Phaeophyceae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alga parda»)
Leathesia difformis

As algas pardas ou feófitos son un grupo de algas pertencentes á clase Phaeophyceae no reino Protista de cor castaña. Son organismos multicelulares que antes eran clasificados coma plantas "non vasculares" no reino Vexetal. Comprende uns 265 xéneros cunhas 1.500-2.000 especies, principalmente mariños; só seis xéneros son de auga doce.

A maioría dos feófitos viven nas costas rochosas do mar das zonas temperadas e subpolares, dominando a zona intermareal coma no caso das Laminariales da costa de California. Tamén se presentan en formas flotantes libres, coma o Sargassum, que forma grandes extensións no Mar dos Argazos. Son os principais produtores primarios de varias comunidades de animais invertebrados e microbios.

Xeralmente están diferenciadas en talo e mais pé. O talo dalgunhas formas pode estar provisto dun baruto de tubos capaces de transportar auga e produtos da fotosíntese, vestixios dos verdadeiros tecidos condutores (xilema e floema) das plantas superiores. Presentan clorofila a e c e xantofila.

A súa reprodución é sexual. Forman óvulos e espermatozoos biundulipodiados, que teñen un undulipodio mastigonemado dirixido cara a adiante e outro liso cara a atrás. O óvulo fertilizado xermola en resposta a unhas determinadas condicións de luz. O organismo diploide que se desenvolve a partir do óvulo fertilizado recibe o nome de esporófito.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.