Aparello (construción)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Arquitecto técnico»)
Aparello irregular.

En arquitectura e construción o aparello, de aparellar, e este do latín appariculare, de apparare, "preparar", "dispoñer",[1] (tamén orixinariamente denominado opus na arquitectura romana), é a forma, estrutura ou disposición construtiva dun muro.

O aparello dun edificio ou dun muro pode clasificarse segundo o material empregado na súa construción e na disposición das pezas que o compoñen.

O aparellador (hoxe denominado en España arquitecto técnico) é o principal encargado da cantaría dun edificio. É quen traza os planos e quen dirixe a instalación das pezas, ademais de ocuparse de funcións moi diversas que van desde a redacción de informes até labores relacionados coa seguridade e a saúde, a xestión do proceso construtivo, a redacción de proxectos de intervencións menores e o asesoramento técnico.[2]

Aparellos de pedra[editar | editar a fonte]

A Muralla de Lugo, construída con laxas de lousa e bloques de granito. As lousas forman o armazón exterior da muralla e os bloques de granito foron empregados sobre todo para reforzar as torres que franqueaban as portas. O núcleo da estrutura é un morteiro fabricado con terra, pedras soltas e cantos, e cementado con auga.
Pedra dos doce ángulos, no muro dun palacio inca en Cuzco (Perú).
Aparello regular, Estación Piedra Sola, Uruguai, pódese observar o aparello maior e menor.
  • Regular, o que consta de pezas escuadradas.
  • Irregular

Dáselle o nome de despeze á descomposición teórica dunha construción nas pezas que o forman, e esta pode ser horizontal, radial, irregular, regular etc. As pedras talladas a escuadra chámanse perpiaños, e a obra realizada con elas denomínase de perpiaño ou de cantaría.

O aparello regular divídese pola dimensión dos perpiaños en:

  • grande
  • mediano
  • pequeno

Para os antigos romanos, a medida era de aproximadamente un metro de altura para as fileiras do aparello grande, de medio para as fileiras do aparello mediano e de dez centímetros para as fileiras do aparello pequeno.

Segundo a disposición dos perpiaños, o aparello recibe diferentes denominacións:

  • Aparello isódomo (o opus isodomon dos romanos), cando todas as fileiras de perpiaños teñen a mesma altura.
  • Aprello pseudoisódomo, cundo non a teñen.
  • Aparello oblicuo, se os perpiaños tenen forma de rombo.
  • Aparello reticulado, se ofrecen o paramento como unha táboa a modo de rede.
  • Aparello de follas de fieito (o opus spicatum dos romanos), se presenta fileiras cuxos perpiaños (ou ladrillos) de encima toman unha posición oblicua respecto aos de abaixo.
  • Aparello almofadado, se as liñas de unión entre os perpiaños aparecen como afundidas, resaltando o paramento de perpiaño na súa parte central. Ao tratarse dunha forma decorativa dos perpiaños, o almofadado préstase a moitas variacións como a de en chafrán (que é a máis corrente), a de en punta de diamante, o almofadado rústico, o vermiculado etc.

Se o aparello é irregular e de pedras pequenas que se van colocando a man, recibe o nome de cachotaría, que é o opus incertum dos romanos, e denomínase recheo (o emplecton dos gregos) cando ofrece o muro un paramento exterior regular, estando por dentro os materiais a granel ou en formigón compacto. A cachotaría recibe diferentes denominacións segundo os materiais utilizados na súa construción:

  • ordinaria, cando é de cal e canto
  • seca, se non ten cal ou cemento
  • concertada, cando se axustan ben as pedras e ofrece unha imaxe agradábel
  • poligonal, é como se se chama o aparello irregular cuxas pedras ofrecen o paramento en forma de polígonos contiguos
  • ciclópeo, se a figura é arredondada ou esquinada, sen que se axusten as superficies dunhas coas outras; porén, este nome adoita reservarse para cando se trata de grandes pedras.
  • careada, cando os elementos da cachoterías son irregulares, pero a cara do muro está máis ou menos achairada.

Na esquina do muro dispóñense perpiaños verticalmente de modo que por un lado se presentan ao longo e, polo outro, ao ancho, o que se denomina aparello de maior e menor. Nos aparellos de ladrillo (o opus lateritium dos romanos) e nos de cachotaría adoitan colocarse para maior solidez fileiras verticais de perpiaño, formando o que se denomina cadeas. Chámase muro escarpado o que toma unha posición oblicua e serve de muro de contención de terrapléns. O chamado aparello toledano, ao contrario, ten encadeados horizontais e verticais de ladrillo e plementos recheos de cachotaría.

Hai unha especie de cachotaría chamada de formigón, a formada por un encaixado onde se poñen pedras miúdas e barro ou cemento. Se só contén barro e escasas pedras chamase tapial. Este ten que apoiarse sobre cimentos ou zócolos de pedra e adoita levar de treito en treito algunhas fileiras de ladrillo.

Aparellos de ladrillo[editar | editar a fonte]

Os ladrillos, xeralmente cerámicos, teñen unhas medidas e un formato determinados e están deseñados especificamente para unirse dunha maneira determinada para formaren un muro; por iso, a lei de disposición dos ladrillos nun muro, estipulando desde as dimensións do muro até os encontros, é especialmente ríxida.[1]

Aparello inglés.
Aparello a panderete.[3]
Aparello aberto.
Aparello a media hasta.
Aparello á española.

Algúns tipos de aparello de ladrillo son os seguintes:[1]

  • Aparello a media hasta: os costados do muro fórmanse con ladrillos que teñen un espesor de medio pé (o chamado en castelán tizón) e é moi utilizado para fachadas de ladrillo visto. Están colocados na mesma dirección que o muro.
  • Aparello a tizóns ou á española: neste caso os tizóns forman os costados do muro e o seu espesor é de 1 pé (a chamada en castelán soga). Moi utilizado en muros que soportan cargas estruturais (portantes). Os ladrillos presentan na fachada unha das súas caras menores.
  • Aparello a soga e tizón: alterna a forma de construír de a soga e a tizón.
  • Aparello inglés: neste caso altérnanse fileiras en sogas e en tizóns, dando un espesor de 1 pé (a soga). Emprégase moito para muros portantes en fachadas de ladrillo visto.
  • Aparello en panderete: é o empregado para a execución de tabiques, o seu espesor é o do grosor da peza e non está preparado para absorber cargas excepto o seu propio peso.
  • Aparello aberto (ou en castelán, palomero): é como o aparello en panderete pero deixando ocos entre as pezas horizontais. Emprégase naqueles tabiques provisionais que deben deixar ventilar a estancia e nun determinado tipo de estruturas de cubertas.
  • Aparellos holandés, belga, ou flamengo: son outros tipos de aparello de ladrillo máis complexos, combinacións dos de soga, tizón, soga e tizón, por fileiras (liñas horizontais de ladrillo) combinadas de modo regular con algúns dos tipos citados; son moi usados a cara vista polo seu bo aspecto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Lajo Pérez, Rosina (1990). Léxico de arte. Madrid: Akal. p. 40. ISBN 978-84-4600-924-5. 
  2. aparellador no Dicionario da RAG,
  3. Cos ladrillos postos de canto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paniagua, José Ramón (1990): "Aparejo", en Vocabulario básico de arquitectura. Madrid: Cátedra. ISBN 84-3760-134-7, pp. 46–48.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]