Saltar ao contido

Armadura dos crocodilos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Armadura corporal epidérmica e esqueleto dun caimán negro (Melanosuchus niger).

A armadura dos crocodilos é o recubrimento corporal que consta de compoñentes protectores duros dérmicos e epidérmicos do sistema tegumentario presentes nas especies da orde dos Crocodilia.

Estrutura do exoesqueleto

[editar | editar a fonte]

O exoesqueleto epidérmico dun aligátor consta de escamas córneas oblongas dispostas en ringleiras transversas; os eixes longos das escamas son paralelos ao eixe do corpo. Na cola, excepto na liña dorsal, e no lado ventral do tronco e cabeza esas escamas son moi regulares en perfil e disposición; nos lados da cabeza e tronco e nas patas son moito menores e están colocadas menos regularmente, mentres que ao longo da liña dorsal media, especialmente na súa metade posterior, están elevadas formado quillas altas que lle dan á cola unha ampla área superfcial para nadar. Os primeiros tres dedos de mans e pés están armadas con garras córneas, que tamén pertencen á parte epidérmica do exoesqueleto.

O exoesqueleto dérmico consta de escudos óseos chamados osteodermos que están debaixo das escamas epidérmicas da superficie dorsal do tronco e parte anterior da cola. As escamas que están enriba, agás en animais moi novos, están sempre desgastadas, así que as escamas óseas están expostas. A superficie ventral ou inferior dos escudos é plana, mentres que a superficie exterior ten fortes quillas e nos animais vellos é a miúdo rugosa e con buratiños. As placas son case cadradas e están moi xuntas na maioría das partes.

Os escudos están agrupados en dúas áreas bastante distintas chamadas nucal e dos escudos dorsais. A primeira está xusto detrás da cabeza, na rexión das patas anteriores e consta de catro placas grandes e varias placas menores. A última, ou área dos escudos dorsais, esténdese polo dorso en ringleiras lonxitudinais bastante regulares e filas transversas tamén bastante regulares. Na parte máis ancha do tronco hai seis ou oito destes escudos nunha fila transversal. Fanse máis pequenos cara á cola.

Os dentes son estruturas exoesqueléticas, parcialmetne ectodérmicas e parcialmente de orixe dérmica. Son de forma cónica, sen raíces e substitúense por outros cando se perden.

Atópanse en ambos os sexos glándulas de almiscre, que segundo Gadow[1] están presentes en todos os Crocodilia, que son derivados da pel. Hai un par, cada unha das cales é do tamaño dunha noz, atopadas no lado inferior da cabeza, unha na parte interna de cada media mandíbula. Outro par está dentro dos labios da cloaca.

Histoloxía do integumento

[editar | editar a fonte]

A epiderme dun embrión ou dun crocodilo novo ou a medio crecer contén as redes de Malpighi: unha soa capa de células curtas cilíndricas. Sobre as redes hai células discoidais algo aplanadas formadas pola división transversa das células da rede supraxacentes. No exterior está a capa epitriquial, un mosaico de células poligonais con núcleo oval situado no centro. Entre as células epitriquiais hai pequenos buratos ovais, non moi diferentes en aspecto dos estomas dos tecidos epidérmicos da plantas. Bronn[2] pensa que estas non son artefactos, pero non sinala ningunha explicación da súa presenza.

As células da rede de Malpighi cilíndricas son células aplanadas que gradualmente se fan moi planas e perden os seus núcleos a medida que pasan sobre a capa córnea. O estrato córneo consta de células fortemente aplnadas nas cales os núcleos pode que xa non se observen claramente, aínda que as súas localizacións poden xeralmente determinarse polos grupos de gránulos de pigmento. Nas células das capas máis superficiais do estrato córneo hai liñas rectas escuras, quizias cristas causadas pola presión das células poligonais que teñen enriba e debaixo. As células individuias da capa córnea adoitan estar illadas nas rexións do ventre e do pescozo, onde nunca son moi grosas; pero nas costas as células desta capa son moi numerosas e fusiónanse entre si formando as placas óseas; aquí a rede é a única capa claramente diferenciada. Bronn non ten a certeza de que estean presentes na epiderme do crocodilo células puga, aínda que cre que é probable que si.

Rathke[3] indicou que na superfice de certos pregamentos do integumento, especialmente na rexión das mandíbulas, atópanse en todos os Crocodilia certas elevacións con forma de verruga espalladas e pequenas, arredor das cales hai normalmente unha fendedura circular estreita e pouco profunda; xeralmente teñen unha cor marrón escura pero ás veces gris ou mesmo branca. O exame microscópico mostra que estas verrugas son de orixe epidérmica, e constan de células redondas brillantes que están intimamente unidas, sen substancia intercelular visible. O tratamento con hidróxido potásico e despois con auga mostra ás veces, mais non sempre, núcleos granulares finos nas células. Probablemente en todos os membros do xénero Crocodylus, encóntrase, no inchamento groso do lado esquerdo e dereito do pescozo e tronco, polo menos unha fosa ou burato pequeno plano que ten a aparencia da abertura dunha glándula integumental. Nas escamas da gorxa hai tamén buratos, baixo a parte lateral do pescozo, laterais do corpo, superficies lateral e ventral da metade anterior da cola e nas patas. Están preto do bordo posterior das escamas. Só de cando en vez se poden atopar dous buratos na mesma escama. Estes buratos atópanse no gavial pero están ausentes nalgúns ou probablemente en todos os aligátores. Proxéctase unha pequena protuberancia desde o centro dalgúns dos buratos. Estes buratos non son aberturas de glándulas pero teñen case a mesma estrutura que os buratos observados na cabeza.

Os ósos integumentais nos Crocodilia orixínanse no tecido conectivo da cute. As investigacións realizadas en animais novos mostran que estes ósos xeralmente teñen a súa orixe nas capas inferior e media da cute e adoitan desprazarse cara á perifieria.

  1. Gadow 1923.
  2. Bronn 1859.
  3. Rathke 1866.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bronn, H. G. Klassen und Ordnungen des Thier-Reichs, vol. 63, "Reptilien 2, Eidechsen und Wasserechsen". 1859.
  • Gadow, H. Amphibia and reptiles. The Cambridge Natural History. MacMillan and Co. Ltd., Londres, 1923.
  • Rathke, C. Untersuchen über die Entwickelung und den Körperbau der Crocodile. Braunschweig, 1866.
  • Reese, Albert M. The Alligator and Its Allies (PDF) Arquivado 24 de novembro de 2005 en Wayback Machine.. Publicadol orixinalmente por Knickerbocker Press, 1915; reimpresión electrónica c2000 Arment Biological Press.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]