2 "El hijo del policía que mató a Ángel Berrueta sale a la calle en setiembre". GARA. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2014. Consultado o 12 de marzo de 2023. 
  13. Albin, Danilo (10 de marzo de 2014). "Ángel, la otra víctima del 11-M y de la campaña de mentiras de Aznar". Público. 
  14. Alzamora, Sebastià (1 de abril de 2022). "La muerte de Ángel Berrueta". Nabarralde. 
  15. Aitziber Berrueta: "mi padre fue asesinado por un Policía Nacional y su hijo", youtube.com, 2014-03-22an kontsultatua.