Albita
Albita | |
---|---|
Fórmula química | NaAlSi3O8 |
Clase | Silicatos |
Subclase | Tectosilicatos |
Sistema cristalino | Triclínico, pinacoidal |
Cor | Branca, e rara vez azulada, gris ou rosa. |
Brillo | Vítreo |
Dureza | 6 a 6,5 (escala de Mohs) |
Fractura | Fractura perlada, irregular a concoidal |
Raia | Branca |
Densidade | 2,61 g/cm3 |
A albita é un mineral do grupo dos silicatos, subgrupo tectosilicatos e dentro destes pertence aos feldespatos denominados plaxioclasios. É un aluminosilicato de sodio, que pode levar calcio ou potasio substituíndo ao sodio na rede cristalina, pero por definición de albita debe ter máis sodio (máis do 90%) que calcio e potasio xuntos (menos do 10%).
Características
[editar | editar a fonte]Presenta un aspecto de cristais ben formados albos, case sempre maclados. A macla de cristais aplanados xuntos crea o efecto de estriacións na superficie do cristal, sendo tan característica que se designa como macla de albita.
É o extremo con sodio de dúas series de solución sólida distintas. Por un lado a serie dos plaxioclasios, á cal se considera que pertence, cuxos extremos son a albita (plaxioclasio de sodio) e a anortita (plaxioclasio de calcio). Por outra parte a serie dos feldespatos potásicos, cuxos extremos son a albita (NaAlSi3O8) e o ortoclasio (KAlSi3O8), con toda unha serie de minerais intermedios con proporcións variables de sodio e potasio.
O seu nome procede do latín albus, que significa branco aludindo á súa cor máis usual. Sinónimos moi pouco usados son: hiposclerita, olafita e zigadita.
Unha variedade de albita é a cleavelandita, que aparece asociada á turmalina e forma cristais brancos tan extremadamente finos que ás veces son transparentes.
Ambiente de formación
[editar | editar a fonte]A serie de minerais feldespatos potásicos só existe cando o ambiente de cristalización se produce a alta temperatura. Cando a temperatura é baixa prodúcese a exsolución, na que a albita se separa do resto de masa mineral formando capas de albita no interior dos cristais de feldespato potásico. Ás veces estas capas brancas son visibles ao ollo humano e o espécime denomínase pertita.
A albita é un constituínte moi típico das rochas ígneas de tipo granito ou sienita. Os minerais aos que normalmente aparece asociada en ambos tipos de rocha son cuarzo, turmalina e moscovita.
Tamén se pode atopar nas rochas metamórficas, como as formadas baixo condicións de presión e temperaturas relativamente baixas, e en certas rochas sedimentarias.
Localización, extracción e uso
[editar | editar a fonte]Encontráronse importantes depósitos na península do Labrador e na península Escandinava. Tamén hai grandes depósitos de albita na rexión do monte Branco, na Suíza, no Tirol austríaco e en todo o norte da Italia.
Este sólido é usado na fabricación de vidro e cerámica, así como na industria de materiais refractarios.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Albita |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio sobre mineraloxía da UNEDArquivado 05 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.(en castelán)
- Datos sobre localización de albita(en inglés)
- Sitio web con datos de albita(en inglés)
- Galería de minerais con información de albita Arquivado 28 de setembro de 2009 en Wayback Machine.(en inglés)
- Mineral Data Publishing, 2001 PDF(en inglés)
- Galería de imaxes I
- Galería de imaxes II
- Galería de imaxes III