Anisáquidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anisáquidos
(Anisakidae)
Larva de Anisakis simplex
Larva de Anisakis simplex
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Nematoda
Clase: Secernentea
Subclase: Spiruria
Orde: Ascaridida
Familia: Anisakidae
Skrjabin & Karokhin, 1945
Xéneros
  • Véxase o texto

A dos anisáquidos (Anisakidae) é unha familia de vermes nematodos da clase dos secernénteos e orde dos ascarídidos que parasitan, en estado adulto, mamíferos mariños, peixes e outos animais qque viven no mar. No home son causa da enfermidade denominada anisaquíase, producida pola inxestión de larvas vivas presentes no peixe, cando o consome cru ou insuficientemente cociñado.

As especies máis frecuentemente involucradas nesta parasitación son as seguintes:

  • Anisakis simplex e A. physeteris
  • Pseudoterranova decipiens
  • Contracaecum spp

O Anisakis simplex é, con moito, a especie máis característica. Estímase que o 97 % dos casos de anisaquíase se debe a esta especie e o 3 % restante ao Pseudoterranova (Martínez Ubeira). Os últimos estudos consideran que Anisakis simplex é un complexo formado polo A. simplex sensu stricto (ou A. simplex B), o A. pegreffi (A. simplex A) e o A. simplex C. Das tres especies, a primeira é a máis abundante.

Descrición[editar | editar a fonte]

Anisakis do bacallau, vistos por transpariencia

Os ovos do Anisakis son ovalados, dunhas 45-50 micras, e coa casca fina e transparente. Cando son depositados no medio mariño non están embrionados.

As larvas L3, xa infestantes, son filiformes, de 2-3 cm de lonxitude e de cor brancuxa. As do xénero Pseudoterranova é maior (de ata 45 mm) e de cor marrón ou avermellada. No tercio anterior do corpo mostran unha mancha branca que corresponde co ventrículo. No extremo cefálico mostran un dente único (dente de penetración), a boca (provista de pequenos dentículos) e o poro excretor. No extremo caudal mostran un avultamento (o mucrón), propio dos nematodos e que desparece ao mudar a larva 4.

Ciclo biolóxico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Anisaquíase.
Ciclo biolóxico do Anisakis simplex (Alexander J. da Silva, PhD / Melanie Moser, do Centro de Control de Enfermidades).

Nos Anisakis, o ciclo biolóxico é complexo e interveñen varios hospedadores.

O verme adulto parasita o aparato dixestivo de mamíferos mariños (grandes e pequenos cetáceos e mais focas), provocando fortes úlceras na parede do estómago. Pon os ovos na luz intestinal e estes son expulsados coas feces ao medio mariño. Na auga prodúcese o desenvolvemento embrionario que atravesa por tres fases larvarias (L1, L2 e L3). Eclosionan ao cabo de 4-8 días, se a auga está a temperaturas de 15 a 18 °C.

A larva L3 é de vida libre e nada no medio mariño, formando parte do plancto, co que son inxeridas polos hospedadores intermedios (normalmente copépodos e outros pequenos crustáceos). No interior destes migran cara o hemocele e rematan a maduración, converténdose en larvas infestantes. Estes crustáceos son, á súa vez, presa de diferentes especies de peixes e cefalópodos [1] e a larva pasa neles á cavidade corporal, tras atravesar a parede gastrointestinal.

Nos peixes, as larvas localízanse principalmente sobre o fígado (baixo o tecido conectivo que o rodea) ou nas ovas, pero pero son quen de desprazarse activamente para encapsularse na musculatura, especialmente nos músculos que rodean a cavidade abdominal aínda que poden chegar á carne inmediata á espiña; nos cefalópodos adoitan fixarse na parede externa do estómado e só raramente na musculatura do manto.

No hospedador intermediario as larvas aparecen soltas, móbiles, sobre as vísceras ou fixadas a estas ou ao peritoneo do peixe. Cando se localizan na musculatura aparecen onmóbiles, enroladas en espiral, formando un disco abrancazado duns 2-3 mm de diámetro.

Cando un mamífero mariño come o peixe parasitado péchase o ciclo. A larva penetra na parede do estómago, muda outra vez (L4) e alcanza a madurez sexual. Normalmente os vermes adultos aparecen agrupados, 50-100 exemplares, en úlceras de ata 6 cm de diámetro.

No caso do Pseudoterranova decipiens, os hospedadores definitivos adoitan ser unicamente pinnípedes e os intermediarios son crustáceos mísidos.

A intervención do home neste ciclo biolóxico é accidental e rompe o ciclo: constitúe un hospedador paraténico [2]

Aínda que no home as larvas provoquen a enfermidade da anisaquíase, nunca chegan ao estado adulto, pero non resulta infrecuente atopar no tracto gastrointestinal humano fases intermedias entre L3 e L4 e mesmo estas últimas xa desenvolvidas.

Xéneros[editar | editar a fonte]

Anisakis extraídos dunha pescada.

A familia comprende varis xéneros, entre eles:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A infestación tamén se pode producir se predan noutros peixes ou cefalópodos infestados.
  2. Denomínase hospedador paraténico ou de transporte aquel ser vivo que actúa como vehículo ou refuxio temporal do parasito para acceder ao hospedador definitivo, non sendo imprescindibles para completar o ciclo vital, aínda que aumenta as posibilidades de supervivencia e transmisión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Anisáquidos
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Anisáquidos

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez Ubeira, Florencio (director): "Anisaquiosis y alergia. Un estudio seroepidemiológico en la Comunidad Autónoma Gallega". Documentos Técnicos de Saúde Pública nº B24, Xunta de Galicia 2000.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]