Adherente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir co adhesivo

Unha substancia adherente[1] ou adhesiva[2] é unha substancia capaz de manter unidas dúas superficies, xeralmente sólido-sólido, de modo que sexa necesario unha forza considerable para a súa separación e, polo tanto, as esixencias básicas son unha adhesión sólida e duradeira.  Os adhesivos poden presentarse de distinto xeitos; en estado sólido ou líquido. O estado sólido é o seu estado puro polo que son máis duradeiros e fáciles de almacenar; disólvense segundo as necesidades a diferentes concentracións ou en distintos disolventes. En estado líquido preséntanse en forma fluída en disolucións ou emulsións.

Propiedades dos adhesivos[editar | editar a fonte]

  • Forza de unión: o adhesivo ha ter forza suficiente para adherir materiais sen crear tensións ou fracturas nos soportes.
  • Compatibilidade: o adhesivo deberá ser compatible co soporte en canto á súa natureza e sobre todo as súas propiedades e envellecemento.
  • Durabilidade: non deberá presentar cambios físicos ou químicos co paso do tempo
  • Tempo de utilización razoable: tanto para a aplicación como para o secado. Debe terse en conta que o tempo de secado dependerá da porosidade do material, da temperatura, da cantidade de produto, do tipo de disolvente empregado e da velocidade de evaporación do mesmo.

Clasificación dos adhesivos[editar | editar a fonte]

Segundo a súa composición poden ser:[Cómpre referencia]

De orixe natural: son composicións heteroxéneas con diferenzas dependendo da súa orixe, cultivo, clima, extracción etc. E poden ser produtos animais, vexetais ou minerais.

  • Animais: son adhesivos formados por xelatina, que se obteñen a partir do coláxeno, proteína que se atopa na pel, nos ósos, en escamas de peixe e tendóns dos mamíferos. 
  • Vexetais: os amidóns da fariña ou engrudo, procedentes das gramíneas ou do arroz.
  • Minerais: coma as ceras extraídas de carbóns, turbas, lignitos e betumes.

De orixe artificial ou sintético: o desenvolvemento dos polímeros substituíu os produtos naturais dado que a súa composición é homoxénea e repetitiva, o que permite un maior control das súas propiedades, pero tamén pola dispoñibilidade ilimitada e a produción a grande escala. Poden clasificarse en termoplásticos ou adhesivos non estruturais e termoendurecibles ou adhesivos estruturais:

Termoplásticos: polimerizan con cadeas que teñen a cada pouco enlaces transversais pouco numerosos. Os monómeros están ligados uns aos outros formando unha rede bidimensional, son solubles e fusibles (coa temperatura pode cambiar o seu estado). Serven para manter unidos materiais pouco pesados e que non están sometidos a grandes presións.

Termoendurecibles: son macromoléculas tridimensionais compostas por moléculas unidas por numerosos enlaces transversais, formando unha rede tridimensional ou malla. Son insolubles, infusibles e serven para manter unidos fragmentos que deben soportar importantes cargas o forzas de tracción. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para adherente.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para adhesivo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]