António Costa
António Luís Santos da Costa, coñecido como António Costa, nado en San Sebastião da Pedreira (Lisboa) o 17 de xullo de 1961, é un xurista e político portugués. Foi Alcalde de Lisboa entre 2007 e 2015. É o actual secretario xeral do Partido Socialista, desde novembro de 2014 e foi o Primeiro Ministro do seu país dende 2015, cando herdou o cargo de Pedro Passos Coelho a 2023, cando presentou a súa dimisión.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De orixe católica goesa, é fillo do escritor Orlando da Costa. Licenciado en Dereito na Facultade de Dereito da Universidade de Lisboa, e alí foi dirixente da Asociación Académica (1982-1984) e director da Revista da AAFDL (1986-1987). É posgraduado en Estudos Europeos, polo Instituto Europeo da Universidade Católica Portuguesa. Desde 1988 exerceu como avogado en Lisboa, actividade que interrompeu para dedicarse á política.
Foi deputado polo Partido Socialista na asemblea municipal de Lisboa, entre 1982 e 1993. Entre 1991 e 1995 foi tamén deputado na Asemblea da República. En 1993 foi candidato á alcaldía de Loures, resultando elixido concelleiro. Foi membro do Secretariado Nacional do PS entre 1987 e 1990 e volveu de novo ao Secretariado Nacional do PS desde 1994. Integrou o XIII Goberno como secretario de Estado (1995-1997) e ministro (1997-1999) de Asuntos Parlamentarios. Levou a carteira de Xustiza no XIV Goberno (1999-2002). Para alén diso foi tamén o membro do goberno responsable da Expo'98, en 1997/99, presidiu o Grupo Parlamentario do PS, de 2002 a 2004, e foi deputado e vicepresidente do Parlamento Europeo entre 2004 e 2005. Foi ministro de Estado e da Administración Interna (2005-2007) e presidente da Cámara Municipal de Lisboa (2007-2015)
En 2014, logo das eleccións europeas, anunciou que disputaría o liderado do PS a António José Seguro, nas primarias do 28 de setembro logrou a vitoria co 67,88% dos votos contra 31,65% do seu rival converténdose así en candidato do seu partido a primeiro ministro. Seguro dimitiu do cargo de secretario xeral do PS o mesmo día da súa derrota, e nas primarias convocadas para a elección de secretario xeral o 21 e 22 de novembro, Costa presentouse sen oposición, converténdose en secretario xeral da súa formación.[1]
O 7 de novembro de 2023 Costa anunciou a súa dimisión como primeiro ministro despois de que a fiscalía portuguesa iniciara investigacións contra el e algúns membros do seu gabinete por presunta corrupción, prevaricación e tráfico de influencias.[2] Con anterioridade, o Ministerio Público investigara as sospeitas que se vertían sobre o Executivo por un posíbel trato de favor en concesións de litio nas minas de Romano e Barroso, ademais dun proxecto dunha central de produción de enerxía a base de hidróxeno.[3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "António Costa eleito secretário-geral do PS com 96% dos votos". Jornal de Negócios. 23 de novembro de 2014.
- ↑ António Costa dimite como primer ministro de Portugal tras ser investigado por corrupción, prevaricación y tráfico de influencias (9-11-2023). Cadena Ser.
- ↑ "Costa apresentou demissão a Marcelo e não se recandidata a PM". Diário de Notícias. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2023. Consultado o 7 de novembro de 2023.
- ↑ "Primeiro-ministro vai ser investigado por favorecimento no negócio do lítio". Jornal de Notícias. Consultado o 7 de novembro de 2023.
Predecesor: Pedro Passos Coelho |
Primeiro Ministro de Portugal 2015-2023 |
Sucesor: pendente de escolla |
- Primeiros ministros de Portugal
- Europarlamentarios de Portugal
- Ministros de Portugal
- Deputados de Portugal
- Alcaldes de capitais do mundo
- Avogados de Portugal
- Alumnos da Universidade de Lisboa
- Alumnos da Universidade Católica Portuguesa
- Nados en 1961
- Nados en Lisboa
- Alcaldes de Portugal
- Políticos do Partido Socialista (Portugal)