Saltar ao contido

Aire negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aire negro
Autor/aAgustín Fernández Paz
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
ColecciónFóra de Xogo
Xénero(s)Novela de suspense e terror
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2000
Páxinas216 páxinas
ISBNISBN 978-84-9914-431-3
editar datos en Wikidata ]

Aire negro é unha novela de Agustín Fernández Paz de suspense e terror publicada en 2000 por Edicións Xerais de Galicia na Colección Fóra de Xogo que levou o Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2001, Premio Protagonista Jove, 2002 e figura na Lista de Honra do IBBY 2002. Acadou a 22ª edición en galego.

Como en todos os seus libros as citas e referencias literarias son continuas.

O doutor Víctor Moldes comeza a traballar na clínica Beira Verde do Baixo Miño, onde coñece unha paciente que lle vai cambiar a vida, Laura Novo. Leva tres meses nunha cela de seguridade sen que haxa avances no seu estado, non fala e só escribe obsesivamente o seu nome. No seu historial atopa datos do seu pasado e da súa volta a Galiza un ano antes, a partir de aí a información é máis escasa.

Utilizando a lectura como terapia consegue que Laura se vaia abrindo e comezan a facer excursións: Goián, Tomiño, Caminha, Santa Tegra (onde Laura lle regala un colgante cun tríscele celta)... Cando lle confesa que comeza a lembrar cousas, Víctor convéncea de que as escriba.

Comeza o relato cando no verán de 1998, nun momento de crise persoal, decide volver a Galiza e a casualidade lévaa a unha casa rural preto de Vilalba rexentada por Carlos Valcárcel, quen fora profesor en COU.

Pasará alí unha boa tempada escribindo pero todo se irá torcendo despois de descubrir unha cova durante un paseo. Meses despois, durante un paseo polo campo sorpréndea unha treboada e un raio cae moi preto dela. A partir de aí comeza o baleiro do seu cerebro.

Pasmado coa lectura destes papeis, Víctor quere comprobar se hai algo de certo no relato e descobre que si, que o que el pensaba produto da imaxinación de Laura é realidade e con esa viaxe provocará o desenlace.

Narración

[editar | editar a fonte]

Na novela hai dous narradores e os dous utilizan a primeira persoa, como é habitual en toda a obra de Agustín Fernández Paz.

O narrador principal é o doutor Víctor Moldes quen, tres anos despois, decide escribir os sucesos, cedéndolle o protagonismo polo medio aos escritos da paciente Laura Novo (conseguindo con isto unha maior verosimilitude pois é ela quen viviu eses feitos e el só os pode coñecer a través dela), para volver tomar el as rédeas narrativas ao final da obra.

Así mesmo, o feito de situar a escrita tres anos despois permítelle facer uso da prolepse para manter a tensión narrativa e a sensación de terror ¡Que pouco sospeitaba daquela que as primeiras fendas da traxedia,case imperceptibles, estaban abríndose xa por baixo dos meus pés![1].

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Víctor Moldes, psiquiatra de 32 anos, de magnífico currículo, que chega ao seu primeiro traballo na clínica Beira Verde e terá como primeira paciente a Laura, da que se vai namorando.

Laura Novo, protagonista da novela, de 31 anos, xornalista e escritora, vivira de adolescente na Coruña, e logo marchara para Madrid, de onde volveu hai un ano e no inicio da novela leva tres meses ingresada na clínica.

Carlos Valcárcel, profesor de Laura en COU, e que logo rexenta unha casa rural a onde vai Laura e inician a relación que non puideran levar adiante no instituto.

Traducións

[editar | editar a fonte]
  • Ao catalán por Josep Franco Martínez co título de Aire negre publicado en 2000 por Edicións Bromera, Col. L[2].
  • Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Aire negro e publicado en 2001 en SM, na colección Gran Angular[3].
  • Ao éuscaro por Koldo Izaguirre Urreaga como Aire beltza publicado en 2004 por Elkar[4].
  • Ao inglés por Jonathan Dunne como Black Air publicado en 2014 por Small Stations Press. Col. Galician Classics[5].
  • Ao búlgaro por Теодора Цанкова co título de ЧЕРЕН ВЪЗДУХ publicado por Small Stations Press.[6]
  1. Fernández Paz, Agustín. Aire negro, Ed. Xerais, 2000, p. 20
  2. "Aire negre". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-17. 
  3. "Aire negro". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-17. 
  4. "Aire beltza". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-17. 
  5. "Black Air". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2017. Consultado o 2019-07-17. 
  6. "Aire negro – Agustín Fernández Paz". Consultado o 2019-07-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]